//
arquivo

Archive for

A política que non ilusiona


Por non dicir a política que desilusiona. É a política dos que xustifican os altos salarios porque senón hai xente á que non lle compensaría entrar nela. É a política daqeles que viven da política porque xa non saben facer outra cousa. Dos que están tan metidos nela que xa se alonxaron das razóns que os levaron a sumarse a algún  proxecto.

Hai exemplos e moitos. Todos podemos poñer algún. Hai un par de semanas en Ourense producíase algo tan curioso como que o vicesecretario do PSdeG da provincia dábase  de baixa no partido para militar nada máis e nada menos que no Partido Popular de José Manuel Baltar. Pasa de criticar aos caciques para sumarse á súa plantilla.

Ou tamén eses días, no Parlamento, como os deputados aplaudían ao ex presidente Touriño trala súa decisión de deixar o escano. Todos menos os seus compañeiros de filas.

Ou tamén como o Bloque Nacionalista Galego, incumprindo os seus estatutos, non vai convocar unha Asemblea Nacional porque así o decidiron os que alí mandan. E porque segue adiante o plan de camiñar cara o horizonte de 2013 sen amosar á sociedade galega que hai un proxecto e un equipo renovado e capaz.

Son tres exemplos. Pequenos, si, algún sen demasiada importancia. Pero tres exemplos dos que ilustran situacións que fan que moitos se desvinculen da política, que non se ilusionen. E que incluso os que se supón que estamos interesados resoplemos un pouco.

Menos mal que aínda nos quedan exemplos positivos…os negativos empezan a abundar demasiado e en demasiados lugares.

Vacacións de Semana Santa en Cambados(tk)


Este ano as vacacións de pascua en CTK son máis longas do habitual: a actividade volverá á páxina o vindeiro Luns 5 de Abril, sen prexuixo de que durante estes días poida publicarse algunha anoación programada.

Lembra que podes pasarte polo foro e deixar as túas opinións, críticas ou suxerencias. A caixa de entrada do email seguirá á vosa disposición e será revisada oportunamente á volta das vacacións. Saúdos e boas festas.

Maribel Iglesias investiga acerca do escultor Franciso Asorey


Hoxe o Faro de Vigo publica unha entrevista coa profesora de Historia do instituto Francisco Asorey Maribel Iglesias Baldonedo. Maribel é autora ademais da fotobiografía de Ramón Cabanillas, un deses interesantes traballos que veu a luz no pasado Ano Cabanillas 2009 e ten varios proxectos activos na blogosfera, como este blog sobre Ramón Cabanillas ou este outro que emprega como apoio crítico ás súas clases de Xeografía .

Na entrevista Maribel fálanos sobre unha escultura de Calvo Sotelo da autoría de Asorey que se atopa na localidade de Vilagarcía nos xardíns do Doutor Flemming. A escultura está en mal estado porque se atopa abandonada e sufriu pintadas. Ela reclámalle ao Concello vilagarciá que a restaure e a manteña ou a doe ao instituto cambadés.

Tamén salienta a importancia do escultor e a necesidade de adicarlle en 2011, data en que se cumpren 50 anos da súa morte, algún evento de gran calado como unha exposición de calidade.Ela, de momento, xa di estar investigando sobre Asorey, unha investigación que comezou como catálogo de obras pero que vai ir máis alá e pode rematar nunha nova publicación. Non deixes de ler a entrevista!

Cambados recupera a Memoria


Onte vivuse na nosa vila un moi importante acontecemento de Memoria Histórica. Máis de 150 persoas participaron no Auditorio da Xuventude dun recoñecemento aos republicanos Ramiro Barreiro e Castor Cordal, fusilados en Barro en 1936 (en outubro comentábase aquí que se iniciaba a súa exhumación). Os familiares recibiron os restos dos seus seres queridos e Manuel Rivas explicitou no seu discurso unha desculpa pública coas familias pola demora coa que estes actos están tendo lugar.

Podes ler a crónica no Xornal de Galicia, en Unha Grande Chea, no Faro de Vigo e en La Voz de Arousa. Xurxo Melchor asina neste diario un pequeno artigo sobre o tema que, coma sempre,  merece a pena ler.

Aragunde descobre o motivo da crise económica mundial: foi o bipartito. Do POL non fala moito…


Onte o alcalde de Cambados, Luís Aragunde, reuníase coa xefa de servizo da Dirección Xeral de Paisaxe e Sostibilidade para abordar posíbeis axustes do Plan do Litoral aplicado ao noso municipio.

Resulta moi moi clarificador facer unha análise á nova que publica hoxe Diario de Arousa ao respecto para percibir facilmente cal é o discurso que o PP de Cambados fai sobre o POL:

A nova divídese en oito parágrafos, todos eles recollendo a información que emitiu moi probabelmente o propio alcalde ou un membro do seu grupo. Deses 8 parágrafos, en 6 deles inclúense declaracións de Aragunde arrementendo contra a Lei dos 500 metros do bipartito, e culpando ao anterior goberno da Xunta de todos os males do urbanismo en Cambados.

Se imos un pouco máis alá e nos fixamos na linguaxe empregada podemos concluir que o alcalde do noso Concello dispón dun rico vocabulario, que emprega ao referirse á anterior: norma absurda , desfeita imposta, nefasta, desbaraxuste anterior, inoperancia, inaceptables restriccións, paralizou…

Até en seis parágrafos de oito consigue Aragunde tratar a Lei dos 500 metros cando o que sería de supoñer sería que fixese algunha declaración sobre o actual proxecto de Plan de Litoral que o seu grupo pretende aprobar desde a Xunta de Galicia e que, como se comentaba desde esta web, bloquea a construción das zonas de lóxica expansión para a nosa vila.

Case ó único que menciona é que a nova norma “ven a solucionar os problemas (e agora por suposto) que creou o bipartito(…)”.

Pero, e como nota de humor, tamén aproveita Aragunde nesta nova (todo sexa por non falar do POL) para revelar a todo o mundo cal foi a causa da crise. Se leches até aquí xa deberías sospeitar cal foi a súa tese, e senón un copia-pega da nova será moi útil:

Subrayan que el objetivo consiste en normalizar la situación urbanística del municipio, “despois do desbaraxuste anterior, recuperando a legalidade previa á desfeita imposta polo bipartito que xerou a maior crise económica que se recorda neste país en moitas décadas”.

Imaxe e nova de Diario de Arousa.

————————————————————-

Recorda que podes ler aínda as análises publicadas sobre o POL en Cambados(tk):

Plan do Litoral (I): Unha lectura xeral Análise xeral do Plan do Litoral: precedentes, que é, prazos. Nivel nacional.

Plan do Litoral (II): a influencia en Cambados Análise das consecuencias do plan aplicado a Cambados. Nivel local.

Plan do Litoral (III): as posturas en Cambados Análise sobre o comportamento de cada grupo no referente ao plan. Nivel local.

O BNG dá a batalla contra o Plan do Litoral. Nova que vén a incidir no artigo Plan do Litoral (III).

Máis Caracol: xa hai datas e cartel para 2010


A compañía de teatro Caracol volta un ano máis á carga e desta vez presentará no IES Asorey unha peza titulada Dentro do bosque. O cartel (preme para amplialo), deseñado por Matías Daporta, é  un avance esperanzador do bo resultado que de seguro nos deparará un ano máis a actuación. Coma o ano pasado, o autor xogou a esconder personaxes comuflándoos co ambiente, neste caso co bosque. Quen preste un pouco de  atención poderá descubrir aos personaxes principais mesturados coas árbores.

A obra foi escrita por Stephen Sondheim e versionada especialmente para os rapaces do Salnés pola directora da compañía, Olga González. Poderemos presenzar a representación por libre os domingos 18 e 25 de Abril e as entradas serán adquiridas nos seguintes estabelecementos: Sansatur, Chinelas, floristaría Hedra e tinturaría Clareo.

Máis información na web Cambadosweb.net.

Vistel Brothers: Jazz no Continental este domingo coa presenza de Paco Charlín


Será ás once da noite e poderase escoitar a música de Jorge Vistel na trompeta, Maikel Vistel no saxo tenor, Virxilio da Silva na guitarra, Paco Charlín no contrabaixo e Juanma Barroso na batería.

Un Mar de Pedra, documental sobre Manolo Paz, estréase este venres


 http://vimeo.com/moogaloop.swf?clip_id=9729273&server=vimeo.com&show_title=1&show_byline=1&show_portrait=0&color=&fullscreen=1

O Festival Internacional de documentais Play-Doc, na súa sexta edición, vai ser o lugar onde se estree o documental sobre o escultor nacido en Castrelo en 1956, Manolo Paz.

Manolo Paz fai da pedra o eixo do seu traballo. Durante o seguimento de todo o proceso escultórico do artista (dende que vai a canteira a pola materia prima, ate que espón na galería) descúbrese o diálogo que manteñe coa pedra, reflexado nunha continua observación e alteración do material. Unha aposta en nome da abstracción, da terra e do poder do signo.

Manolo Paz ten exposto a súa obra en cantidade de lugar, desde a Sociedade Cultural de Cambados até Nova York ou Xapón, pasando por Lisboa, Algarve, Santiago, Madrid, Mallorca, etc , tanto en mostras individuais como colectivas. Na nosa vila podemos apreciar a súa escultura nas famosas vieiras do Parque ou ca peza tamén da súa autoría no Paseo Marítimo á altura d´O Pombal.

Este venres 19 de Marzo preséntase en Tui o documental dirixido por Manu Paz e Xacobo Sanmartín Un Mar de Pedra.

O primeiro, fillo do artista, naceu tamén en Cambados en 1981 e percorreu o mundo (Estados unidos, Brasil, Galápagos, Australia, Senegal…) e destaca o seu traballo na edición das bolsas de Din Matamoro para a exposición de Imaxes Mentais do CGAC. Como director de fotografía salientar a súa participación en Ruwaishid, un traballo sobre a loxística dun campo de refuxiados na fronteira do Iraq. O segundo licenciouse en Comunicación Audiovisual en Segovia e é Master en Arte e Novas Tecnoloxías pola UEM. Traballa con medios de comunicación e productoras independentes na realización de documentais e ficcións.

Mentres agardamos a ver o seu resultado, de seguro que de moita calidade, podedes seguir o documental no seu grupo de Facebook e ver algún dos vídeos que hai disponíbeis.

Hai anos publicábase na vella Cambados.tk unha entrevista co escultor, quizais sexa bo tempo de recuperala coa estrea desta nova obra. Parabéns ao equipo de Un Mar de Pedra e por suposto a Manolo Paz.

Novo borrador do decreto das linguas no ensino: máis maquillaxe para tapar o retroceso do galego


O goberno galego presentou onte a través do Conselleiro de Educación e do Secretario Xeral de Política Lingüística o novo borrador dos idiomas no ensino. O anterior, presentado o día anterior a noitevella para evitar protestas (que non puideron evitar), contou cun únanime rexeitamento por parte de toda a comunidade educativa galega, as forzas políticas da oposición e mesmo algunhas voces dentro do Partido Popular, sindicatos, Consello da Cultura Galega, Real Academia Galega, etc. Daquela publicábase aquí unha análise sobre aquel documento.

Agora a Xunta volve á carga cun novo texto que rebaixa o ton antigalego nalgúns puntos e elimina a pretensión de facer do inglés lingua vehicular nas mesmas condicións que as oficiais,  pero que non vén sendo nada máis que unha maquillaxe dun documento que segue a supoñer un retroceso para a nosa lingua no ensino.

Para comezar, mantense parcialmente o tema das consultas aos pais para decidir o lingua vehicular dalgunhas materias. É dicir, o goberno delega unha responsabilidade tan elemental para un país  como o ensino nun grupo de cidadáns e dá pé a conflitividade nos centros (noutras palabras, escurre o vulto). E para seguir dá liberdade aos alumnos para empregar calquera idioma nas asignaturas, desactivando deste xeito calquera posiblidade de que realmente o uso das linguas estea equilibrado e así  os rapaces poidan aprender a desenvolverse en ambas.

A Xunta parte dunha base non certa: que o galego e o castelán están en igualdade de condicións na sociedade (dito hoxe mesmo nunha entrevista polo Conselleiro Jesús Vázquez) e que hai que transladar esa igualdade ás aulas. Iso, por todos é sabido, é unha burda mentira. O galego está, como sempre o estivo, en inferioridade,e o ensino non vai aproveitarse como instrumento equilibrador senón como ferramenta de impulso a ese desequilibrio.

E non só pretenden transimitir esa mensaxe de que hai igualdade entre linguas, senón que van máis alá e seguen a intentar facer crer que o galego estivo imposto. O Conselleiro, nesa mesma entrevista,  di “nestes tres últimos anos, vemos como había moitos centros nos que existía unicamente ou galego, e porén non se acadaron resultados satisfactorios”. Cando todos sabemos a a regra xeral era xusto a contraria, vulnerándose en todo o momento todos os decretos en vigor e sempre en detrimento da lingua propia.

O goberno quere sacar xa este texto adiante, e quere facelo antes de Maio para que entre en vigor no próximo curso. Intelixentemente, quere facelo canto antes, porque é sabedor de que a influencia electoral é directamente proporcional á cercanía duns comicios. E vaino facer co apoio do Partido Popular e de Galicia Bilingüe. Ese é o indicador de cal é a dimensión do decreto. A sociedade galega ten que estar en fronte.

Imaxe de Faro de Vigo. Información extraída de Faro de Vigo , Xornal de Galicia e La Voz de Galicia.

O restaurante Yayo Daporta, 5 anos en activo


O afamado restaurante Yayo Daporta cumpre este Maio un lustro desde que os fogóns comezaron funcionar. Yayo estudou hostelaría en Santiago de Compostela e aprendeu o oficio no Casa Solla. Máis tarde moveuse a Madrid onde formou parte da equipa de Carlos Posadas no restaurante El Amparo.

Hoxe La Voz de Arousa publica un artigo no cal se lembra este aniversario e se fai un coidadoso percorrido polo menú especial que se servirá a partires de Maio para recordar os mellores pratos que se foron servindo no local.

Daporta, cunha estrella Michelín, afirma con orgullo que o 90% dos ingredientes empregados na súa cociña son producidos e elaborados nun raio de 10 quilómetros á redonda.

Podes ver este vídeo que o mes pasado a Televisión de Galicia publicou e no que se facía unha pequena elaboración por parte deste cociñeiro.

Nas redes sociais

Marzo 2010
L M M X V S D
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
293031  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.