Publica hoxe a prensa comarcal que o goberno local quere favorecer aos peóns na zona da Praza de Fefiñáns colocando carteis indicadores dun límite de velocidade de 30 km/h para os vehículos. Segundo o Concello trátase de “pacificar o tráfico para que os peóns recuperen espazos en detrimento dous vehículos de motor, favorecendo ós usuarios máis vulnerables”.
O Partido Popular de Cambados leva anos negando unha demanda histórica do pobo, que é a peonalización da Praza de Fefiñáns. Esta medida, que sen dúbida vai na boa dirección, é aínda moi insuficiente. Resulta difícil explicarlle á xente de fóra de Cambados que tendo unha das prazas históricas máis grandes e belas de Galiza seguimos permitindo que os coches pasen por alí e aínda non fomos quen de peonalizala.
A cuestión é…por que tanto empeño en negar unhas das medidas máis lóxicas que pode tomarse hoxe por hoxe en Cambados?
Imaxe e información de La Voz de Arousa
A continuación, como parte da cobertura de Cambados(tk) para as eleccións municipais de 2011, ofrécese a primeira entrega dunha análise sobre a prensa comarcal que se realizará cada mes neste mesmo espazo.
A información é breve e concisa: durante un mes recolléronse as novas políticas publicadas nas edición dixitais de Diario de Arousa e La Voz de Arousa (o Faro non puido ser incuído por publicar na rede só unha pequena parte dos seus contidos comarcais) e amósase a presenza de cada organización política en cada xornal. Ademais, para o caso do Partido Popular, desglósase a cifra nunha subclasificación dependendo de se a nova é xerada por Aragunde ou goberno local, por Cores Tourís, por outra institución gobernada por eles ou pola dirección local do PP/Novas Xeracións. Aí van os datos correpondentes ao período 13/5 ao 13/6 deste mesmo ano.
(na primeira gráfica compáranse as novas xeradas por cada partido entre os dous xornais analizados -tanto en números absolutos no eixo como en porcentaxe enriba das barras- ; e a segunda gráfica construiuse empregando os datos dos dous xornais)
Cando se teñan realizadas varias análises mensuais farase un pequeno comentario sobre as diferencias entre os dous xornais e a evolución de cada reparto co tempo, máis interesante canto máis perto estean os comicios.
Hoxe La Voz de Arousa faise eco do Xantar dos Maiores, unha comida que o Partido Popular no Goberno Local ten xa instaurada, a pesar do cambio de goberno que levou a Luís Aragunde a facerse co bastón de mando que deixou Cores Tourís. Sobre a celebración planea a sombra da politización que o PP acostuma a facer cos seus actos. Neste caso, para o tradicional reparto de mexillóns e polbo (onte xuntáronse máis de 800 persoas), representantes doutras formacións políticas nunca teñen convite a pesar de telo denunciado en múltiples ocasións.
Desta volta até a xornalista de La Voz de Arousa pon de relevo o curioso de que toda a plana maior do Partido Popular estivera presente, con Aragunde e Tourís á cabeza.
Un xeito de gastar os cartos en plena crise (que eles tanto se esmeran en recordar cando lles convén) mentres as partidas orzamentarias de servizos sociais se van mermando co paso dos exercicios.
Publicará o Concello o balance económico da Festa popular que ofreceu onte? Así saberíamos cantos proxectos poderíamos ter sacado adiante como Concello de aforrar en celebracións partidistas pagadas por tod@s, como a de onte.
A páxina Cambadosweb.net vén de presentar en exclusiva o programa musical completo para esta edición da Festa do Albariño. Como eles mesmos contan desde o seu espazo había un erro na data facilitada para Hombres G, que pasa de xoves a venres. Kate Ryan e Álex Ubago son as novas incorporacións ao programa. En definitiva o Albariño 2010 musical queda así:
Mércores 28 de Xullo: Love Of Lesbian
Xoves 29 de Xullo: Álex Ubago
Venres 30 de Xullo : Hombres G
Sábado 31 de Xullo: Kate Ryan
Pola súa banda, o Concello de Cambados segue mudo canto ao Albariño, como acostuma a acontecer cada ano. Xa é habitual que as actuacións se vaian filtrando grazas á investigación dos xornais ou, como neste caso, de particulares.
Máis información: Visita a fonte desta programación, Cambadosweb.net. A imaxe foi extraída de Cambados.es
A asociación de Internautas de Cambados (AINCA) naceu no verán de 2008 e hoxe lévana Óscar Vieites Conde, Roberto Rodríguez Alfonso, Christian Oliveira Alfonso (de esquerda a dereita na foto) e Oliver Juéguen Vázquez. Os tres son xoves -de 19 a 22 anos- e afeccionados á informática e ás lanpartys (Xuventude Galiza Net e Arousa Party son as primeiras ás que asisitiron). Tanto que crearon AINCA co obxectivo de organizar unha no Concello de Cambados.
Nesta entrevista, Christian Oliveira fálanos deste tipo de eventos, do internet en Cambados e no país, e do que pretenden no futuro coa Asociación de Internautas. Unha Asociación que xa está a ser unha moi boa nova no noso Concello, revelándose como un novo grupo activo e disposto a sacar adiante unha interesante iniciativa. Noraboa!
Antes da nada…podedes explicar de xeito sinxelo en que consiste unha lanparty?
Pois unha lanparty é un evento no que se proporciona a infraestructura necesaria para que cada asistente, que trae o seu propio pc, se conecte a unha rede “lan” e poida interactuar cos demáis participantes a través dela. As actividades máis típicas son os xogos en rede, compartición de ficheiros e sobre todo pasalo ben e interactuar tamén en persoa cos demais participantes.
AINCA aparece para crear e xestionar unha nova lanparty ou quere ir máis alá?
O obxectivo primordial da asociación é gañar forza para levar a cabo Salnesparty, pero gustaríanos organizar máis eventos, sempre relacionados coa informática, internet, e as lanparties (este ano tentamos organizar un viaxe a unha das lanparties máis importantes de España, a Euskal Encounter, pero non obtivemos moita resposta polo que ó final quedou en nada; volveremos a intentalo). Tamén nos gustaría fomentar de algunha maneira o uso de internet e as novas tecnoloxías en Cambados, pero por motivos laborais e xeográficos resulta complexo polo de agora.
“Ofrecemos unha party pequena pero moi familiar”
Como foi a experiencia das anteriores SalnesParty?
Realmente todo isto comezou un fin de semana calquera, no que queríamos quedar varios amigos para xogar en rede, e xuntámonos 8 nunha casa cun switch barateiro. A partires de ahí, empezamos a pensar en organizar algo, pero sempre de forma informal, con xente que xa coñecíamos e intentando gastar o menos posible. No 2007 xuntámonos na Casa da Cultura de Castrelo unhas 15 persoas, pero aínda sen conexión a internet. En 2008 cambiamos ao Colexio Público de Castrelo, con internet por vez primeira. Grazas a un blog contactaron connosco un grupo de mozos de Vigo para vir, e algún que outro da zona. Entón decidimos montar a asociación para poder organizarnos e conseguir recursos. Na ultima xa tiñamos web nun dominio gratuito, permiso de novo para usar o Colexio, tamén algo de axuda do Concello e reunimos a 30 persoas : a maioría da zona, os de Vigo repetiron e acudiron dende Coruña tres membros do Dc-team e incluso finalmente se uniron un par de persoas máis durante o transcurso da party ás cales lle fixemos un oco. A xente marchou contenta do evento, algúns calificáronnos de “party pequena pero familiar”, o cal nos parece unha definición moi acertada do que somos e do que queremos.
Este ano o evento móvese desde as aforas ao centro de Cambados…que supón este cambio?
O cambio de recinto era algo esencial para aumentar o número de participantes ata 75. E obviamente, estar no centro de Cambados é unha gran vantaxe tanto para nós como para os participantes, pois teremos dispoñibles moitos máis servizos que en Castrelo. Ademáis, así o evento terá máis difusión, o que nos beneficiará de cara a vindeiras edicións.
Novidades, pois algunha que outra. Nova páxina web e presenza nas redes sociais. Teremos mellor infraestructura, máis actividades, algún torneo sorpresa, pero sobre todo intentaremos manter o “bo rollo” das outras edicións, gústanos que todo o mundo participe e non se cree unha separación organización-participantes demasiado grande. Este ano divideremos o recinto en dúas zonas: a intranet, que é o lugar onde vai a transcurrir a party en si, e a extranet, que será unha zona con consolas, fútbolín, billar, etc, á que poderán acceder os veciños para ver qué é iso dunha “lanparty”
Seguramente non chegaremos aos 75 (a 17 de Xuño hai 67 rexistrados dos que 62 están preinscritos e uns 40 pagaron a entrada). De todas formas, como a xente moitas veces espera ó ultimo intre, permitiremos tamén que quen queira se apunte á Salnesparty 2010 durante o evento (como dixen antes, o ano pasado uníronse dous participantes máis durante o segundo día). Dende aquí animamos a todo o mundo a participar, só se precisa un ordenador (sobremesa ou portátil) e ganas de pasalo ben 🙂
Que apoios institucionais recibistes até o de agora?
En edicións anteriores o único que conseguimos foi o permiso para o Colexio e mesas, candeiras e instalación eléctrica por parte do Concello. Este ano, coa colaboración da Asociación Retranca conseguimos acercarnos máis ó Concello e o alcalde ofreceuse a colaborar de forma activa co evento: novo local (Salón de Congresos e Exposicións Peña) incluíndo o básico e mais pantallas de televisión para poñer na extranet, impresión de carteis e tarxetas identificativas, doazón de premios e moitas cousas máis. En definitiva, o Concello prestouse activamente a colaborar na organización do evento, o que nos permite ofrecer algo de moita máis calidade sen que os participantes teñan que pagar moito máis. Esperamos que o evento saia ben e o Concello siga colaborando connosco.
Con que infraestrutura contaredes no evento?
Contamos con todo o dito na pregunta anterior, que nos proporciona o Concello. A parte, está a infraestructura de rede, a máis importante neste evento. Grazas ó gran traballo de “networking” de Roberto (que é o que asiste a máis parties – ás que pode – e coñece a moitas outras asociacións) conseguimos material de rede de alta calidade (un armario de switches moi caro), prestado pola Asociación SIL. O cable de rede vaino proporcionar Jose Durán, da empresa Conta Local, con quen nos puxemos en contacto a través do Concello, e que axudou a organizar tamén a Sobroso Party en Ponteareas. Nós encargarémonos de montar todo para que non haxa problemas na rede.
A Asociación Retranca colabora tamén poñendo servicio de cafetería para que os participantes poidan mercar o que queiran durante a party e para as comidas, a Cafetería-Bocatería Acuario ofrécennos un precio bastante asequible para que os participantes que o desexen poidan comer e cear alí.
CAMBADOS E LINGUA
“Internet podería ter repercusión nas vindeiras municipais entre a xente nova”
Como vedes a situación da web entorno á nosa vila?
A verdade é que non está mal, ainda que podería estar moito mellor. A web do Concello non sei canto tempo leva operativa, pero creo que non moito (a última vez que buscamos algo oficial para contactar mentres organizábamos as edicións anteriores da party só encontramos un correo do que non obtivemos resposta). Agora, polo menos existe unha web oficial con algún contido actualizado e que pode ser de interese para os cidadáns. Obviamente, hai moita marxe de mellora, e espero que eso sexa o que pase: que mellore sempre.
En canto ó uso por parte da xente, creo que é algo que necesitamos mellorar. Por exemplo en Castrelo, en moitas zonas non se pode contratar internet con unha velocidade razoable, ademáis de que Telefónica (agora Movistar) pon uns prezos prohibitivos alegando que se trata de ADSL Rural… Ainda así vexo algún que outro blog cambadés (éste sen ir máis lonxe, polo cal che dou a noraboa), e en xeral case todo o mundo máis ou menos da nosa idade utiliza as redes sociais.
Cambados(tk) é unha web centrada en Cambados e que mira moito á actualidade política…vós como pensades que pode influir internet na vindeira contenda municipal?
Sinceramente, en Cambados, penso que internet pode ter un papel importante entre un sector da xuventude, pero non na xente maior de 30-40 anos. Os tres partidos teñen presenza en internet, pero non creo que centren as súas campañas neste medio.
Antes de todo iso, creo que sería importante educar á xente, ensinarlle a todo o pobo as vantaxes do uso de internet (e tamén as desvantaxes), e fomentar este uso dende o Concello para todo tipo de trámites nos sexa posible. Aínda así o Goberno Central ten aínda máis a ver: Está ben ter DNI electrónico, pero é inútil se despois temos que perder unha mañán para facer un trámite sinxelo podéndoo facer comodamente sentados diante dun ordenador.
Os vosos espazos web –páxina, twitter, blog, facebook…- están publicados en lingua galega: trátase de normalidade, de compromiso/reivindicación…? Como vedes a situación da lingua galega en internet?
Trátase dun pouco de todo, é a lingua que falamos habitualmente os membros da organización, e é un xesto tamén de compromiso, se nós non falamos a nosa lingua está claro que se vai a perder. Temos tamén todos os medios en galego porque centrámonos en obter participantes de Galicia, ainda que o ano que ben probablemente teñamos dúas versións, xa que este ano interesouse algunha xente de fóra e claro, tamén merecen enterarse de qué vai o tema.
En canto ó galego en internet, creo que a situación é boa; hai moitas iniciativas: Blogaliza, Cabozo , latrica, Chuza!, etc. Por outro lado, hai unha comunidade de xente que voluntariamente se adica a traducir software libre ó galego e grazas a eles podemos instalar software gratuito en galego nos nosos ordenadores cunha calidade bastante boa. Gustaríame mencionar aquí tamen á xente de “A navalla suiza” e o seu proxecto Eufalo, un documental colaborativo sobre o galego.
FUTURO
“Gustaríanos consolidar a SalnesParty no tempo”
Cales son os vindeiros retos de AINCA?
De momento, e se este ano a party sae ben, gustaríanos consolidar xa o evento en Cambados e con esas datas (último fin de semana de Xuño), xa que nestas datas non hai ningunha outra party en Galicia, a xente termina exames, fai bo tempo, etc.
Gustaríanos empezar a meter máis xente na asociación para repartir tarefas e propoñer novas ideas, este ano xa colaboran na organización algúns dos participantes do ano pasado.
E gustaríanos tamén, de cara a vindeiras edicións, contar co apoio de máis empresas da zona relacionadas coas novas tecnoloxías, e incluso con algunha charla sobre temas de interese (redes sociais, internet, etc).
A Salnesparty 2010 celebrarase os días 25, 26 e 27 de Xuño no Salón de Congresos e Exposicións Peña en Cambados. Participar custa entre 10 e 30 euros (dependendo de que queiras a comida incluída ou non) e podes ler información oficial e inscribirte seguindo este enlace. Moita sorte a AINCA e que a SalnesParty dure moitos anos!
Magnífica proposta dos nacionalistas, que van máis alá dos debates puramente políticos para centrarse nalgo para nada menos importante: coñecer o noso Concello. Así se chaman estas rutas que presentan no BNG, abertas a todos, para camiñar polas diferentes parroquias de Cambados descubrindo recunchos que quizais nunca antes visitaramos.
A primeira saída é o día 20 (domingo) e é en Oubiña. A partir das dez e media e durante o paseo, duns cinco quilómetros, descubriranse muíños, fontes e lavadoiros, o Con das Sete Pías, cruceiros, a igrexa románica… sen dúbida unha proposta, que para vir dun partido é moi novidosa.
O pub Rif-Rock da nosa vila está de aniversario. Xa van 11, e mentres argallan un completo programa de celebracións, con concertos e sesións, o músico cambadés afincado en Madrid Isi Vaamonde vai actuar o vindeiro fin de semana.
Será concretamente o Sábado 19 de Xuño e farao baixo unha sixela fórmula de trío musical: Volker Ledwig tocará a batería, Edu Pulpillo o baixo e o propio Isi encargarase de guitarra e voces. Todo un luxo que merece a pena non deixar pasar!
Daremos conta de toda a programación especial que organice o mítico pub e aproveitamos xa para felicitar a todos os rifrockerz polo onceavo aniversario dun local de culto, moi especialmente ao seu dono, Mon Falcón.
Nunha conversa de política é moi común preguntarse como pode o Partido Popular gañar eleccións se a mocidade supostamente vota maioritariamente á esquerda. Pero a realidade é ben distina en moitos lugares, e Cambados por desgraza pode ser un deles.
O Partido Popular quixo esta fin de semana amosar a súa forza na mocidade presentando á dirección local de Novas Xeracións en Cambados. Diego Rumbo Sayar é o presidente e María Piñeiro Pardal é a vicepresidenta. Eles afirmaron que non aparecen “para quitarlle o posto a ninguén” (por Aragunde) e que van servir para sintonizar mellor coa sociedade e coa xuventude en particular. Novas Xeracións de Cambados contan tamén con grupo en Facebook con máis de 140 seguidores.
Como se pode analizar esta demostración de forza?
Podería ser un reflexo da realidade, dun Partido Popular que, sexamos realistas, conta aínda con moitos simpatizantes e tamén entre a xente nova a pesar de que esta adoita ser menos conformista; ou ben podería ser un síntoma de nerviosismo de cara ás Eleccións Locais de 2011: un intento por facerse notar entre a mocidade, captar apoios e quizais descolocar de paso aos adversarios políticos.
Hai quen suxire que nese sentido camiña a recén creada Asociación Xuvenil Retranca, que parece contar co beneplácito do goberno local (en Cambados por desgraza non estamos acostumados ao apoio por parte do Concello para actividades culturais).
Polo de agora só se presentaron en sociedade, homenxearon as letras e organizaron unha recollida de lixo, pero quizais a súa actividade medre pronto. En calquera caso non se pode dar crédito só a rumores e haberá que agardar para confirmar ou desmentir, até entón a nova organización só merece parabéns polas súas iniciativas.
Imaxe e información extraídas de La Voz de Arousa.
Até o vindeiro martes 8 de Xuño non haberá actualización na web. Mentres, podes enviar calquera suxerencia, crítica ou comentario ao correo da páxina (cambadostk arroba gmail.com) ou a través dunha rede social.
Lembra que estamos a recoller propostas para un Cambados mellor a través dun buzón especial que atoparás na parte dereita do blog na sección Cambados 2011. Podes enviar calquera iniciativa que che pareza interesante de cara ao labor do vindeiro goberno local.
Vémonos para a semana!
Copenhague é, como anticipo e como resumo do que se vai dicir aquí, unha cidade para vivir. Deseñada a través dos anos para iso, para vivir con comodidade.
Se ben é certo que o seu tamaño non é tan xigantesco como o doutras capitais europeas, Copenhague pode ser escollido como exemplo entre as cidades nórdicas, postas ao servizo do cidadán. E toda esta palabrería, en que se traduce?
Para comezar, a zona máis céntrica de Copenhague é camiñábel. E éo non só polo seu relativo pequeno tamaño, que permite andar desde unha punta a outra. Senón porque ademais desde os anos sesenta apostaron por peonalizar rúas e prazas no mesmísimo centro facendo que hoxe conten co Strøget, a rúa comercial peonil máis longa de Europa (cun percorrido de máis de tres quilómetros).
É curioso ler a historia de como crearon esta cultura peonil. Comezou case como un accidente, cando pecharon un par de días unhas rúas ao tráfico para celebracións de Nadal. Entón, descubriron o interesante que é poñer a disposición do cidadán de a pé (nunca mellor dito) as principais áreas dunha cidade, e decidiron mantelo e máis tarde amplialo. E é curioso ler as principais críticas que se lle facían a este proxecto novidoso: espantaría aos clientes desa zona que xa era comercial pola prohibición da entrada de vehículos.
Iso ocorría nos anos sesenta e a dous mil quilómetros da nosa vila, Cambados. E precisamente o mesmo argumento empregaron tradicionalmente quen se opuxo a que a Praza e a zona de Fefiñáns se cortase ao tráfico e fixeran que hoxe os vehículos de motor aínda poidan seguir accedendo a calquera recuncho do noso centro histórico.
Pero Copenhague é máis que rúas peonís, en Copenhague (e no resto do país) a bicicleta é o primeiro medio de transporte. E a cidade adaptouse en consecuencia brindando aos cidadáns quilómetros e quilómetros de carrís bicis separados da calzada que permiten a calquera empregar este medio sen ningún tipo de perigo e dispoñendo de aparcamento en todo lugar.
Os edificios no mesmo centro son baixos, non pasan case nunca das catro alturas e o transporte público é de moita calidade (e tamén caro, incluso tendo en conta o nivel de vida) e permite moverse sempre sen dificuldades entre dous puntos da cidade por tren, metro, bus ou barco, con total garantía de chegar a tempo.
As aforas son moi extensas, contando en grande medida con barrios residenciais formados por vivendas unifamiliares. Isto fai que tendo en conta a poboación da área metropolitana, 1.6 millóns, a extensión que ocupa sexa enorme, case dous mil quilómetros cadrados. Poñendo estes datos a carón dunha gran cidade máis próxima (digamos Barcelona) obsérvase claramente que coa metade de poboación Copenhague ocupa un terreo até tres veces máis extenso.
Evidentemente as comparacións a estabelecer entre a capital de Dinamarca e Cambados son máis ben escasas. Pero como é obxectivo deste pequeno artigo subliñar características positivas doutros modelos, é preciso dicir que si que sería posíbel na nosa vila ollar a unha pequena gran cidade como esta e defender xeitos diferentes de ver as cousas; por exemplo, apostando pola peonalización (que Fefiñáns en 2010 siga aberta ao tráfico é vergoñento) e pola mellora do tranporte.
Máis anotacións na serie Outras cidades: