//
estás a ler...
As enquisas, Cambados

Resultados da enquisa sobre o Albariño 2010


En primeiro lugar cabe salientar a boa acollida que tivo a enquisa en internet, xa que durante os últimos cinco días foron máis de cen persoas quen se interesaron por cubrila e unha boa parte deles deixou a súa opinión persoal a través das dúas preguntas abertas que se lanzaban. Isto débese por un lado ao interese que esperta este tema entre os cambadeses e tamén ao esforzo de publicidade da enquisa que se fixo non só por parte de Cambados(tk) senón pola doutras webs cambadesas ás que desde aquí se lles dá as grazas.

A IDADE DO ENQUISADO: MOI REPARTIDO ENTRE MOZOS E MAIORES

Na única pregunta persoal que se facía, a da idade, desvelouse que os lectores que participaron eran na maioría xóvenes, de trinta anos ou menores (nunha proporción aproximada de 60-40 fronte aos que rebasaban a trintena).

OS PUNTOS FORTES DO ALBARIÑO, AS AMIZADES E A MÚSICA. O QUE MENOS GUSTA, O DESFILE DE CARGOS POLÍTICOS E OS ATASCOS

Fronte a resposta de “catar os viños”, que só conseguiu un 12% de apoios dos participantes, as gañadoras foron “os amigos” e “a música”, principales puntos fortes da Festa. Lonxe quedaban os postos que se montan e as atraccións da feira.

Como feblezas da celebración destacou a grande presenza de cargos políticos do Partido Popular, marcada en máis dun corenta por certo das ocasións e os cortes no tráfico. Unha das causas destes problemas viarios, a gran cantidade de xente, aparece como terceiro punto negativo. Ademais, o ruído até altas horas pareceu non ser a principal molestia para os lectores na Festa do Albariño.

A EDICIÓN DE 2010 FOI MELLOR E OS CONCERTOS SON LIXEIRAMENTE MELLOR VALORADOS. OS LECTORES QUEREN MÁIS VARIEDADE DE ESTILOS E MÁIS ARTISTAS GALEGOS

Aínda que a maioría absoluta de participantes (54%) cre que o Albariño 2010 foi “igual”, a suma de “mellor” e “moito mellor” (33%) é significativamente maior que as negativas (11%). Hai, pois, unha mellor percepción da presente Festa.

Canto aos concertos os datos arroxan unha melloría na  variedade, aínda que algo quedará por facer dado que esta segue a aparecer como a principal demanda dos enquisados (38%) seguido da de introducir máis música galega (29%).

Isto corrobourse na primeira pregunta aberta, a de proposta de grupos para o Albariño. Nela a variedade suxerida polos lectores é abafante: todos estilos e procedencias de artistas.

Chama a atención que un vinte por cento de quen deixou a súa opinión neste apartado mencionou ao grupo galego Lamatumbá para pedir que participe no Albariño, casualmente como xa se ten demandado desde esta mesma web.

Outros grupos galegos de variados estilos son propostos (Treixadura, Som do Galpom, Milladoiro, Luar na Lubre), e incluso cambadeses (The Henry Warnimont). Hai quen se decanta por música española (Los Planetas, Sabina, Fito y los Fitipaldis…), por internacional (Manu Chao, Dj Tiesto, Hanson) hai quen pide menos pop e máis variedade, outro punk-rock, outros soñan con megaconcertos (U2) e outros pásanse dos soños con ironía suxerindo ao finado xenio da guitarra Jimi Hendrix. Recoméndase botar un ollo á lista completa.

O XANTAR DO ALBARIÑO REXEITADO POR UNHA MAIORÍA ABRUMADORA. OS LECTORES QUEREN QUE QUEN COMA PAGUE

A enquisa demostrou que as críticas verquidas antes do Albariño acerca de como se desenvolve o Xantar oficial contan co respaldo da sociedade: un 86% dos participantes da enquisa dixo claramente “É un malgasto cos cartos de tod@s con fins políticos”.

Como alternativas a gañadora é a que consiste en que quen asista á comida pague o seu prato (46%). De convidar a alguén os lectores apoiaron principalmente que se convide a persoeiros da cultura, deporte e ciencias (37%). Ningunha persoa marcou a opción de convidar a políticos do PP nunha coincidencia única en toda a enquisa.

OS LECTORES DAN DUCIAS  DE PROPOSTAS PARA MELLORAR A FESTA DO ALBARIÑO

Destaca da enquisa a grande participación á hora de molestarse en escribir unhas liñas con suxerencias de como mellorar a Festa. Unha repetida é a referida ao Xantar do Albariño, mencionado por varios a modo de queixa por despilfarro e amiguismo; proponse abrir o Xantar aos cambadeses en forma dun Xantar realmente popular. De feito até 20 lectores se refiren ao Xantar e á utilización da festa por parte do Partido Popular (é dicir, é mencionado por un 45% de quen deixou a súa opinión).

Outra é a petición de maior limpeza das rúas (danse incluso ideas de como facelo) e maior número de servizos públicos e mellor sinalización para eles. O tráfico é outro tema de debate introducido, así como o control sobre a inxesta de alcohol por parte de menores e o abuso por parte de tod@s. A demanda dun pregón público o primeiro día da Festa é outra suxerencia interesante. Pero como se di no título, hai ducias e é imposíbel referirse a todas. Lembra que ti podes ler cada unha delas!

——————————-MÁIS:

Os resultados da enquisa. Consulta aquí integramente os resultados numéricos e das respostas a preguntas abertas. Para moverte facilmente polo documento podes empregar a roda do rato.

Tanto ese ficheiro coma este resumo serán remitidos ao Concello de Cambados como se propuxo desde a páxina Cambadosweb para que todas as vosas opinións cheguen a quen ten competencias na organización. Porque o que opinas, importa.

Se queres facer calquera tipo de comentario, crítica, pregunta…podes facelo no correo da web (cambadostk arroba gmail.com), na propia anotación como comentario ou a través do grupo de Facebook da páxina.

Conversa

One thought on “Resultados da enquisa sobre o Albariño 2010

  1. Impresionante traballo Óscar!!!!!!

    Posted by cambadosweb | 12/08/2010, 10:18 pm

Nas redes sociais

Agosto 2010
L M M X V S D
 1
2345678
9101112131415
16171819202122
23242526272829
3031  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.

A %d blogueros les gusta esto: