//
estás a ler...
Artigos de opinión, Cambados, global, Outras cidades

[Outras cidades] Copenhague, as vantaxes dunha vila nunha cidade moderna


Copenhague é, como anticipo e como resumo do que se vai dicir aquí, unha cidade para vivir. Deseñada a través dos anos para iso, para vivir con comodidade.

Se ben é certo que o seu tamaño non é tan xigantesco como o doutras capitais europeas, Copenhague pode ser escollido como exemplo entre as cidades nórdicas, postas ao servizo do cidadán. E toda esta palabrería, en que se traduce?

Para comezar, a zona máis céntrica de Copenhague é camiñábel. E éo non só polo seu relativo pequeno tamaño, que permite andar desde unha punta a outra. Senón porque ademais desde os anos sesenta apostaron por peonalizar rúas e prazas no mesmísimo centro facendo que hoxe conten co Strøget, a rúa comercial peonil máis longa de Europa (cun percorrido de máis de tres quilómetros).

É curioso ler a historia de como crearon esta cultura peonil. Comezou case como un accidente, cando pecharon un par de días unhas rúas ao tráfico para celebracións de Nadal. Entón, descubriron o interesante que é poñer a disposición do cidadán de a pé (nunca mellor dito) as principais áreas dunha cidade, e decidiron mantelo e máis tarde amplialo. E é curioso ler as principais críticas que se lle facían a este proxecto novidoso: espantaría aos clientes desa zona que xa era comercial pola prohibición da entrada de vehículos.

Iso ocorría nos anos sesenta e a dous mil quilómetros da nosa vila, Cambados. E precisamente o mesmo argumento empregaron tradicionalmente quen se opuxo a que a Praza e a zona de Fefiñáns se cortase ao tráfico e fixeran que hoxe os vehículos de motor aínda poidan seguir accedendo a calquera recuncho do noso centro histórico.

Pero Copenhague é máis que rúas peonís, en Copenhague (e no resto do país) a bicicleta é o primeiro medio de transporte. E a cidade adaptouse en consecuencia brindando aos cidadáns quilómetros e quilómetros de carrís bicis separados da calzada que permiten a calquera empregar este medio sen ningún tipo de perigo e dispoñendo de aparcamento en todo lugar.

Os edificios no mesmo centro son baixos, non pasan case nunca das catro alturas e o transporte público é de moita calidade (e tamén caro, incluso tendo en conta o nivel de vida) e permite moverse sempre sen dificuldades entre dous puntos da cidade por tren, metro, bus ou barco, con total garantía de chegar a tempo.

As aforas son moi extensas, contando en grande medida con barrios residenciais formados por vivendas unifamiliares. Isto fai que tendo en conta a poboación da área metropolitana, 1.6 millóns, a extensión que ocupa sexa enorme, case dous mil quilómetros cadrados. Poñendo estes datos a carón dunha gran cidade máis próxima (digamos Barcelona) obsérvase claramente que coa metade de poboación Copenhague ocupa un terreo até tres veces máis extenso.

Evidentemente as comparacións a estabelecer entre a capital de Dinamarca e Cambados son máis ben escasas. Pero como é obxectivo deste pequeno artigo subliñar características positivas doutros modelos, é preciso dicir que si que sería posíbel na nosa vila ollar a unha pequena gran cidade como esta e defender xeitos diferentes de ver as cousas; por exemplo, apostando pola peonalización (que Fefiñáns en 2010 siga aberta ao tráfico é vergoñento) e pola mellora do tranporte.

Máis anotacións na serie Outras cidades:

O exemplo de Allariz

Advertisements

Conversa

Os comentarios están pechados.

Nas redes sociais

Xuño 2010
L M M X V S D
« Mai   Xul »
 123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
282930  

Arquivo

wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.

%d bloggers like this: