Os veciños dun tramo da Avenida da Pastora (unha rúa de grande extensión que pasa por diante do Pazo de Ulloa, vai até o tanatorio e o cemiterio de Santa Mariña, bordea o Monte de Pastora para encanar coa estrada de Ribadumia case á altura do Mercadona) levan varios sustos cada vez que chove. E ultimamente chove bastante.
A zona conflitiva sitúase nos números 50 de dita rúa, onde se atopa o Restaurante A dos Piñeiros. Este local é un dos que sufre inundacións polas chuvias, hoxe podía verse na súa porta un aparello de madeira colocado polos propietarios para minimizar a entrada da auga. Os más afectados son os inmobles desa banda da rúa, os números impares, pola pendente da propia avenida. O Concello parece ser o responsábel das anegacións xa que a pesar das queixas repetidas dalgúns veciños no consistorio as arquetas están desde hai ben de tempo sucias e son o causante da acumulación de auga.
Nas fotos que se adxuntan pode verse como na zona onde se producen as inundacións hai unha arqueta que nin sequera podería ser limpada se así o quixesen os operarios do Concello porque este asfaltou por riba dela.
Ademais outro problema que se pode detectar a simple vista e que é un denominador común a outras rúas do Concello; é que o goberno local ao ir asfaltando en cada período electoral sen retirar as capas previas de pavimento provoca que o nivel da rúa vaia subindo e os portais cada ano estean máis abaixo.
Isto, que podería resultar incrible ou esaxerado, é un feito constatable en moitas das rúas de Cambados, como por exemplo na Rúa Sevilla, onde tamén son comúns as inundacións.
Aínda que esta nova non foi remitida por ninguén, lembra que podes denunciar calquera situación que consideres denunciábel no correo cambadostk (arroba) gmail.com.
En Setembro de 2005 publicábase na vella Cambados.tk un artigo titulado E menos mal que non chegou un tsunami… que trataba os temas das inundacións daquel ano. Este texto, publicado tamén no seu día no Faro de Vigo podes lelo premendo en Seguir Lendo.
Vista xeral do tramo da rúa
Un dos sumidoiros, este cuberto de asfalto. Ao operario que lle toque limpalo no seu día non lle ha resultar doado
Vista dunha entrada a un garaxe con restos de auga
Entrada ao restaurante tapada polos propietarios. A auga brota das alcantarillas e entra no local