Tal é como se explica na páxina web de Xuventude do Concello de Vigo (si, non na de Cambados…na de Vigo!) estamos nos últimos días de prazo para solicitar unha das bolsas para estudantes universitarios ou de ciclos superiores que concede o noso Concello.
Segundo se publicou no BOP de Pontevedra o pasado 25 de Xuño o prazo comprende dous meses desde o día seguinte ao da publicación, polo tanto esta sería a última semana. Esta bolsa ten como obxecto axudar á compra de libros e material didáctico e a contía máxima (a repartir entre todos os seleccionados) será de 7.000 euros, tal e como se prevé nos orzamentos deste ano.
Quen pode pedila? Calquera estudante universitario ou de ciclo superior que curse estudos fóra da comarca e con domicilio familiar en Cambados e cuxos pais sexa tamén veciños deste Concello. A unidade familiar debe ter uns ingresos netos anuais que non superen os 24.000 euros (e 602 euros máis en caso de familias numerosas a partires do terceiro fillo).
Onde e como solicitala? Calquera día da semana de 10.00 a 14.00 horas no segundo andar do Centro Sociocultural da Mercede. O solicitante facilitará copia do seu DNI ou pasaporte, do libro de familia, da matrícula do curso anterior e do seu expediente completo. Tamén o certificado das imputación do IRPF de cada membro da unidade familiar, certificación dunha conta bancaria para o posíbel cobro da bolsa, certificado de empadroamento e recibo de pagamento de alugar da vivenda familiar se é o caso.
Documentos relacionados
Boletín Oficial de Pontevedra do 25 de Xuño de 2010. Neste enlace ao BOP no que se publicaron as bases da convocatoria (pax 19) podes ler todos os detalles (documentación necesaria, baremación, pagamento…).