//
arquivo

Archive for

Paréntese en Cambados(tk) de unha semana


Cambados(tk) non actualizará contidos polo menos até o vindeiro 1 de Febreiro debido a cuestións persoais .  Gustaríame aproveitar e dar as grazas a todos os que entrades, xa que o blog leva 11 días seguidos no top de blogues máis lidos de Blogaliza, toda unha honra. Está claro que esta boa racha rematará polo parón de actualizacións, pero o día 2 non deixes de visitar este espazo…son moitas as cousas que haberá que comentar!

LIBRO DE VISITAS

Desde esta semana pasada os comentarios do libro de visitas serán moderados, non como até agora, e se eliminarán os que conteñan difamacións persoais para evitar problemas. Do mesmo xeito isto será imposíbel de levarse a cabo durante os próximos días, o que non quita que a partir do 1 de Febreiro se revisen os publicados nesta semana.

Méndez Ferrín é elixido presidente da RAG. Francisco Fernández Rei ocupará a vicesecretaría


mendezferrinO escritor Xosé Luís Méndez Ferrín substituirá a Xosé Luís Barreiro na presidencia da Real Academia Galega. A súa candidatura foi a única presentada e contou co apoio de 20 dos 23 académicos, os restantes tres votos foron brancos.

Ademais Xosé Manuel Axeutis ocupará a secretaría, Euloxio Ruibal será o arquiveiro e Manuel González asumirá a tesouraría da institución.

UN CAMBADÉS NA EXECUTIVA

O trianero Francisco Fernández Rei formará parte da executiva da Academia Galega ocupando o posto de vicesecretario. Parabéns.

A RAG presentaba esta semana un informe moi crítico coas bases para o decreto do plurilingüismo que a Xunta quere sacar adiante e que o pasado xoves contou cun masivo rexeitamento en forma de folga do ensino e manifestación en Compostela.

Jazz de luxo no pub Rif-Rock


rifconcertoJuanmaBarroso

Concerto sorpresa do pub Rif-Rock (Infantas 13). A cargo de Rosolino Marinello (saxo tenor), Paco Charlín (contrabaixo) e Juanma Barroso (batería). É unha oportunidade única de escoitar jazz de primeira, non volo perdades!

Cambados foi a localidade na que máis xente se sumou á folga de toda a Comarca


Sinala hoxe la Voz de Galicia que o paro nos colexios e institutos foi un rotundo éxito n´O Salnés, onde máis do 60% do profesorado non acudiu a clase. Cambados situouse como o Concello máis combativo, con centros totalmente parados (como A Pastora, onde ademais non comezarán as clases até o martes polos danos do temporal, e Castrelo.

Ademais tamén en Santo Tomé a folga rexistrou unha participación case total, con arredor de tres mestres acudindo ao traballo, ou Vilariño, coa mesma cifra. Nos centros de secundaria a participación foi menor, pero neste caso foron os alumnos quen secundaron a folga. Algúns, como no caso do instituto Asorei, acudiron organizados á manifestación histórica de onte.

A dignidade como resposta. Esperanza


ant

Hoxe tivo lugar a folga xeral no ensino contra o decreto dos idiomas que presentou o goberno galego en vísperas de Noitevella. O seguimento foi masivo, e masiva foi tamén a manifestación que tivo lugar en Compostela. A participación foi altísima, ducias de miles de persoas ateigaron en varias ocasións a praza do Obradoiro, e hai que ter en conta que hoxe era día laborábel e non domingo como de costume.

Lamentabelmente a resposta da Xunta non está a ser positiva, Feijoó tildou a protesta de “nacionalista”, aínda cando sectores de todas as ideoloxías se xuntaron co propósito común de defender a lingua deste país. Porque iso é xusto o que sucede: que o idioma nos une a todos, incluidos os castelanfalantes, por riba de ideoloxías por moito que lles pese aos dirixentes do Partido Popular.

Hoxe,  aínda máis que de costume e a pesar da distancia, é un orgullo ser galego. Malia as accións negativas dos gobernos, mentres quede dignidade, mentres aínda haxa xente disposta a loitar polo que somos, entón aínda hai esperanza. O galego ten hoxe máis futuro ca onte. Mal que lles pese.

A continuación podes ver algunhas fotografías (de CPL para Cambados.tk) e tamén n’A nosa terra. Á capital achegouse moita xente de Cambados, especialmente mestres e alumnos.
Para ler unha análise sobre o rascuño do decreto preme aquí.

100_0776

100_0763

100_0792

Pastora: O Concello escurre o vulto outra vez, eles obraron ben e a empresa encargada (por eles) non


pastoraOnte o goberno local emitía unha nota de prensa que pode ser consultada na páxina web oficial, Cambados.es. na cal o Concello expón en varios puntos o seguinte:

-Os representantes do goberno foron os primeiros en acudir ao centro afectado e visitaron o lugar moi a miúdo.

-Os operarios do Concello actuaron con celeridade retirando as planchas metálicas.

-Houbo total coordinación entre Xunta e Concello. A culpa é da empresa porque non podía fabricar as novas planchas máis rápido e porque puxo un tellado provisional que non resistiu o temporal.

-O Concello foi quen levou os desumidificadores e o canón de calor. O secretario da ANPA  tamén levou material pero non se puido usar.

-O goberno recoñece que houbo profesorado e pais e nais traballando para mellorar a situación.

-As novas planchas foros colocadas e o centro recuperará pronto a normalidade.

O que non nomea o comunicado:

– O mantemento dos centros públicos en Cambados é totalmente deficiente, e cada ano que pasa máis. Como se indicaba onte neste medio, en dous anos o orzamento para este cometido reduciuse un 37.5%, pasando de 40.000 euros a 25.000 euros con máis centros a coidar.

-Xa non podemos comprobar como estaba a cuberta anterior da Pastora, pero si podemos, por exemplo, acudir a San Tomé e ver a selva que medra no seu tellado. Os operarios do Concello non aplican o mantemento necesario, por que habería de estar a Pastora en mellor situación que San Tomé?

O que reflicte o comunicado:

– Hai dúas posibilidades: ou o Concello, aplicando por fin o principio de normalidade democrática no goberno, dá explicacións á cidadanía (neste caso pais e nais do colexio) sobre a súa acción. A outra, que teme que a mala xestión poida pasar factura política.

De todas formas, benvidas sexan as aclaracións. Oxalá explicaran tamén o por que do recorte do presuposto para centros escolares.

Imaxe extraída de Diario de Arousa

O caos n´A Pastora: Redución dun 37.5% nos orzamentos locais para mantemento de centros escolares en dous anos


orzamentosOs profesores e os pais e nais do colexio infantil d’A Pastora, que hai dous días perdía a cuberta no temporal de vento, coincidiron en sinalar ao Concello e á empresa encargada de realizar as reparacións pertinentes como responsábeis da situación caótica que vive o centro, coas clases suspendidas até nova orde.

O xefe provincial de Educación, César Pérez, o delegado da Xunta en Pontevedra, Cores Tourís e o alcalde, Luís Aragunde, visitaron o centro e comprobaron por enésima vez o desastre que se montou por non ter supervisado as obras de reparación. Hoxe pola mañá ía ter lugar unha reunión de pais, nais e profesorado para avaliar o avance das obras e fixar quizais unha data de reanudación das clases.

Os representantes de pais e nais afirmaron a Faro de Vigo que foron algúns deles e membros do claustro quen tiveron que traer das súas casas deshumidificadores, bombas de calor ou lonas para cubrir os lugares afectados. Ademais de mover mobles e material escolar.

O xefe de Educación escurriu o vulto na súa visita e botoulle ás culpas á empresa encargada. O que non recoñecen é que as partidas que adica o Concello ao mantemento dos centros escolares vense cada ano reducidas e iso deriva logo este tipo de sucesos: en 2007 os orzamentos contemplaron 40.000 euros para este cometido, en 2008 pasaron a 25.000 e mantivéronse en 2009 aínda tendo en conta que o Conservatorio de música sumábase á listaxe de centros que o Concello ten que manter durante o ano. É dicir, en dous anos reducíronse un 37.5% aínda cando o número de centros a conservar é maior.

Non terá que asumir responsabilidades do ocorrido o goberno local diante destes datos? Ah, non, estamos en Cambados…

Eu falo, visións sobre a lingua


eufalo

Interesante vídeo da páxina eufalo.tv, aínda en construción. Nel, reflíctese dalgún xeito a realidade lingüística, opinións, xuízos e prexuízos arredor dela.

A propósito, a Real Academia Galega entregou hoxe ao Presidente da Xunta de Galicia un informe no que se posiciona en contra do borrador do decreto dos idiomas no ensino. Ademais, os sindicatos de profesorado no ensino tamén rexeitaron a norma, incluídos CIG, CCOO, UGT, e mesmo ANPE, o sindicato ligado á dereita.

[para ver o vídeo, premer na imaxe]

Isabel Pérez revalida a súa maioría e continuará á fronte das mariscadoras


mariscadoraseleccionsAs eleccións na agrupación de mariscadoras da confraría de Cambados arroxou un resultado continuísta: Isabel Pérez revalida por dous anos o seu liderato fronte á candidatura alternativa de María José Cacabelos. A pesar da súa vitoria, tras dez anos no posto, os apoios estiveron moi repartidos, xa que a candidata gañadora fíxoo por 118 votos fronte aos 90 de Cacabelos.

Finalmente o reparto quedará en 4 postos para a lista máis votada e dous para a outra. As dúas mulleres que concorreron de xeito independente quedaron sen representación. A participación foi moi importante, xa que só nove mariscadoras quedaron sen pasar polas urnas.

Información e imaxe extraídas de La Voz de Arousa

Desastre organizativo do Concello no colexio d'A Pastora


colexioapastoraO temporal que hai un par de días causou múltiples destrozos na comarca, e que fixo voar a cuberta do colexio infantil d’A Pastora, está a traer cola pola mala xestión municipal no referido ás reparacións neste centro. Trala perda do tellado, as clases foron suspendidas totalmente até que este fora reposto. O Concello prometeu que os operarios estarían traballando toda a fin de semana para arranxar canto antes o problema.

A sorpresa das profesoras foi grande onte cando entraron na escola e viron que a auga anegaba o interior das aulas, a pesar de que a empresa encargada do asunto prometera cubrir o espazo danado cunha lona para impedir a entrada da choiva. O equipo directivo chamou á Policía Local para que emita un informe do ocorrido. O alcalde, Luís Aragunde, desprazouse até o colexio e comprobou o desastre que eles mesmos contribuiron a amplificar, e recoñeceu que “a pesar de la celeridad con la que se procedió al inicio de los trabajos, la protección de plástico improvisada por la empresa constructora para tapar el techo del edificio fue insuficiente para evitar la entrada de agua”.

Profesoras e membros da ANPA axudaron a mover todo o material escolar afectado a zonas secas do centro para evitar máis danos.

O portavoz do PSdeG-PSOE, Domingo Tabuyo, calificou como dantesco o estado do centro escolar e solicitou á Consellaría de Eduación que repoña canto antes o material que se perdeu e culpa ao Concello de que non protexera axeitadamente material escolar e mobiliario.

Non se sabe aínda cando se van reanudar as clases.

Información e imaxes extraídas de Diario de Arousa.

Nas redes sociais

Xaneiro 2010
L M M X V S D
 123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.