//
estás a ler...
Artigos de opinión, Cambados, Galiza

Plan do Litoral III: as posturas en Cambados


Estes días estase a falar moito do Plan do Litoral, por varias razóns. Unha xa foi exposta aquí con anterioridade, e son os múltiples erros que o plan tal e como está presentado contén, delimitando áreas de mellora (isto é, sen posiblidade de construír vivendas) en zonas que deberían constituir a área de expansión da vila. Pero tamén porque é o tema estrela da política local, normalmente carente de chispa e agora algo revitalizada co sempre polémico tema urbanístico.

Co Plan de Ordenación do Litoral plásmanse á perfección tres xeitos de ver a política, ou polo menos de executala. Partido Popular, Partido Socialista e Bloque Nacionalista Galego comportáronse perante tema, ao meu modo de ver, dun xeito moi ilustrativo do seu modo de actuar e de facer política en Cambados.

O Partido Popular continua co seu discurso incoherente, aquel que detectabamos coa suba de impostos municipais mentres criticaba que outros subiran impostos (?). Agora desfaise en eloxios á Xunta, porque mandan os seus, sobre un plan que paraliza a construción nalgúns lugares claves no centro da vila, mentres criticaba –e segue a criticar, que é o máis paradóxico- a lei dos 500 metros que impedía tamén construir.

Pero cal é a diferenza entre o POL e a lei dos 500 metros? Pois que esta última era temporal, era unha medida cautelar, reversíbel, con data de caducidade (que ironicamente o Partido Popular extendeu) e o Plan do Litoral é un plan de futuro e polo tanto definitivo. O PXOM que o Concello non deu aprobado neste tempo, documento que podería ter evitado esta situación, non poderá ordear o solo que o POL fixa como protexido.

Pero o PP e Luís Aragunde non só louvan o texto, o cal teñen todo o dereito do mundo a facer, é que aínda por riba realizan unhas declaracións nas cales sosteñen precisamente o contrario do que se di no POL. É dicir, minten.

Luís Aragunde dicía o pasado domingo nos medios comarcais que o Plan desbloquea o urbanismo nas zonas de Campo Verde, A Pastora-Os Olmos e San Tomé, cando o que amosan os mapas que o POL adxunta (e que podes ver aquí) é precisamente todo o contrario: eses terreos aparecen como Áreas de mellora e polo tanto blindados ante calquera posiblidade de construír vivendas alí.

Cando a Lei dos 500 metros todos lembramos como o Partido Popular enviaba folletos ás vivendas de todo aquel que vivía a menos de 500 metros da costa dicíndolles pouco menos que lle ían tirar a casa, e os “técnicos” do Concello daban charlas en cada parroquia contando estas barbaridades aos veciños. Claro, eran eleccións, e había que gañalas custase o que custase, e mentir tamén vale.

Por que non prepara Luís Aragunde reunións dos seus “técnicos” agora e lles explica aos veciños das zonas afectadas, veciños aos que el mesmo prometera que ían poder construir, que o POL non permite levantar vivendas nos seus terreos?

E a oposición? Pois tamén representativo este asunto do que pasa coa oposición: Hemeroteca de La Voz de Arousa; Partido Socialista, unha mención recente sobre este tema. Domingo Tabuyo pedíndolle a Aragunde que explique aos veciños o POL, pero sen ningunha crítica concreta nin comentarios sobre o plan. Iso si, tres referencias nas que o portavoz dos socialistas pide que se constrúa unha gran praia artificial en Cambados. Esa é a postura do PSOE sobre o litoral e sobre o urbanismo en Cambados.

Bloque Nacionalista Galego, mesma hemeroteca: tres mencións sobre o POL e unha posición relativamente clara e concisa, que por certo bastante coincidente coa aquí exposta; contén erros graves que paralizarían a urbanización lóxica de Cambados. Víctor Caamaño reclama que o Concello informe á cidadanía sobre o Plan.

Non teño ningunha necesidade de gabar o traballo do BNG, pero as cousas hai que dicilas, o grupo nacionalista foi neste tema o único que falou claro e que argumentou con probas na mesa.

E eu iría aínda máis lonxe, e se o goberno do PP con Aragunde á cabeza non está disposto a dicir a verdade , entón quizais sexa hora de sacar o tema á rúa e de  informar aos veciños de que di exactamente este Plan de Ordenación do Litoral.

Porque é un tema vital para o futuro de Cambados.

Opina sobre este e os temas que queiras no novo foro de Cambados(tk)

Advertisements

Conversa

Os comentarios están pechados.

Nas redes sociais

Febreiro 2010
L M M X V S D
« Xan   Mar »
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728

Arquivo

wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.

%d bloggers like this: