Ramón Nogueira naceu hai dazasete anos e é veciño de Cambados, máis concretamente dese barrio mariñeiro que é San Tomé (o propio pai de Nogueira traballa no mar). A carón deste mar, na Torre de San Sadurniño, Ramón di sentirse cómodo para escribir. E de feito faino, e faino ben.
Desde hai uns meses amosa ao público os seus poemas nun blog de internet (www.ramonogueira.wordpress.com) , acompañados de suxerentes imaxes, a maioría da súa propia autoría.
Este Nadal CANDEA puxo punto e final ao Ano Cabanillas 09 coa presentación do primeiro libro deste xove poeta, Berros desde o Alén. Nel podemos atopar unha colección de poemas intimistas que nos acercan aos pensamentos máis profundos de Nogueira cunha estética de vangarda, que como di o propio autor, “está de moda”.
No Café Continental, lugar axeitado para este tipo de encontros, séntome con Ramón para ter unha pequena conversa sobre el, sobre o seu libro e incluso sobre actualidade. Ramón ten unha fala clara e concisa, un galego correcto e á vez coherente co lugar onde o aprendeu. Responde rápido, ás veces incluso adiantándose ao final da miña pregunta.
Cando comezas a escribir?
Empezar a escribir aos sete anos pero poesía aos doce. Primeiro empecei con prosa, algún conto porque sempre me gustou moitísimo a lectura e despois de descubrir a Gloria Fuertes empecei a escribir algún verso pero moi pouquiño. Logo aos doce foi cando descubrín a Yolanda Castaño e centreime na poesía.
Por que poesía? que diferenza atopas nela?
A prosa non me amosaba nada, non era capaz de de expresar de verdade o que quería; a través dunha historia expresar é moi difícil, entón ao darme conta descubrín que a poesía era o que eu precisaba.
Supoño que detrás da escritura haberá bastantes horas de ler e reler…xa comentaches algún autor dos que influiron en ti, pero se tiveras que nomear os máis importantes cales serían?
Yolanda Castaño por ser a primeira da poesía vangardista que atopei e Fernán Vello porque para min é un dos mellores escritores do momento. Manuel Rivas tamén, sen dúbida. E logo como poesía xa de élite Cabanillas, por suposto, e Manuel María tamén me encanta. Para min estes son os más importantes. E os clásicos, sempre, como Pondal, Rosalía e Curros.
“Busco a poesía que me faga sentir”
Cando ti les poesía, que é o que buscas? Cal é a diferenza que fai que che guste máis ou menos?
Sobre todo que me toque, que me toque por dentro. Porque o que busco eu na poesía é que me faga pensar, que me faga sentir, sobre todo, e se son capaz de levalo ao meu terreo; por exemplo se unha poesía está relacionada con algo que me pasou a min, levala ao meu ámbito e tratar de sentila mellor.
Desde hai un tempo publicas os teus poemas nun blog; isto é tan só unha afición para ti ou se puideras gustaríache dedicarte a isto seriamente?
A min encantaríame vivir disto.
Aínda que é difícil…
Si, si, pero claro, é moi difícil, sobre todo poesía que tampouco é un best seller precisamente. Pero si, gustaríame. Por iso tamén intento escribir outro tipo de cousas; comecei este mes con treatro e prosa tamén escribo. Sempre unha prosa poética, claro. E logo a poesía.
Ademais seguirei aí intentándoo, concurso que vexa concurso que me meterei, e para adiante. (coméntolle a iniciativa aprobada no último pleno do ano na cal se crea un premio literario anual en honor a Ramón Cabanillas)
Entrando en Berros dende o Alén, como definirías ti o estilo dos poemas do libro?
Defínoos como meus, sobre todo. Defínoos como novos, unha poesía que está moi de moda e de vangarda. Aínda así intento buscar sempre un ritmo. A medida depende da que traballe, pero sempre adoito centrarme no ritmo.
Como te sentiches cando soubeches que se ía publicar, e, en especial, no momento en que o tiveches o libro…
(remata por min a pregunta)…nas mans: Pois para min foi impresionante. Despois de catro anos querendo publicar un libro…saber que se ía publicar e que se interesaban por min, e que ía telo diante foi impresionante. Pero xa cando o tiven nas mans foi…foi un soño, completamente. É máis, despois de unha semana seguía sen crelo.
O teu libro publicouse ao final do Ano Cabanillas 09, un acontecemento que trouxo consigo cantidade de actividades culturais. Como valoras ti o Ano en xeral?
Para empezar é unha honra que se me publicara como remate das actividades de CANDEA no Ano Cabanillas. Unha honra moi grande. Valorando as actividades paréceme que foi un ano bastante activo. Aínda así mirando o que se puido facer véxoo tamén algo curto, porque puido ser moito máis espectacular, especialmente en dar a coñecer o Ano Cabanillas máis cara a fóra de Cambados. Pero as actividades gustáronme moitísimo.
E se tiveses que elixir algunha en concreto? Aparte da publicación do teu libro, que supoño que che quedará para a toda a vida…
Para toda a vida. Pois supoño que as obras de teatro, gustáronme moito, ademais precisamente unha das miñas compañeiras participou nelas. O teatro estivo xenial, e logo gustoume especialmente unha presentación de diapositivas no Pazo de Torrado sobre a vida de Cabanillas, amosando a súa infancia e o Cambados daquela, acompañado dun violinista e dunha zanfona. E tamén o rueiro organizado por CANDEA, ao que non puiden ir, pero si vin as fotografías e o que se explicou.
Aparte da poesía que aparece en Berros dende o Alén, tamén tes poesía na que se albisca certo compromiso, como no poema do blog Berro á razón, que a min particularmente gústame moito…cando escribes dese xeito, máis combativo, falo porque sentes que tes que facelo…
Sinto que teño que facelo
…e gústache facelo?
Si, si. Gústame facelo, sinto que teño que facelo e sinto que máis xente debería facelo. Para min é unha necesidade defender o que teño. E agora que me coñecen véxoo tamén como unha obriga.
Teño máis poesía combativa, non toda para ensinar. Tento xuntala toda para crear outro poemario novo. Son todas arredor do galego, arredor de Galiza e arredor… da nosa terra, logo.
“O mellor que ten Galicia é o idioma”
Por poñer un exemplo de tema “combativo”, que che parece a situación actual da nosa lingua?
Unha pena, unha pena, a verdade. Porque non se valora nada o que temos, e aparte estano desfacendo. Cada vez máis xente se ten que dar conta do que temos, que é o mellor que hai: o mellor que ten Galicia é o idioma, e creo que deberíamos valoralo moitísimo máis do que o facemos. Eu tamén espero contribuír a abrir os ollos da xente.
Cando escribes poesía do tipo máis intimista, supoño que non consistirá en sentarse na mesa e veña a escribir, nese proceso…haberá algúns lugares especiais nos que te inspires non?
Si, hai na dedicatoria do libro unha referencia á Torre de San Sadurdiño, [no libro refírese a ela como a súa vella amiga de pedra] porque se non é a metade é cuarta parte dos poemas que aparecen en Berros dende o Alén, foron escritos alí. Ademais quitas alí unha idea para, traballando, sacar un primeiro verso, logo segues e aparece un segundo, non che queda ben e segues traballando para que ao final dunha semana teñas un poema que pode consistir en só cinco ou seis versos.
Outros tamén son máis rápidos de escribir, neses momentos nos que necesitas botalo fóra todo, pero sempre hai que facer un traballo grande. E a Torre axúdame, A Pastora tamén.
E supoño que os outros, os combativos, nun momento de…
…de desafogo.
…de rabia.
Sen dúbida, de rabia. Despois de ler algo no periódico, despois de ver unha nova na televisión, despois de falar cun compañeiro, ou calquera cousa parecida…
Haberá que seguir atentos ao blog de Ramón Nogueira, á espera de que retome a publicación de textos. Por agora sabemos que está ordeando do que xa dispón, posto que un requisito de case todos os concursos literarios é que nunca foran publicados con anterioridade. Noraboa e a seguir escribindo!
Berros dende o Alén, está editado por CANDEA e podes atopalo nas librarías Contos e Cabanillas, por uns seis euros. Por certo, segundo puidemos saber estase a vender moi ben nesta campaña de nadal. Desde logo é un bo detalle para regalar!
Conversa
Trackbacks/Pingbacks
Pingback: Cambados(tk) » Cambados(tk) no top10 de Blogaliza coa entrevista a Ramón Nogueira - 06/01/2010