//
estás a ler...
Cambados, Galiza, global

Resumo do 2009 político


politica

O ano político 2009 pode resumirse coas fotos de aquí arriba, e analizando o ano desde a nosa vila, estas foron as persoas que poden resumilo.

O ano 2009 foi un ano dobremente electoral: en marzo vivimos as eleccións galegas, que remataron coa experiencia do goberno de centroesquerda do bipartito PSOE-BNG e entregáronlle o poder ao Partido Popular de Núñez Feijoó. Nesas eleccións, cunha campaña moito máis suxa do habitual entre outras cousas pola introdución do tema lingüístico por parte do PP e das descalificacións dos conservadores, a cambadesa Rosa Oubiña concurriu fóra dos postos de saída da lista da dereita pero finalmente acadou un escano trala renuncia da súa compañeira Corina Porro.

Trala perda socialista e nacionalista, un verdadeiro golpe de moral ao electorado de esquerdas, ambos partidos se recompoñen poñendo a dous Vázquez como líderes: Pachi no PSOE e Guillerme no Bloque. Na nova executiva frontista a veciña de Oubiña Montse Prado pasa a ocupar o número 3 do BNG a nivel nacional. Montse formara parte ademais do Goberno Galego e participara nas listas sen obter representación.

Trala vitoria popular a nova Xunta require ao até entón alcalde de Cambados José Manuel Cores Tourís para ocupar o posto de Delegado Territorial na provincia de Pontevedra. A creación destas delegacións únicas foi polémica, os que as ocupan foron chamados “superdelegados”.

O novo posto de Tourís desencadea bastantes cambios no Concello: Anabel Carro, número 2 da lista local vaise co ex alcalde á Delegación, segundo as malas linguas para evitar que se fixese co relevo de Tourís. Luís Aragunde é elixido pola Corporación Municipal novo alcalde de Cambados, e este nomea novos tenentes de alcalde, Cores Chaves será o número dous de Aragunde, pero este seguirá facéndose cargo de Cultura e Iglesias Pombo será o novo edil liberado.

No BNG local tamén hai cambios: por unha banda en Xullo renóvase o consello local e Xoán Antonio Pillado deixa de ser responsábel despois de tantos anos, María José Cacabelos ocupa xa ese posto. Pouco antes de que iso pasara Martínez Ulloa volvía a converterse en concelleiro trala marcha de Amancio Gondar, que agora é presidente da asociación Zona Centro e do cal algúns rumores apuntan que a súa marcha é debida a desavenencias internas. Duarte Correa deixa de ser responsábel comarcal do Bloque.

Na parte que lle toca ao PSOE destaca a figura de Rafael Blanco, quen concorre nas listas ao Parlamento Galego sen acadar o seu escano e que recentemente foi elixido responsábel do PSOE na comarca. Rafael Blanco sen dúbida podería ser o político “revelación” nesta tranquila vida política municipal e apunta maneiras de cara a unha posíbel sucesión de Tabuyo, quen por outra banda parece disposto a ser candidato outra vez en 2011.

Como pincelada falar tamén das eleccións europeas, que aparte de moi aburridas supuxeron a volta, aínda que só por un tempo, do nacionalismo ao Parlamento Europeo da man da ilusionante Ana Miranda. Iso si, os resultados en votos do Bloque foron francamente malos.

E volvendo a Cambados, entre os temas máis importantes do ano cabe resaltar que as propias eleccións galegas dominaron a discusión local durante semanas, e ademais o Ano Cabanillas 09 tivo certa relevancia, así como o debate sobre a comisión organizadora, que finalmente saiu ao gusto do PP sen contar coa representitividade que a oposición requiría. Pese a moitas notas de prensa e reproches finalmente o Ano foi valorado en xeral como positivo por todos.

2009 foi o ano en que por fin rematou o proceso xudicial do Concello contra Maximino Cid Ferro, e este xa está traballando en Cambados como Sarxento da Policía Local.

A recente viaxe de Aragunde a Arxentina de Aragunde e Tourís con Louzán avivou o debate entre BNG e PP polo suposto gasto indebido do Concello nunha comitiva ao país sudamericano integrada exclusivamente por cargos do Partido Popular para repartir cheques.

E seguramente moitas moitas cousas queden no tinteiro, pero para iso está o arquivo deste blog e moitas outras páxinas e xornais que calquera pode consultar.

Só agardar un feliz 2010 para todos e que non se faga demasiado aburrido este ano non-electoral, por primeira vez en moito tempo. Soportarémolo?

Advertisements

Conversa

Os comentarios están pechados.

Nas redes sociais

Decembro 2009
L M M X V S D
« Nov   Xan »
 123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
28293031  

Arquivo

wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.

%d bloggers like this: