O pequeno parque que hai detrás do Pazo de Torrado (non confundir co parque infantil ou o destinado ao exercicio dos maiores) revélase como un lugar moi acolledor para a realización de actos que non vaian a atraer a unha gran multitude.
É un recinto pequeniño e certamente agradábel para pequenos concertos, presentacións de libros ou similares. Demostrouse o ano pasado cando a publicación da biografía de Ramón Cabanillas por parte de Luís Rei (nun acto no cal houbo música en directo) e sen ir máis lonxe a semana pasada cun concerto de PLV Havoc e a exhibición de escultura en xeo do cambadés Rubén Arenaz. No verán este lugar debería ser o punto de encontro para moitos actos culturais.
Ademais, para este tipo de eventos o patio do Centro Comarcal está a ser desaproveitado cando en ocasións puntuais se demostrou que con boas condicións climatolóxicas o resultado pode ser moi positivo (véxase o concerto do cantautor galego Tino Baz en abril de 2008 organizado polos libreiros, que se celebrara alí logo de que a concellaría de cultura negara o Auditorio a última hora, xerando unha intensa polémica).
Na foto pódese ver ao artista cambadés Rubén Arenaz esculpindo o escudo de Cambados sobre xeo, tralo remate da música en directo de Havoc. No acto tamén se puido degustar gratuítamente unha copa de Albariño cortesía da adega Rosalía de Castro.