O presente artigo non pretende senón aclarar algúns aspectos relacionados co proxecto de poñer comportas que regulen o paso de auga para o Saco de Fefiñáns.
Nas últimas semanas houbo unha certa polémica dentro do xogo político local entre quen defende o proxecto (goberno, Partido Popular) e quen o cuestiona (PSOE e BNG).
Tamén vimos que este cuestionamento non quere dicir necesariamente un rexeitamento do mesmo, senón que os grupos da oposición piden garantías para evitar que tanto o entorno como a produción marisqueira non se vexa afectada.
Pois ben, o primeiro que cabe preguntarse respecto o proxecto é…pode levarse a cabo xa sen actuacións relativas ao saneamento da zona (especialmente do Río Ucha)?
AVALIACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL
Para que unha obra deste tipo poida pórse en práctica primeiro debería analizarse se cómpre unha Avaliación de Impacto Ambiental que xere o correspondente Estudo de Impacto e determine nunha Declaración se a obra é válida ou non.
Para non entrar en demasiados tecnicismos e referencias á legalidade vixente simplemente poñer enriba da mesa os datos necesarios. A lei que regula as avaliacións de impacto ambiental (Real Decreto 1/2008) estabelece no seu Artigo 3 que deberán someterse a esta avaliación os proxectos públicos ou privados consistentes na realización de obras, instalacións ou calquera outra actividade comprendida no Anexo I e no II se así é decidido polo órgano competente. Neste último, no Grupo 8 g.2 recóllese literalmente
“Outras instalacións destinadas a reter auga (…) con capacidade de almacenamento, novo ou adicional, superior a 200.000 metros cúbicos.”
Botando man de ferramentas tan pouco profesionais pero tan reveladoras como Google Earth pódese facer unha estimación da área que abarcaría o futuro recinto de auga regulado polas comportas. Pode comprobarse que dita superficie rondaría os 220.000 metros cadrados, e de asumir unha profundidade media cando as comportas estiveran fechadas superior a pouco menos de un metro (é ovio que será maior), o volume que encerrarían sería sempre maior que os 200.000 metros cúbicos requeridos pola Lei para aplicar a Avaliación de Impacto Ambiental á obra.
Parece pois, que a Avaliación é necesaria.
Neste caso, a autoridade competente de realizalo sería a Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Obras Públicas, xa que é un proxecto de Portos de Galicia. Descoñe quen escribe estas liñas se a Administración do Estado tería algunha competencia sobre o asunto.
O que si está claro é a Declaración de Impacto Ambiental sería a día de hoxe, e como se argumentará máis abaixo, negativa.
Ademais esta obra, segundo a lei de Costas de 1988, debería levar asociado tamén un Estudio básico de Dinámica Litoral. Neste estudo, os puntos máis comprometidos para o proxecto serían algúns como “estudo da capacidade do transporte litoral”, “balance sedimentario”, “condicións da biosfera submarina”, “previsión de dragados”, ou “plan de seguimento das actuacións previstas”.
Como se dicía nos parágrafos superiores estes estudos determinarían na actualidade que a obra non presenta as garantías suficientes para levarse a cabo. E para isto non fai falla entrar en grandes explicacións nin en palabrería legal ou enxeñeril. Aquí plantéxanse algunhas das claves:
–CORRENTES. A activación das comportas produciría correntes moi fortes nun radio importante que coa subida da marea arrastrarían fangos e lodos da zona do Porto de Tragobe, afectando ao marisco do Saco.
–COLIFORMES FECAIS. É unha realidade que o río Ucha baixa contaminado. Un estudo aportado este mes polo grupo socialista falaba dunha concentración máis de 500 veces superior en coliformes fecais á permitida pola lei para augas de baño e para cría de marisco. É de pura lóxica pensar que ao fechar as comportas a concentración de coliformes no Saco aumentará, afectando ao marisco e quizais incluso facendo que as augas nin sequera poidan empregarse legalmente para deportes náuticos. E se este feche se fai coa marea baixa as consecuencias para o marisco poden ser desastrosas.
–DRAGADO. Os sedimentos arrastrados polas fortes correntes que se producirían ao abrir as comportas irían a parar á dársena de Tragobe, sendo necesario un dragado periódico da zona. Este tipo de actuación ten un custo elevado.
–MANTENEMENTO. Esta obra non é unha obra calquera, o seu funcionamento entraña unha serie de riscos importantes e un mal mantenemento podería ocasionar graves consecuencias. As comportas teñen que ser mantidas correctamente, comprobando as velocidades, aplicando a limpeza oportuna, engraxe, control dos sistemas de tracción, da estanqueidade… E é sabido por todos que o Concello de Cambados non é moi aplicado no mantemento das súas propias instalacións.
–INUNDACIÓNS. Pechar auga no Saco durante un tempo prolongado provocaría un aumento no nivel freático dos arredores. Isto significa, en consecuencia, inundacións en garaxes e construcións subterráneas adxacentes.
Polo tanto, resulta difícil pensar que unha autoridade competente vaia dar o visto e prace a unha Avaliación Ambiental deste proxecto.
PROPOSTAS PARA O FUTURO
-Moito antes de plantexar esta obra, o Concello de Cambados debería velar por un saneamento integral da zona (senón xa de todo Cambados…) en especial do Río Ucha e do Saco de Fefiñáns. E para iso quizais cómpre agardar a que a nova EDAR estea en funcionamento, xa que a actual non demostra capacidade suficiente.
-Ademais, púxose de relevo a importancia do mantemento. Se o Concello actúa cas comportas como o fai habitualmente coas demais obras (mantemento cero) entón esta actuación convertirase nun problema e non nunha mellora.
-Mariscadoras e confraría deberían ser os primeiros en recibir a información adecuada. Das súas declaracións despréndese que non coñecen as potencialidades da obra ou que se moven por intereses diferentes dos do sector que defenden.
-Os grupos da oposición deberían ser firmes na defensa destes principios, como até agora parecen estar facendo. Peticións da Avaliación de Impacto Ambiental á autoridade competente (Consellaría) e no seu caso a Portos e en caso extremo denuncia ante o Ministerio de Medio Ambiente cos datos da análise química de augas na man e de ser posíbel Análise de dinámica litoral e dilución de contaminantes para probar que as comportas a día de hoxe agravarían a situación.
Primeira imaxe tirada de La Voz de Arousa e segunda de Google Earth (marca rexistrada)