A polémica xerada polas comportas do Saco de Fefiñáns está volvéndose cada vez máis soprendente. Primeiro, e por fin, o grupo municipal do PSdeG poñíase firme indicando a alta contaminación do Río Ucha e as consecuencias que o peche con comportas do Saco podería acarrear na produción marisqueira.
Logo o BNG, despois de solicitar por activa e pasiva o famoso informe de viabilidade ambiental que non dá chegado (porque non existe, porque o están fabricando ou porque quizais non é de todo favorábel á actuación), amosou imaxes que proban a existencia de verquidos no centro de Cambados e que en cuestión de horas cobren a franxa costeira-marisqueira da nosa vila, inluído o famoso Saco.
E agora, por último, e casualmente o mesmo día, tanto a Confraría como a Agrupación de Mariscadoras saen claramente na defensa de Luís Aragunde defendendo o proxecto e poñendo nun segundo plano o saneamento da nosa costa.
A pregunta é: se os directamente interesados, as mariscadoras, non defenden o seu, non son capaces de ver os perigos dunha actuación que se quere levar a cabo sen garantías…como podemos logo esixirlle á oposición un traballo máis duro en defensa dos intereses xerais? A postura da Confraría e da Agrupación non ten máis sentido que o dun seguidismo un tanto bochornoso do poder local.
Entendo, se é o caso, que sexan partidarios do proxecto final das comportas se é certo que beneficiaría o crecemento do marisco. Agora ben, non podo entender en absoluto esa agresividade dialéctica que amosan contra Domingo Tabuyo cando o que el, e o grupo do Bloque Nacionalista Galego, están a pedir son garantías e ademais poñen argumentos enriba da mesa que proban os niveis de contaminación que todos coñecemos (O PSOE deu datos hai dous días da concentración de coliformes fecais e o BNG publicou fotografías onte dun verquido na zona do Pombal). Mentres, o Partido Popular fala de informes que non existen ou non son públicos que seica avalarían a actuación.
E eles aínda por riba son defendidos polos traballadores do mar. Que inxusta e enrevesada é a política!
Reprodúcese a seguir unha nota de prensa do BNG de Cambados na cal relacionan estes verquidos coa intención do Concello de instalar comportas no Saco de Fefiñáns:
Ao mediodía do pasado sábado tivo lugar, no Saco de Fefiñáns, un gran vertido de augas residuais (achegamos fotos) que tivo a súa orixe no gran desaugadoiro situado ao final do paseo marítimo, onde a pista de atletismo e o pavillón de deportes náuticos. Unha hora despois do comezo, a mancha contaminante xa superaba o litoral correspondente ás pistas de tenis do complexo deportivo.
Non é a primeira vez que ocorre isto nin semella que sexa a última; polo que nos preguntamos se ante estas situacións, de sobra coñecidas por todo o mundo, estase en condicións de colocar unhas comportas no Saco de Fefiñáns que poderían converter a zona, ao diminuír a renovación de auga, nunha auténtica cloaca.
Desde o BNG levamos tempo manifestando que a construción dunhas comportas no Saco de Fefiñáns require, cando menos, dous pasos previos. O primeiro debe ser o saneamento integral de todos os ríos e regatos que desembocan no lugar, para ter a total seguridade de que non se transforma nunha fonte de contaminación. A segunda actuación, imprescindible, a realizar é a elaboración dun estudio de impacto ambiental que aclare influencia que terá a construción das citadas comportas sobre o banco marisqueiro do Saco de Fefiñáns.
Lamentablemente, a día de hoxe, tanto desde o concello como desde a Xunta non se lle transmite ao cidadán ningunha seguridade de que ámbalas cousas poidan ser posibles. O saneamento integral de Cambados, responsabilidade do goberno municipal, deixa moitísimo que desexar e, tristemente, os diferentes focos contaminantes do Saco de Fefiñáns non son casos illados dentro do litoral cambadés. De nada vale manifestar, desde o concello, que teñen moita preocupación polas mariscadoras se en máis de vinte anos no goberno municipal do PP fixeron tan pouco polo saneamento do noso litoral. Inverteuse moito e moi mal e o resultado salta a vista.
Por outra parte o continuamente demandado, polo BNG, estudio de impacto ambiental non da chegado. Foi reclamado por primeira vez o día 16 de setembro de 2009 ao ente Portos de Galicia, polo parlamentario Bieito Lobeira e este organismo tiña vinte días para dar unha resposta. A día de hoxe no hai aínda resposta e a conclusión que obtemos é que ou ben non existe dito estudio (pode que o estean facendo a toda presa) ou de existir, amosa uns resultados que non apoian o proxecto proposto. En calquera caso, o que lle debe quedar claro ao cidadán é que se a Xunta algún día presenta o prometido proxecto de impacto ambiental será, exclusivamente, pola esixencia mostrada desde o inicio polo BNG.