Chega unha nota do Club Xuventude Cambados. Ultimamente Cambados(tk) non publicou apenas novas sobre fútbol, pero o tema non está para nada vetado. O fútbol é o deporte maioritario neste Concello, por non dicir de todo o país, e o Club Xuventude move a moitos rapaces que integran a súa base. Por este motivo é de xustiza recoñecer que o Club é importante para Cambados, cumpre cun moi bo labor, labor que se intensifica ano tras ano coas apostas como o Superescenario que argallou hai un tempo o actual presidente Richar Charlín.
E agora o Cambados pide axuda. Este ano o número de soci@s diminuiu de forma considerábel, poñendo en perigo as arcas da sociedade. Segunde o Club, descoñecen as causas desta perda de socios, que din pode ser achacábel á crise económica. E é por iso que fan un chamamento para captar novos socios. Para comezar, piden desde a directiva un xesto por parte das figuras visíbeis de Cambados: alcalde, concelleiros, deputados, senadores, cargos institucionais, presidentes de asociacións…para que cunda o exemplo entre a cidadanía e entre tod@s axudemos a que o Cambados siga adiante. Tamén hai a posibilidade de que empresas da zona se fagan cargo da sponsorización do equipo, e que este leve na súa equipación os logos de todas as empresas colaboradoras.
Viuse o mes pasado como unha iniciativa parecida xuntou a políticos, empresarios e outros persoeiros do Concello de Vilagarcía en defensa do seu club, o Arousa. Agora é tempo de que Cambados faga o propio e saia na defensa do seu.
Conversa
Os comentarios están pechados.