//
estás a ler...
Artigos de opinión, Cambados, Galiza

PLAN DO LITORAL I: Unha lectura xeral


(Para clarificar a información, a reportaxe vai ser dividida en entregas, a primeira é máis xeral. No sucesivo falarase da situación do noso Concello e das posicións dos grupos políticos locais)

Que é o plan do litoral?

O Plan de Ordenación do Litoral de Galiza (POL) é un documento que presenta a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e que regula o marco normativo no que se basea a construción en todo o litoral do país, en concreto afectará a 84 Concellos costeiros.

O plan divide o territorio costeiro en varias clases de terreo, con respecto ao tipo de obra que se pode levar a cabo en cada un (ordeados de menor a maior nivel de protección):

-Núcleos tradicionais: crecementos urbanísticos necesarios para a satisfacción das necesidades de crecemento local, é dicir, cada Concello decidiría que se fai nestes terreos mediante a ordenación cun Plan Xeral de Ordenación Municipal.

-Áreas de mellora: poden autorizarse construcións destinadas ao turismo rural, explotacións acuícolas, vivendas vinculadas a explotacións gandeiras, agrícolas ou forestais…

-Áreas de Protección: actividades de explotacións acuícolas e marisqueiras, deportivas, recreativas e de baño, talasoterapia, aparcamentos, e vivendas das persoas vinculadas a explotacións agrarias.

Precedentes

A Xunta de Galicia bipartita, a través da Consellaría de Obras Públicas que dirixía María José Caride, decide no ano 2007 poñer en marcha a que se deu en chamar Lei dos 500 metros, que ante a falta de adaptación dos concellos á legalidade e para evitar a destrución da costa paralizaba a construción 500 metros adentro en toda a liña costeira , exceptuando núcleos urbanos consolidados, e de forma temporal (nun principio dous anos ampliábeis a tres).

Ademais, o anterior goberno traballaba na creación do POL, e nas directrices de ordenación do territorio, documentos encargados de subsitutir a Lei dos 500 metros,  pero o cambio electoral fixo que o Partido Popular sexa o encargado agora de redactar ambas normas e creou tamén certo retraso na tramitación de ambas.

A Lei dos 500 metros foi prorrogada por Feijoó até o 17 de Maio deste ano, data a partir da cal a costa pasará a quedar desprotexida, xa que tanto o POL como as directrices non estarán listas nese momento.

Prazos

O proxecto do POL foi feito público pola Xunta este pasado mes e aínda tardará en aprobarse definitivamente, tras o período de alegacións oportuno. O conselleiro afirmou nunha entrevista recente que é vontade do goberno que entre en vigor ao remate do ano.

Porén, non parece moi intelixente a idea de que a costa quede sen regulación nos meses que irán desde que expire a prohibición de construir a menos de 500 metros e se publique no DOG esta norma.

E enténdase “falta de regulación” na súa xusta medida:  durante ese tempo se aplicaría a Lei de Costas de 1988, que estabelece na maioría dos casos seis metros de servidume de tránsito, e de acceso público;  100 metros de servidume de protección (20 metros no chan declarado urbanizábel antes do 88), é dicir, non se pode edificar nada salvando zonas verdes, instalacións deportivas descubertas, etc. E 500 metros de zona de influencia, nos que se evitará pantallas arquitectónicas, acumulación de volumes, e preverase chan para aparcamentos ao servizo dos usuarios da costa.

Ademais, diversas organizacións critican que por un lado se confeccione o Plan Acuícola antes que este Plan de Ordenación do Litoral (que debe terse en conta que abarcaría o ámbito do anterior), así como se vaia poñer en marcha primeiro o POL con respecto ás directrices do territorio. A orde lóxica sería precisamente a contraria, comezar fixando as normas de todo o territorio e empregar os outros plans para desevolver con especificidade os demais ámbitos dos que estamos a falar.

Opina sobre este e os temas que queiras no novo foro de Cambados(tk)

Advertisements

Conversa

Os comentarios están pechados.

Nas redes sociais

Febreiro 2010
L M M X V S D
« Xan   Mar »
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728

Arquivo

wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.

%d bloggers like this: