O Plan do Litoral que a Xunta quere levar adiante segue a dar que falar durante estes días en Cambados. Os múltiples erros (agardamos que erros, claro) que contén, clasificando zonas de vital importancia para o desenvolvemento da vila como non edificábeis, fan que o grupo nacionalista na corporación puxera o grito no ceo mentres o Concello se encargara de dicir que non había problemas. Nas últimas semanas vimos como Aragunde se reunía con responsábeis da Xunta para abordar estes asuntos a pesar de que o alcalde seguía a dicir que o BNG inventaba a interpretación que Víctor Caamaño sostén, e que foi probada neste mesmo blog o pasado mes. Os nacionalistas están a manter reunións cos veciños de Corbillón e Castrelo para informalos do que ocorrerá se o plan tal cal está se aproba. Quizais se deberían extender tamén a Cambados centro polas graves consecuencias que pode ter o POL nesta área.
Ademais hai outro tema na mesa de importancia, como é a instalación de comportas no Saco de Fefiñáns, que segundo o goberno local permitirían a realización de deportes náuticos. O BNG pola súa parte pediu onte ao Concello que publique os informes de impacto da obra para probar que realmente hai garantías de que a instalación de comportas non vai xerar problemas de índole ambiental e que poidan afectar ao traballo das mariscadoras na zona. O BNG preguntara tanto no Concello como na Xunta en repetidas ocasións se existía o informe favorábel e a resposta foi todas as veces “non”, agora queren ver o informe que Portos di ter. O PSdeG tamén cuestionou a seguridade do banco marisqueiro en relación cos plans do Concello.
Conversa
Os comentarios están pechados.