Coincidindo co lanzamento do vídeo crítico co Xantar do Albariño na Rede, que podes ver na anotación anterior, o alcalde Luís Aragunde remitía a través do Gabinete de Prensa do Concello a resposta ao email que se enviaba unha semana atrás e que lle solicitaba que os cartos que se aforrasen dun hipotético reaxuste do Xantar do Albariño se destinasen a asinar un convenio estábel con Esperanza Salnés.
No seu cordial email (que podes ler íntegro premendo aquí) Aragunde non é capaz de argumentar a favor de que se lle pague a comida a máis de 600 persoas, a maioría ligadas ao Partido Popular, senón que se limita a soster que “este evento coñecido en todo o país e fóra das nosas fronteiras naceu, precisamente, nun xantar onde diferentes adegueiros e personalidades daquel momento se xuntaron para ensalzar e competir polos mellores caldos da bisbarra”.
Algo que evidentemente é certo, como tamén poñemos de manifesto no vídeo crítico que lanzamos, pero que dista moito da realidade en que se converteu o Xantar do Albariño hoxe en día.
Naquel email que lle enviabamos hai unha semana tamén se solicitaba unha entrevista para este medio, tal e como suxeriron os lectores a través do grupo de Facebook. Nada comentou o alcalde ao respecto, a entrevista terá que agardar.
Desde aquí agradecerlle a Luís Aragunde o seu tempo, xa que a pesar de non ter recibido a resposta que se desexaba, tamén é certo que agora sabemos que polo menos os veciños poden contactar con el a través da páxina web oficial de Cambados.
Conversa
Os comentarios están pechados.