//
estás a ler...
Galiza

Un decreto amable como o goberno e tan antigalego coma el


galego5O único que fai o decreto é trasladar a cordialidade da rúa ás aulas“,  esta frase, pronunciada estes días polo presidente Alberto Núñez Feijoó, expresa xusto todo o contrario do que supón e vai supoñer o decreto que quere levar adiante o Partido Popular na Xunta para regular o emprego dos idiomas nas aulas do país.

O único que fai este decreto, é, por un lado, transladar o conflito creado polo propio PP ás aulas, aos colexios e institutos de toda Galiza, e ademais supón outra oportunidade para que o galego perda un espazo tan importante como era o ámbito educativo.

Antes de facer a pequena análise cabe repetir: a lingua na docencia debe ser elixida polo Goberno Galego, a través da Consellaría de Eduación, representantes lexítimos do pobo galego,  e en ningún caso debe ser unha elección para os pais, xa que a eduación (e máis a pública)  da xuventude dun país é un tema de “Estado”, de pais, de nais, de cidadáns sen fillos, de políticos e de sindicalistas, de traballadores e de parados: de todo o mundo. Aféctanos a todos, e ademais nun lugar como Galiza onde temos dúas linguas,  unha propia e en desvantaxe, a situación é aínda se cabe máis delicada.

A Xunta escurre o vulto da lingua. O conflito transladarase a cada centro.

O decreto tal e como aparece no borrador translada conflitos creados polo Partido Popular, ao seguirlle a corrente ao grupo extremista Galicia Bilingüe  na pasada campanha electoral, porque como é sabido dúas das asignaturas serán impartidas no idioma que elixan unha maioría de pais (Matemáticas e Coñecemento do Medio/Ciencias Sociais). Parece ser que o xeito en que os pais e nais poderán elixir será nunha consulta (como lles gusta…) cada catro anos. Isto senta as bases para outra inxustiza: os pais dun rapaz, poñamos, que entre en ESO pode ser que voten a lingua nestas asignaturas cando o seu fillo estea cursando cuarto curso,a  piques de abandoar o ciclo no cal elixirán idioma. Pola contra, os pais doutro rapaz que estea en cuarto cando o anterior comece terán tomado partido na elección da lingua en que o outro estudará tres anos…

As demais asignaturas deberán impartirse equilibrándoas en tres terzos, un para castelán, outro para galego e un terceiro para “lingua(s) extranxeira(s)”. Aquí a gran baza do Partido Popular: introduzamos a eduación en inglés e todo o mundo estará contento. E é evidente que a case todos nos parece unha gran idea mellorar as competencias, tan precarias agora dos alumnos galegos na “lingua universal” , pero se afinamos nesta cuestión do decreto podemos observar como en realidade este terzo de inglés pode tratarse dunha excusa para reducir aínda máis o ensino na lingua propia.

Discriminación positiva: si para o inglés, non para o galego

Está claro que hoxe en día non existe no país a formación de profesado suficiente para ensinar materias troncais no idioma de Shakespeare, nin de lonxe, vamos. E aquí é onde entra a intelixencia de Feijoó, que o sabe perfectamente, e que xa declarou nunha entrevista que polo menos até dentro de 5 ou 8 anos non poderían impartirse unha ou dúas materias en inglés; no decreto (Disposición Transitoria 1ª) recoñécese esta cuestión e afírmase que

“Na medida en que os centros educativos non dispoñan dos recursos

humanos que lles permitan ofertar as horas semanais en lingua(s)

estranxeira(s, estas impartiranse en galego ou castelán, escoitando a

opinión das familias e aprobando no Consello Escolar unha asignación

lingüística que asegure o máximo equilibrio na distribución de horas

semanais nas dúas linguas oficiais.”

A pesar dese “máximo equilibrio” de que se fala, podemos estar seguros de que na maioría dos casos o equilibrio vai estar inclinando a balanza de novo cara o ensino en castelán. Outro burato no decreto.

Ademais, por que só se fala de inglés neste terzo de horas e non, por exemplo, de portugués, cando no decreto se mantén en todo momento a definición  de lingua(s) extranxeira(s)?

Chama tamén a atención que o propio presidente anuncie unha discriminación positiva para os profesores dispostos a impartir aulas en inglés, cando o Partido Popular treme ao oír calquera clase de discriminación positiva cara o idioma propio, e lembremos, oficial deste país. E xa non só discriminacións positivas, mentres se premia ao profesorado para inglés nos concursos de translados, o galego é retirado dos requisitos das oposicións á función pública galega.

Unha vez sabido como se elixirán as linguas para matemáticas e sociais, e que o tema do inglés vai para rato e mentres será fonte de horas en castelán, como se reparten as demais materias? Pois será o Consello Escolar quen decida en que linguas se repartirán as asignaturas. Outro problema nas escolas. Transladamos non só aos pais a responsabilidade de decidir, senón que o Consello Escolar, no cal están representados pais, nais, profesores, Concello, e no caso de insitutos tamén alumnos e persoal non docente, será quen teña a papeleta de distribuir por lingua as demais áreas.

Consultas: máis gasto e máis desigualdade. Non se garante o obxectivo da aprendizaxe das dúas linguas oficiais.

Toda este enredo de consultas e decisións por centro só crea varios aspectos negativos. Por un lado, e o menor de todos: un gasto en enquisas cada catro anos innecesario ao estilo do inquérito que a Consellería enviou aos pais o pasado ano (pode supor uns 300,000 euros de cada vez).  Por outro lado crea unha total asimetría no sistema educativo galego. Isto, a longo prazo, pode supoñer unha segregación de alumnos por lingua, xa que un pai poderá elixir segundo o idioma da súa preferencia o centro ao que quere enviar ao seu fillo e rematar con décadas de total e normal convivencia de idiomas.

Pero un dos aspectos máis graves é que imposibilita que se cumpra ese obxectivo histórico en canto a idioma do noso sistema educativo: que todos os alumnos rematen a súa educación con semellantes competencias na súa lingua materna e na outra lingua oficial do país. Isto refórzase co feito de que os alumnos, nunha clase impartida en galego poderán realizar todo o traballo, escrito e oral,  da materia en castelán (ou viceversa).

Pode explicarme alguén entón como conseguimos que todos os alumnos rematen coñecendo as dúas linguas se, aparte da elección, van poder evitar pronunciar unha palabra na outra lingua durante todo o seu percorrido educativo?

Educación infantil: das galescolas ás aulas en castelán pasando polas galiñas azuis.

E non falemos xa da educación infantil. Despois de ter rematado co avance do galego na etapa preescolar, mudando galescolas por Galiñas Azuis, agora farán que nas clases se empregue o idioma predominante, iso si, “garantindo” a adquisición de competencias no  outro porque “se atenderá de xeito individualizado o alumnado que non teña coñecemento suficiente da lingua predominante na aula.”

Con que medios se vai conseguir isto? Por exemplo, se o reparto de linguas na clase é 60-40, como se garante  esa atención personalizada? Sen dúbida, outro paso para castelanizar aínda máis as cidades.

E como guinda: cambiar o nome dos Equipos de Normalización Lingüística dos centros escolares por Equipos de dinamización da lingua galega. Porque ya sabe usted, que normalización puede sonar a imposición…

Advertisements

Conversa

Os comentarios están pechados.

Nas redes sociais

Xaneiro 2010
L M M X V S D
« Dec   Feb »
 123
45678910
11121314151617
18192021222324
25262728293031

Arquivo

wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.

%d bloggers like this: