//
arquivo

Archive for

Cambados(tk) no Diario de Arousa a través dunha entrevista


Fátima Frieiro asina este Domingo unha entrevista a Óscar Pardo-Planas no Diario de Arousa.

Na entrevista repásanse os cinco anos de historia de Cambados(tk) e analízase tamén a posíbel influencia que pode ter internet nos futuros comicios locais de 2011.

A páxina non foi subida ao Diario online, pero podes lela premendo aquí.

Cores Tourís escribe unha carta aberta a Tabuyo que rezuma demagoxia


O ex alcalde de Cambados e agora superdelegado por Pontevedra da Xunta de Galicia, Cores Tourís, vén de publicar unha carta aberta a Domingo Tabuyo (PSOE) neste domingo 30 de Maio.

A carta, que supostamente versaría sobre as medidas antisociais que o Goberno de España vén de tomar, supostamente  como consecuencia da crise, non é máis que unha excusa para empregar a demagoxia que tan ben caracteriza ao señor Xosé Manuel Cores Tourís. O ex alcalde parece que entendeu a mensaxe que Núñez Feijoó enviou esta fin de semana na presentación dos candidatos do PP ás cidades: as municipais están xa preto e hai que comezar a precampaña.

No corpo da carta aberta isto detéctase de forma moi doada: só os primeiros tres parágrafos de nove son empregados para falar das medidas do Goberno, o resto é pura e dura carga contra o deputado en especial con relación aos seus votantes en Cambados (cando Tabuyo se presentou por toda Pontevedra!).

Non se vai entrar aquí nunha defensa de Domingo Tabuyo e moito menos de Goberno de España,  pero desde logo non se poden deixar pasar frases de Tourís como “Gustaríame que vostede, que cobra máis de 4.500 euros ó mes, se puxera, aínda que só fora por unha vez, no lugar dun dos moitos pensionistas” ou “O máis triste é que tódolos españois contribuimos a pagarlle un bo soldo a personaxes como vostede”.

Parece que o señor Cores Tourís esqueceu o posto que ocupa, o soldo que lle vai nel, e que ese soldo tamén o pagamos todos os galegos e galegas. Pediría sentidiño, pero onde non o hai…

Cadaquén que saque as súas conclusións trala lectura da carta aberta en La Voz de Galicia.

O BNG de Cambados publica Boletín Informativo sobre a costa


Os nacionalistas cambadeses veñen de confeccionar un breve boletín no cal dan a coñecer a súa postura en relación con proxectos tan de actualidade como as comportas no Saco de Fefiñáns ou o Porto Deportivo, e sobre os cales din non opoñerse totalmente senón que reclaman unhas garantías.

No primeiro caso, ven necesario a realización dun estudo rigoroso acerca do peche do Saco para que “esa zona non se convirta nunha cloaca”.

No segundo caso afirman estar dacordo na restauración da Praza de Abastos e Lonxa Vella, pero non que se volte a construír a carón do mar e especialmente no peirao en T, que está protexido dentro de Conxunto Histórico-Artístico de Cambados. Por último salientan que un dragado de case 3 metros podería poñer en risco o banco marisqueiro do Sarrido e por iso queren tamén un estudo ao respecto.

Podes ler o boletín aquí mesmo:

Hombres G para o xoves do Albariño


Así o anuncia hoxe o xornal comarcal Diario de Arousa. Hai uns días sabíamos a nova de que Love of Lesbian inauguraría a edición de 2010 cun concerto o mércores do Albariño, e agora sabemos que o xoves serán Hombres G quen se encarguen de poñer música á maior festa de Cambados.

Segundo informa o Diario aínda quedan moitas sopresas por desvelar…

Presentación de "En castellano no hay problema" de Carlos Callón


Carlos Callón, presidente d’A Mesa pola Normalización Lingüística e voceiro da plataforma Queremos Galego! presenta este venres 28 de Maio o seu novo libro no Centro Comarcal Exposalnés. Titulado ironicamente “En Castellano no hay problema” o libro repasa a evolución da defensa do galego a través de varios ensaios. O acto terá lugar a partires das nove da noite e organizan as librarías Contos e Cabanillas.

Imaxe tirada do blog de Comités de Vigo, onde podes ler a crónica da presentación na Universidade.

Love of Lesbian para o mércores do Albariño


Pódese ler na web de Unha Grande Chea cal é o primeiro concerto que se desvela deste Albariño 2010. Love of Lesbian xa teñen sinalado na súa páxina de MySpace unha cita cos cambadeses para o 28 de Xullo, que se correponde co Mércores do Albariño.

Esta banda de pop-rock indie, radicada en Barcelona, conta xa cun total de seis discos. Os tres primeiros foron gravados en inglés e a partir de aí decidiron cambiar e escribir as súas letras en castelán. O seu último traballo data de 2009 pero titúlase 1999 (o cómo generar incendios de nieve con una lupa enfocando la luna) . As súas catorce cancións forman a historia dunha relación amorosa nas súas diferentes etapas.

LoL estiveron o ano pasado en Vilagarcía no Festival do Norte.

*Videoclip da canción Universos Infinitos, do penúltimo disco (Cuentos chinos para niños del Japon). Recorda que non podes velo desde Facebook.

Premio Rosalía de Castro para Blogaliza


A plataforma dixital blogaliza.org vén de gañar o premio Rosalía de Castro que concede a Deputación de Coruña pola súa valorización e promoción da lingua galega, un premio honorífico, sen dotación económica.

Blogaliza aloxa a día de hoxe a máis de 3.000 blogs en galego dos 9.000 que se calcula que existen. Cambados(tk) é un deles desde hai ano e medio e aproveitamos para agradecer a Blogaliza o servizo gratuito que nos presta, dando a este espazo web estabilidade que non atopou en ningún outro recuncho no que estivo aloxado.

Máis información en Vieiros.com

Unha iniciativa de primeira da man de teatro Caracol e Esperanza Salnés


Hoxe reflicte a prensa arousá unha colaboración entre dúas das mellores creacións de Cambados: a asociación de atención a nenos discapacitados Esperanza Salnés e a compañía de teatro Caracol.

As dúas xuntáronse para gravar un vídeo co cal poden participar nun concurso estatal da Dirección General de Tráfico (DGT). Este concurso consiste en crear un spot sobre seguridade vial que logo podería ser emitido en toda España. De gañar a asociación Esperanza recibiría un premio de 8.000 euros que non lle viría nada mal dada ao mal estado permanente das súas contas pola ausencia de estabilidade no seu financiamento, asunto que xa foi denunciado nalgunha ocasión neste mesmo espazo.

Pero xa antes de coñecer o veredicto os responsábeis do proxecto calificárono de moi positivo, tanto que teñen previsto unha posta en escena este verán para que o todo público poida achegarse a esta orixinal colaboración. Noraboa.

Máis info en  Faro de Vigo, onde se tomou tamén a imaxe

Xa podes anotarte á SalnesParty 2010


En Cambados un grupo de rapaces crearon hai tres anos a primeira LAN party do Concello. Esa actividade rematou por convertir ao grupo en asociación, e á party que se celebraba en Castrelo a pasar a levarse a cabo no centro da vila.

Hoxe abriron o prazo de inscrición para a SalnesParty de 2010, que se celebrará os días 25, 26 e 27 de Xuño no Salón de Congresos e Exposicións de Peña. Hai dous tipos de entrada dependendo de que se queira incluir nela as comidas ou non e os prezos van desde 10 a 30 euros.

Infórmate mellor do que se está organizando para finais de Xuño en Cambados na web que a Asociación de Internautas de Cambados (AINCA) habilitou para a presente edición.

O Víctor Caamaño biólogo entrevistado polo semanario A Nosa Terra


O voceiro do BNG de Cambados, Víctor Caamaño foi entrevistado a semana pasada polo semanario A Nosa Terra.  Mais a reportaxe non versa sobre política local, senón sobre paisaxes e espazos naturais de Galiza.

Porque Caamaño moito antes de entrar en política era ensinante e antes aínda, biólogo. Víctor publicou varios libros sobre espazos naturais e nesta entrevista fala de lugares como Pena Trevinca, o teixedal do Casaio ou o Courel, e dá algúns consellos para unha excursión á natureza. Podes ler a entrevista aquí.

Información extraída do blog de xeografía crítica O Umia.

Nas redes sociais

Maio 2010
L M M X V S D
 12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930
31  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.