O Partido Popular copou no mes pasado as novas que publicaron dous dos tres diarios da comarca. Ese ascenso do partido do goberno fronte aos dous da oposición fíxose moito máis acusado no Diario de Arousa que en La Voz.
Din que o verán é o período menos mediático do ano debido ás vacacións. Unha explicación posíbel destes datos pode ser que a maquinaria da propaganda institucional do Concello seguiu funcionando con total normalidade, mentres que os grupos da oposición afloxaron a actividade fiscalizadora durante o verán. Os temas máis recurrentes foron as festas do Concello (o PP aparece en case todas as novas deste tipo debido á grande afluencia de cargos conservadores en Cambados) e algunhas actuacións anunciadas por Xunta e goberno local.
A partir da vindeira entrega adxuntarase xa un histórico das novas de cada partido ao longo dos meses, onde se poderá percibir máis facilmente o que sucedeu durante o verán.
Xa é un pouco tarde para dar un breve repaso ao Dolorock que se celebrou o pasado sábado 21 de agosto en Mosteiro (Meis), pero é necesario dalo, pois este festival conta xa cuns anos de traxectoria e un importante número de persoas desfrutan cada ano das súas propostas musicais.
O Dolorock comezou coma un evento de baixo presuposto onde os grupos galegos dos arredores tiñan a oportunidade de participar nun festival de considerables dimensións e pouco a pouco foi mudando e crecendo ata que no 2007 trouxeron directamente a Mosteiro por primeira vez a un grupo internacional (os portugueses The Gift). Hoxe en día, cun presuposto de máis de 40.000 €, achegan ao festival Dolorock promesas actuais do indie tanto de bandas españolas coma galegas, e internacionais inclusive. E iso sen modificar o seu prezo que sigue a ser de balde e con acampada libre.
O Dk’10 contaba con atraer a Mosteiro a tantos miles de persoas coma a pasada edición, non obstante quedouse curto en canto a participación, o cal non quere decir que a proposta deste ano non fora apetecible. Abrindo o cartel musical atopábase Munich, unha proposta de postpunk que sae das entrañas de Vigo; Supersubmarina ofreceu un concerto contundente que deixou con ganas de máis; os seguintes Igloo amosaron a súa proposta pop quedando un pouco ao marxe do público quen non se amosaba moi entusiasmado. Chegou o turno dos de Barbanza, Triángulo de Amor Bizarro, ca súa proposta noise retumbando por todo Mosteiro, a guitarra que molestou a máis de un e a súa baixista, Isa Cea, reclamando o público femenino en pe. Pechando o cartel do dk’10 chegaron dende Glasgow os 1990s, prato forte do festival, que encheu de espíritu ao pequeno público cos tres integrantes dándoo o todo para facer un sonido maxistral nun Mosteiro que ía quedando baleiro. Tamén fixo a súa presencia Rober Bodegas Dj que comezou pinchando de cedo e entre banda e banda, e rematando a festa a música saiu dos pratos da recoñecida eme dj.
A pesares da baixa participación deste ano, o festival de Mosteiro continúa a ser unha referencia da música indie e contamos con que o ano que ven volvan traer bandas tan interesantes coma as do sábado pasado.
*Repaso ao Dolorock 2010 é un artigo de Marina Martínez Pillado para Cambados(tk). Podes ler a Marina no seu blog musical Aves Cantamañas (http://galldindie.blogspot.com/).
Por motivos persoais, durante esta semana (até o vindeiro Martes 31 de Agosto) a dirección de Cambados(tk) vai ser levada a cabo por outra persoa.
Non se prevé unha actividade grande na web, pero si polo menos non romper coa actualización durante sete días seguidos. Espérase tamén un toque persoal diferente durante estes días…veremos en que queda, estate atent@!
Moitas veces se falou nesta páxina (tanto no blog coma nas dúas anteriores versións) da páxina web oficial de Cambados (www.cambados.es). Falouse de xeito crítico porque a páxina é empregada como unha ferramenta política máis en lugar de como unha ferramenta útil para o cidadán. A última das veces foi esta mesma semana cando descubrimos que a información relativa ás bolsas para estudantes que concede o Concello de Cambados foi publicada na web do Concello de Vigo e curiosamente non na nosa.
Pois ben, hoxe publican en Cambadosweb.net unha interesante reportaxe na cal repasan unha a unha as páxinas web oficiais dos concellos da comarca e mesmo constrúen un ranking a partir dunha puntuación repartida entre a accesibilidade, a información, o aspecto visual e a interactividade que ofrece cada unha. A web de Cambados aparece no terceiro lugar pola cola cunha nota de 4,75.
Relacionados
O pasado 1 de Xullo tivo lugar no Canal Rías Baixas (Tele Salnés) un debate entre Luís Aragunde (alcalde, PP), Domingo Tabuyo (PSOE) e Víctor Caamaño (BNG). A canle comarcal ten o vídeo subido na súa web, podes acceder a el e velo online. A duración é de unha hora.
O debate xira entorno varios temas, especialmente arredor da actual crise económica (que remata por alonxar o debate de Cambados ata o
Goberno Central) e facendo fincapé en temas recentes como as comportas no Saco de Fefiñáns e as repercusións que pode provocar para o marisqueo.
Relacionados
Debate político sobre Cambados en Tele Salnés do 1 de Xullo de 2010
Onte na cidade veciña de Vilagarcía tivo lugar unha iniciativa moi interesante chamada Proxecta, que ao parecer celebrou xa a súa terceira edición. Despois volveremos sobre isto.
Nesta sección de Outras Cidades propóñense aspectos positivos doutras localidades, galegas ou do resto do mundo, que conviría ter en conta desde o noso Concello.
Pois ben, ademais da excelente renovación que están a levar a cabo nas rúas da cidade veciña (mentres en Vilagarcía xa falan de peonalización de rúas tan céntricas como Rei Daviña, en Cambados síguennos aburrindo co concepto ambiguo de semipeonalización) e da oferta cultural que se ofrece desde o Concello, que non só xera actividades senón que apoia a quen ten a iniciativa de levalas adiante (como aos organizadores do Proxecta, sen ir máis lonxe), ou da diversidade de estilos que ofrecen nos concertos das Festas (desde Berrogüeto ou Luar na Lubre até Sergio Dalma ou David Civera!)…onte chamoume algo máis a atención.
Non é algo que debera sorprender, pero no caso de alguén acostumado a Cambados, desgrazadamente si o fai. Durante a presentación do Festival Proxecta 10 tomou a palabra o concelleiro de Cultura e tenente de alcalde, Xosé Castro Ratón (BNG). O curioso é que a carón del non só estaba a alcaldesa, Dolores García (PSOE) (algo que pode ser entendíbel dado que compartillan goberno), senón que ademais estaba o presidente da Autoridade Portuaria, Javier Puertas, quen é militante do PP e competiu co actual portavoz na cidade polo seu cargo orgánico. Falou Ratón, pediu logo a palabra Puertas e rematou a alcaldesa por falar.
Para empezar, alí estaban os tres partidos representados, algo insólito en calquera acto en Cambados porque o Concello acostuma esquecer os convites á oposición, e cando no noso Concello o alcalde se vía forzado a compartir acto con cargos doutros partidos aproveitaba o seu turno de palabra para cargar contra o outro.
Comentouse moito na rede estes días unha entrevista de La Voz de Galicia na que un cidadán de Vilagarcía de Arousa afirmaba que “en Cambados cópiannos todo”. E ten graza porque o dicía o responsábel de Albarousa, unha feira de Albariño ca metade de anos de historia que a que temos en Cambados. Pois ben, sen entrar en liortas e negando a maior eu digo: o día que comecemos a copiar de Vilagarcía, empecemos polo bo. Que por moi cambadeses que sexamos, tamén hai que saber recoñecerllo.
Imaxe : Unha rapaza olla unha das fotografías de Emilio Morenatti que forman parte da exposición Desplazados que pode verse na Rúa Rei Daviña de Vilagarcía con motivo do festival Proxecta 10.
Máis anotacións na serie Outras cidades:
Tal é como se explica na páxina web de Xuventude do Concello de Vigo (si, non na de Cambados…na de Vigo!) estamos nos últimos días de prazo para solicitar unha das bolsas para estudantes universitarios ou de ciclos superiores que concede o noso Concello.
Segundo se publicou no BOP de Pontevedra o pasado 25 de Xuño o prazo comprende dous meses desde o día seguinte ao da publicación, polo tanto esta sería a última semana. Esta bolsa ten como obxecto axudar á compra de libros e material didáctico e a contía máxima (a repartir entre todos os seleccionados) será de 7.000 euros, tal e como se prevé nos orzamentos deste ano.
Quen pode pedila? Calquera estudante universitario ou de ciclo superior que curse estudos fóra da comarca e con domicilio familiar en Cambados e cuxos pais sexa tamén veciños deste Concello. A unidade familiar debe ter uns ingresos netos anuais que non superen os 24.000 euros (e 602 euros máis en caso de familias numerosas a partires do terceiro fillo).
Onde e como solicitala? Calquera día da semana de 10.00 a 14.00 horas no segundo andar do Centro Sociocultural da Mercede. O solicitante facilitará copia do seu DNI ou pasaporte, do libro de familia, da matrícula do curso anterior e do seu expediente completo. Tamén o certificado das imputación do IRPF de cada membro da unidade familiar, certificación dunha conta bancaria para o posíbel cobro da bolsa, certificado de empadroamento e recibo de pagamento de alugar da vivenda familiar se é o caso.
Documentos relacionados
Boletín Oficial de Pontevedra do 25 de Xuño de 2010. Neste enlace ao BOP no que se publicaron as bases da convocatoria (pax 19) podes ler todos os detalles (documentación necesaria, baremación, pagamento…).
Hoxe acudiron a Cambados os reporteiros da Televisión de Galicia (TVG) para facerse eco dos malor cheiros que seguimos a padecer os veciños e veciñas do centro da vila.
Na nova, emitida neste mediodía no programa Galicia Noticias, ademais de verse reflectida a opinión de varios viandantes aparece o presidente dos comerciantes de Cambados Zona Centro, Marcos González, quen mantén que os malos cheiros poden provocar unha mala imaxe á xente que vén de fóra.
Podes ver o vídeo premendo no logo:
OPINIÓN DUN LECTOR SOBRE AS OBRAS
Sobre a anotación que se facía esta semana acerca das obras no Pombal para arranxar o problema dos cheiros, un lector achéganos a súa opinión. Dicíase esta semana que os operarios traballaban levantando a rúa e cambiando tuberías para rematar cos cheiros, e esta persoa afirma que o que habería que facer sería unha “pequena obra” que consistiría en “cambiar o burato de lado da alcantarilla” e logo “éngadese o bote sifónico e adeus cheiros”.
Sinala ademais que non cre que sexa necesario cambiar toda a rede de saneamento, senón revisar e levar a cabo esta obra en cada punto negro dos cheiros, posto que tan só consistiría en cambiar as alcantarillas e poñer un bote de plástico fronte a unha grande inversión, e ademais sentenza: “que non nos den gato por lebre e volten a levantar tódalas rúas”.
Se coñeces a solución para o problema ou queres achegar a túa opinión, podes facelo a través do email cambadostk (arroba) gmail.com, a través do Facebook ou como un comentario a esta anotación.
Estes días están tendo lugar grande cantidade de actividades culturais e lúdicas entorno aos días centrais das vacacións de verán. Hoxe toca falar dalgún evento que, se ben non terá lugar aquí en Cambados, quédanos moi a man e soa interesante:
XOVES 19 – PROXECTA 10 – VILAGARCíA
Mañá xoves ás 17.30 o fotoxornalista Emilio Morenatti vai ofrecer no Auditorio de Vilagarcía unha charla-coloquio acerca das experiencias propias do traballo en zonas de conflito. Desde onte unha exposición das súas fotos, da serie REFUXIADOS, pode verse na rúa peonil Rei Daviña.
Tamén mañá a partires das 22.30 na rúa Romero Ortiz terá lugar unha proxección nunha gran pantalla de traballos de fotógrafos recoñecidos internacionalmente, como poden ser Reza Deghati (Iran), Dani Rocha (Portugal), Díz Maroto, Jorge Candán, o propio Emilio Morenatti e moitos máis. (podes ver a información completa no blog de Embaixada Prusiana)
VENRES 20 – FESTIVAL XUVENTUDE – SIMES (MEAÑO)
Nesta edición do Festival da Xuventude de Simes vai participar un grupo cambadés de nova creación. Chámanse IIIeXperienceBand e xurde da man de tres dos compoñentes de The Henry Warnimont (David Falcón á guitarra, Rubi Iglesias ao baixo e Berto Chaves á batería) desta volta cunha nova voz (Tino Chaves) para este único concerto no cal repasarán temas de Pink Floyd, Joe Bonamassa e moitos máis. Haberá máis grupos participando da Festa e os concertos comezarán arredor das 22.30.
SÁBADO 21 – DOLOROCK – MOSTEIRO (MEIS)
O Dolorock é un festival de música indie que se celebra moi pretiño do noso Concello e que desde que comezou en 2003 cuns orzamentos de 2.000 euros e 200 asistentes leva medrado até que na edición do ano pasado acolleu a máis de 40.000 persoas e que leva traído á nosa comarca a grupos de renome na escena indie como Love of Lesbian, Deluxe, Vetusta Morla ou Lori Meyers poñendo a Meis no mapa musical galego e mesmo español.
Este ano o Festival celébrase este sábado coa presenza de grupos como Triángulo de Amor Bizarro, Munich, Supersubmarina, Igloo e o grupo de Glasgow 1990’s. Todo comezará arredor das 19.00 horas da tarde, hai zona de acampada e se non sabes como chegar, o festival explícache como neste enlace.
Onte rematou nas Pistas de Tenis d’O Pombal en Cambados o XIII Open do Albariño. Este torneo conta xa cunha boa tradición no referente ás competicións oficiais galegas e polo tanto segue a ter unha boa participación de xente, non só de Cambados, que durante os días 14 e 15 competiron por facerse co título de campión ou campiona.
Desde que o Club de Tenis existe, é esta entidade quen organiza a competición deportiva contando coa colaboración do Concello de Cambados.
En categoría masculina Pablo Mosquera foi proclamado campión e Javier Fidalgo Finalista. En categoría feminina foi Natalia Galán a vencedora e Susi Redondo a finalista.
Ademais celebrouse tamén o Torneo Club de Tenis Cambados, que permitía aos mellores acceder ao Open do Albariño. Entregáronse premios nas categorías Junior, Veterano e Senior. Nesta categoría foi campión David Rodríguez e finalista Javier Fidalgo. En Junior foi Raúl Moreira o finalista e Andrés Fernández o campión. Por último en veteranos fíxose coa primeira praza Luís Fernández, mentres que Jorge Labandeira foi finalista.
Ao remate dos partidos celebrouse unha entrega de premios na cal participaron membros da actual directiva do Club. Preme en Seguir Lendo para ver máis fotos da entrega.