Un lector achéganos a información das actividades da Coordenadora Antitouradas de Pontevedra. O prato forte é a manifestación que vai ter lugar mañá Sábado do Albariño en Pontevedra baixo o lema “a tortura non é arte nen cultura”. Será na Peregrina arredor das 20 horas e como ben din quen nos achega a nova, dá tempo logo a disfrutar das Festas do Albariño.
Este tema está estes días máis de moda que nunca pola prohibición das touradas en Catalunya logo de que o Parlament votara hai un par de días nestes sentido. A pregunta é…para cando en Galiza?
A profesora e escritora Adela Leiro vén de publicar en internet unha páxina web na que pon a disposición de todo aquel que queira o “traballo de case corenta anos”. Fotografías (as cales son unha auténtica marabilla e xa deron pé a varias publicacións), material didáctico, rutas para coñecer o país…en definitiva un lugar extremadamente interesante para coñecer máis -e mellor- a nosa Galiza.
Noraboa a Adela por este novo paso e sobre todo moitas grazas por compartir aínda máis todo o que coñeces.
AdelaLeiro.com pasa a formar parte das ligazóns de Cambados(tk).
Hoxe chéganos unha nota do portavoz do BNG de Cambados, Víctor Caamaño, na cal se dirixe ao alcalde de Cambados para preguntarlle quen son e o motivo polo cal os máis de 600 convidados (se a cousa segue como anos anteriores) van xantar gratis o próximo Domingo de Albariño na nosa vila con motivo do feche das Festas.
Hai uns días Cambados(tk) lanzaba esta proposta, que é a explicación mínima que pode dar o Concello ao respecto. Os cidadáns, e máis os que o están a pasar mal por mor da crise, tñen dereito a saber quen vai comer á súa conta e por que razón.
Alegra ver tamén como outra xente vai levantando a voz contra o Xantar. Estes días facíao a profesora Maribel Iglesias desde o seu blog (O Umia) cun interesante artigo que non deberías deixar de ler.
A proposta de UGCH consiste en que tanto a súa peña como Chejar e Encher teñan un papel especial na inauguración desta edición da Festa. E é que Unha Grande Chea atópase no seu 25 aniversario e Chejar e Encher, con que están irmandados desde unha cea no 2008, cumpre 20 anos de idade.
O presidente de UGCH, Xaquín CHarlín (Chon), solicítalle ao alcalde a través da páxina web oficial que ambas deberían estar convidadas oficialmente á inauguración e ao corte de cintas.
Toda iniciativa que contribúa, coma esta, a facer do Albariño un evento máis cercano ao cidadán e menos ao Partido Popular, merece o apoio de todos e todas.
Coincidindo co lanzamento do vídeo crítico co Xantar do Albariño na Rede, que podes ver na anotación anterior, o alcalde Luís Aragunde remitía a través do Gabinete de Prensa do Concello a resposta ao email que se enviaba unha semana atrás e que lle solicitaba que os cartos que se aforrasen dun hipotético reaxuste do Xantar do Albariño se destinasen a asinar un convenio estábel con Esperanza Salnés.
No seu cordial email (que podes ler íntegro premendo aquí) Aragunde non é capaz de argumentar a favor de que se lle pague a comida a máis de 600 persoas, a maioría ligadas ao Partido Popular, senón que se limita a soster que “este evento coñecido en todo o país e fóra das nosas fronteiras naceu, precisamente, nun xantar onde diferentes adegueiros e personalidades daquel momento se xuntaron para ensalzar e competir polos mellores caldos da bisbarra”.
Algo que evidentemente é certo, como tamén poñemos de manifesto no vídeo crítico que lanzamos, pero que dista moito da realidade en que se converteu o Xantar do Albariño hoxe en día.
Naquel email que lle enviabamos hai unha semana tamén se solicitaba unha entrevista para este medio, tal e como suxeriron os lectores a través do grupo de Facebook. Nada comentou o alcalde ao respecto, a entrevista terá que agardar.
Desde aquí agradecerlle a Luís Aragunde o seu tempo, xa que a pesar de non ter recibido a resposta que se desexaba, tamén é certo que agora sabemos que polo menos os veciños poden contactar con el a través da páxina web oficial de Cambados.
O alcalde de Cambados, Luís Aragunde, xa declarou nos últimos días que o Xantar do Albariño vai celebrarse e que seguirá habendo convites como en anos anteriores pese ás chamadas ao aforro do BNG e a proposta de Cambados.tk de empregar os cartos con fins sociais.
O que non estaría de máis e que os grupos da oposición, ademais de pedir as contas do Xantar cando pasen as festas, soliciten ao goberno local unha relación de todas as persoas que asistiron ao evento e cal foi o motivo do convite das persoas que comeron gratis. É o mínimo que pode explicar o Concello xa postos a malgastar esa partida, que podería ser utilizada en asuntos moito máis importantes e xustos, nunha comida.
LUÍS ARAGUNDE NA RADIO, PREGUNTADO POLO XANTAR
O pasado mércores Aragunde comparecía no programa La Opinión de Radio Arousa (Cadea Ser) para que os cidadáns lle fixeran preguntas. O espazo de media hora tivo éxito e as chamadas foron sucedéndose. Dúas delas foron referidas ao Xantar do Albariño. Non se puido gravar a primeira pero si a outra para ser posta a disposición de quen queira escoitar tanto ao oínte como a resposta do rexedor.
No vídeo de arriba podes escoitar un resumo (preme neste enlace se queres acceder ás declaracións íntegras).
E EU, QUE FAGO?
Se estás en desacordo co Xantar do Albariño podes enviarlle a Aragunde unha pequena queixa a través da sección Fala co Alcalde de www.cambados.es, difunde a través de email, twitter ou Facebook calquera dos vídeos que se ofrecen nesta anotación, ou acércate o domingo do Albariño a facerlles chegar a túa queixa aos máis de seiscentos persoeiros que comerán á túa conta.
Internet vale para moito máis que ler xornais ou falar c@s amig@s. Ás veces da rede xorden iniciativas interesantes e solidarias.
Esta mañá, desde o Facebook da Protectora de Animais de Cambados se lamentaban dun roubo no cal perderan unha cara máquina de cortarlle o pelo aos animais que alí coidan, cun custo duns 400 euros. Minutos despois unha usuaria da rede social propoñía que cada un d@s amig@s do Refuxio de Animais ingresaran na conta bancaria da entidade un euro.
Se queres ser partícipe desta bonita iniciativa, fai a túa achega na conta:
2100-5036-49-0200074762 de La Caixa
A imaxe foi extraída do Facebook de Refuxio de Animais Cambados
Treixadura dará un concerto hoxe Sábado 17 de Xullo con motivo do seu 20 aniversario e enmarcado dentro das celebracións da Festa da Vieira 2010. Para quen aínda non o saiba Treixadura é un magnífico grupo de música tradicional do país e consta de dúas seccións: Treixadura Gaiteiros (onde participa o mestre da gaita cambadés Xaquín Xesteira) e Orfeón Treixadura, a parte vocal do grupo.
Desde logo un grande acerto para as celebracións desta fin de semana. Será entorno a medianoite na Praza do Concello.
Durante un mes recolléronse as novas políticas publicadas nas edición dixitais de Diario de Arousa e La Voz de Arousa (o Faro non puido ser incuído por publicar na rede só unha pequena parte dos seus contidos comarcais) e amósase a presenza de cada organización política en cada xornal. Aí van os datos correpondentes ao período 14/6 ao 13/7 deste mesmo ano:
(na gráfica compáranse as novas xeradas por cada partido entre os dous xornais analizados -tanto en números absolutos no eixo como en porcentaxe enriba das barras)
O programa do Albariño, que adoita saír en datas próximas á festa, acostuma recoller unha programación duns seis meses; tres adiante e tres atrás. Pero o alcalde vai máis alá, aínda que “ironicamente”, e contesta ás propostas de aforro entorno ao Xantar do Albariño coa seguinte frase (máis propia de Tourís que del mesmo, pero parece que Aragunde aprende rápido do ex alcalde):
“as críticas do Bloque e máis do PSOE nestas datas tamén forman parte da Festa do Albariño e talvez deberían de incluírse no programa” (La Voz de Arousa 13/7/10)
Segundo este diario rexeitou tamén o rexedor a proposta lanzada desde este medio de crear un convenio estábel con Esperanza Salnés cos case 30.000 euros que se aforrarían se os comensais do Xantar pagaron o seu prato.
Proposta que foi suscrita pola Asociación Unha Grande Chea e por particulares como a profesora Maribel Iglesias Baldonedo desde o blog O Umia. Maribel tamén empregou a ferramenta Fala co alcalde da páxina web oficial para deixar claro “como veciña de Cambados e contribuínte” que “non están os tempos para “comilonas”, hai quen o precisa máis, o que vaia á comida que a pague do seu peto”. Ti tamén podes enviarlle unha mensaxe a Aragunde desde Cambados.es.
Desde Cambados(tk) estamos á espera da resposta do alcalde tras 48 horas e agardamos que finalmente chegue e que, xa que non parece que o Xantar vaia a organizarse dun xeito limpo e xusto, polo menos poidamos ter a conversa con el que os lectores demandaban hai unhas semanas en Facebook.