//
estás a ler...
Cambados

O BNG proba o sabido con fotografías: a contaminación na costa cambadesa é permitida


Reprodúcese a seguir unha nota de prensa do BNG de Cambados na cal relacionan estes verquidos coa intención do Concello de instalar comportas no Saco de Fefiñáns:

Ao mediodía do pasado sábado tivo lugar, no Saco de Fefiñáns, un gran vertido de augas residuais (achegamos fotos) que tivo a súa orixe no gran desaugadoiro situado ao final do paseo marítimo, onde a pista de atletismo e o pavillón de deportes náuticos. Unha hora despois do comezo, a mancha contaminante xa superaba o litoral correspondente ás pistas de tenis do complexo deportivo.

Non é a primeira vez que ocorre isto nin semella que sexa a última; polo que nos preguntamos se ante estas situacións, de sobra coñecidas por todo o mundo, estase en condicións de colocar unhas comportas no Saco de Fefiñáns que poderían converter a zona, ao diminuír a renovación de auga, nunha auténtica cloaca.

Desde o BNG levamos tempo manifestando que a construción dunhas comportas no Saco de Fefiñáns require, cando menos, dous pasos previos. O primeiro debe ser o saneamento integral de todos os ríos e regatos que desembocan no lugar, para ter a total seguridade de que non se transforma nunha fonte de contaminación. A segunda actuación, imprescindible,  a realizar é a elaboración dun estudio de impacto ambiental que aclare influencia que terá a construción das citadas comportas sobre o banco marisqueiro do Saco de Fefiñáns.

Lamentablemente, a día de hoxe, tanto desde o concello como desde a Xunta non se lle transmite ao cidadán ningunha seguridade de que ámbalas cousas poidan ser posibles. O saneamento integral de Cambados, responsabilidade do goberno municipal, deixa moitísimo que desexar e, tristemente, os diferentes focos contaminantes do Saco de Fefiñáns non son casos illados dentro do litoral cambadés. De nada vale manifestar, desde o concello, que teñen moita preocupación polas mariscadoras se en máis de vinte anos no goberno municipal do PP  fixeron tan pouco polo saneamento do noso litoral. Inverteuse moito e moi mal e o resultado salta a vista.

Por outra parte o continuamente demandado, polo BNG, estudio de impacto ambiental non da chegado. Foi reclamado por primeira vez o día 16 de setembro de 2009 ao ente Portos de Galicia, polo parlamentario Bieito Lobeira e este organismo tiña vinte días para dar unha resposta. A día de hoxe no hai aínda resposta e a conclusión que obtemos é que ou ben non existe dito estudio (pode que o estean facendo a toda presa) ou de existir, amosa uns resultados que non apoian o proxecto proposto. En calquera caso, o que lle debe quedar  claro ao cidadán é que se a Xunta algún día presenta o prometido proxecto de impacto ambiental será, exclusivamente, pola esixencia mostrada desde o inicio polo BNG.

 

Advertisements

Conversa

Os comentarios están pechados.

Nas redes sociais

Abril 2010
L M M X V S D
« Mar   Mai »
 1234
567891011
12131415161718
19202122232425
2627282930  

Arquivo

wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.

%d bloggers like this: