//
arquivo

Archive for

Unha Grande Chea cambia de servidor


Así o anuncian no seu seu perfil de Facebook. Até o de agora o espazo web da asociación se hospedaba nos Spaces de Windows Live. Eles afirman que lles foron borrados todos os datos que almacenaban na súa conta e agora preparan a migración a outra plataforma, a coñecida blogspot. A dirección que elixiron é a de unhagrandecheacambados.blogspot.com pero avisan que tardarán uns días en normalizar a actividade, que de seguro que pronto voltará a ser frenética. E suponse que o dominio unhagrandechea.org.es será rediccionado a esa nova dirección.

Un blog para coñecer máis de Francisco Asorey


Convídannos a visitar o blog pacoasorey.blogspot.com, nacido ao abeiro do blog O Umia (que se vai actualizando periodicamente con contidos realmente interesantes) dirixido pola profesora e historiadora Maribel Iglesias.

Neste novo espazo da rede trátase a figura e a obra do escultor cambadés Francisco Asorey. Faise un repaso de lugares onde calquera pode achegarse a contemplar unha obra del e tamén se relacionan estes coa historia do artista. Pero tamén hai lugar para a crítica, como se pode ler na última entrada, na cal se pon de relevo a ausencia dunha figura da Virxe de Guadalupe de tres metros a carón da Praia de Tanxil por simple vontade da familia propietaria.

Sen dúbida este blog tense que sumar á lista de enlaces de interese de cadaquen. E máis tendo en conta que xa hai varias voces reclamando para Francisco Asorey o ano 2011 (o 2 de Xullo cumprirarnse 50 anos da súa morte) como xa se fixera con bastante éxito en 2009 co ilustre poeta Ramón Cabanillas. Oxalá que así sexa.

Un letreiro para o Concello de Cambados


Serve para sinalizar a Casa Consistorial e non queda nada mal!

Poderase construir en Alimentos Arousa


No ano 2000 un grupo de empresarios relacionados co sector inmobiliario mercaban a empresa Alimentos Arousa, que atravesaba por unha forte crise laboral.

Daquela, os novos donos xa comunicaran ás traballadoras a súa intención de construir unha nova fábrica no polígono e trasladarse fóra do centro de Cambados. Eran ben coñecidas as intencións dos empresarios de empregar o terreo da fábrica para a construción e venda de vivendas e o tempo non fixo máis que confirmar esta información.

En 2005 presentaron un proxecto de urbanización pero a oposición veciñal desembocou no rexeitamento do Concello en 2006 de dito proxecto. Os veciños protestaba porque contruir na fábrica supoñía desenvolver toda a mazá como unidade de xestión.

Agora, a Xunta vén de aprobar unha modificación ás Normas Subsidiarias que abre a porta á recalificación dos terreos e a posíbel urbanización de Alimentos Arousa.

O Rif réndelle homenaxe a Hendrix


Será este sábado 18 de Setembro no pub cambadés e constará de LiveXperience e Sesión Intermitente (que ninguén se pense que vai aparecer o mítico guitarrista, que finou mañá hai exactamente 40 anos). Podes atopar o Rif-Rock en Infantas 13 e a partires da medianoite escoitarás esta particular homenaxe desde Cambados para esta figura imprescindíbel da música.

Se queres ir abrindo boca pásate polo blog do Rif-Rock e vai entrando en materia co que alí colgaron xa.

Subscríbete aos avisos ao email de Cambados(tk). Recibirás un correo os días que haxa algunha publicación. Só tes que introducir o teu enderezo neste enlace. O email non será nin sequera facilitado a Cambados(tk), é un servizo automático de Google.

Sobre as universidades europeas


Aínda que non teña que ver dun xeito directo con Cambados, coido que o tema universitario é de grande interese para tod@s. Na Voz da semana pasada facíanse eco dos rankings universitarios mundiais e incidían na baixa presenza das universidades europeas, e particularmente as galegas, nos seus mellores postos.

Coidei que a gabanza que se facía nas páxinas de La Voz ao modelo americano eran, cando menos, esaxeradas (podes lelas premendo aquí) e así o tentei reflectir nunha carta ao director:

Leo na Voz do 10 de Setembro unha reportaxe sobre rankings de universidades a nivel mundial. Destacan sempre, como se di no artigo, as do sistema americano.

Logo o autor da nova dános as claves do éxito das universidades estadounidenses e louva abertamente o modelo neoliberal das mesmas. Para hai un dato polo que pasa moi de puntiñas e é moi importante. Poderíase engadir un punto máis a esas claves: altísimos prezos de matrícula.

Un estudante de Harvard, por poñer un dos exemplos que se dan na reportaxe, paga ao ano uns 26.000 euros de matrícula. Para os estudantes da USC esa matrícula ronda os mil euros (normalmente non chega a eles). Esa diferenza, dun factor de 26, é a diferenza entre o privado e o público. O que permite que aquí todo o mundo poida decidir continuar os seus estudos e alí non sexa deste xeito e incluso quen decide ir á universidade adquira débedas incluso antes de comezar a vida laboral.

Por non entrar en que o feito de que as universidades deste tipo sexan realmente empresa privadas (como si se di no artigo) e polo tanto teñan intereses propios, invirtan fondos en bolsa e no mercado inmobiliario e en resumo, sexan un negocio máis que un instrumento ao servizo do Estado, e polo tanto da sociedade, como si acontece en Europa.

Dito isto, e aínda que por suposto que creo que queda moito moito por mellorar, creo que as universidade europeas (e incluso as galegas!) poden estar orgullosas de ocupar os postos que ocupan. Son, de momento, universidades para todos/as.

Subscríbete aos avisos ao email de Cambados(tk). Recibirás un correo os días que haxa algunha publicación. Só tes que introducir o teu enderezo neste enlace. O email non será nin sequera facilitado a Cambados(tk), é un servizo automático de Google.

Que botón premeu Tabuyo?


A semana pasada tivo lugar unha votación no Congreso dos Deputados de especial relevancia para Galicia. Tratábase de que o Parlamento Español tomara en consideración (é dicir, tramitara) unha proposta do Parlamento Galego na que se reclama a transferencia das competencias en materia de tráfico, circulación e seguridade viaria. Para explicalo máis claramente, o transpaso suporía a creación e dotación dunha Policía Galega que substituíra na comunidade á Garda Civil, como así ocorre en Catalunya, Euskadi e Nafarroa.

A proposta partía do noso Parlamento co voto a favor de TODOS os grupos e foi enviado ao Congreso un representante de cada un para defender a proposta (destacou a presenza na delegación de Anxo Quintana, que amosou a súa valía política, agora desgrazadamente en segunda fila,  nunha cordial pero firme defensa do interese galego).

As razóns para pedir esta competencia son sabidas: a singularidade do territorio galego, que acumula a metade dos núcleos poboacionais de toda España nunha complicada orografía plagada de estradas secundarias. Estes son, sintentizando, os motivos obxectivos que se aducen. Que o centro de decisión da autoridade en materia de circulación estea no país, por medio desa Garda Galega, melloraría os malos datos (accidentes e mortalidade) que posúe Galicia en comparación co resto do Estado. E logo están tamén os máis subxectivos pero non menos importates: desenvolver as competencias autonómicas do Estatuto aínda vixente e non quedar por baixo do nivel de autogoberno das outras dúas nacións do Estado, Euskadi e Catalunya.

Motivos todos eles suficientes para que tres partidos que non adoitan poñerse dacordo no Parlamento o fixeran por unha vez: PP, PSdeG e BNG votaran xuntos a favor de transladar isto ao Congreso nun pleno de 2008.

E que pasou en Madrid? O Partido Popular amosouse “receptivo”, “con simpatía hacia la causa”, segundo o seu portavoz. Pero os seus deputados abstivéronse. O Partido Socialista por medio do seu voceiro declarou que non era oportuno, conveniente nin necesario. E votaron todos en contra.

Máis unha vez negábaselle ao noso país un avance que si se lle permitira antes tanto a cataláns como a bascos. O deputado no Congreso do BNG (quen si votaron a favor) lamentaba que os partidos centralistas só accedan a dar os seus votos na cuestión competencial cando necesitan os dos nacionalistas para superar obstáculos na cámara. E é totalmente certo.

E en toda esta cuestión un pregúntase: para que serven os votos dos cidadáns galegos que apoiaron a PP ou PSOE nas Xerais, se os deputados tan só saben facer o que se lles dita en Madrid? De que nos serven eses deputados que din ser galegos e votan en contra dunha proposta unánime do Parlamento de Galicia?

E é que nesta política de mediocridade danse estampas moi curiosas. Ademais de Quintana, Leiceaga, deputado galego do PSdeG que defendeu a proposta no Congreso, pediu o voto a favor aos deputados no Congreso. Pedro Puy, representante polo PPdeG, fixo o propio. E que votaron os seus compañeiros de partido? Uns en contra do que lle pediran e outros abstivéronse. Sobran comentarios.

O PP no noso Concello adoita acusar ao deputado Domingo Tabuyo de non facer nada en Madrid por Cambados. Sempre creo que o que fan é, sen grande motivo, tentar desgastar a un dos candidatos alternativos a Aragunde na carreira municipal a través da súa tarefa no Congreso. Porque o que é certo é que non se lle pode acusar de vago: Tabuyo presentou no que vai de lexislatura 350 iniciativas (case todas relativas a Galicia e a esta provincia, pola que foi elixido) e en cambio durante o último ano de Tourís como senador tan só fora quen de levar á camara alta 21 propostas.

Pero volvendo ao tema do tráfico: non sei se o señor Domingo Tabuyo se atopaba nesa sesión da semana pasada, pero se estaba alí traizoou como os demais deputados galegos de PP e PSOE os intereses deste país.

Desde logo que debería darlles vergoña voltar a pedirnos o voto, se é que lles queda algunha despois desa sesión.

Máis información:

Vídeo do debate da proposta do Parlamento Galego no Congreso

Subscríbete aos avisos ao email de Cambados(tk). Recibirás un correo os días que haxa algunha publicación. Só tes que introducir o teu enderezo neste enlace. O email non será nin sequera facilitado a Cambados(tk), é un servizo automático de Google.

Maltrato animal impune nos montes


Unha lectora envía unhas fotografías tomadas no día de onte no Monte Xiabre (preto do merendeiro de Fontefría). Nelas pódese ver a un cabalo, até aquí algo bastante normal para tratarse dunha escena tomada dun monte. O que non debería ser normal é o aparello que ten enganchado o cabalo nunha das súas patas dianteiras: trátase dunha tranca.

As trancas son empregadas polos donos destes animais para reducir a súa mobilidade e impedir que causen danos en fincas privadas das que terían que responsabilizarse. Este método provoca sufrimento para os cabalos, xa que a tranca chega a causarlle feridas na pata, e en casos extremos mutilacións e até a morte. Ademais, en caso de incendio forestal non fai falla dicir que o animal non é capaz de alonxarse da zona a tempo.

Aínda máis desesperanzador é recurrir ás hemerotecas e ollar como a prensa comarcal recolleu nas súas páxinas  estes maltratos durante todo o verán, e aínda así continúan a ter lugar. Hai que lembrar que existe un corpo da Garda Civil ligado á Protección da natureza (o Seprona), aínda que parece que non é quen de acometer a súa función neste tema. E está claro que  a culpa desta práctica salvaxe non é máis que dos donos dos animais, pero o Seprona non parece moi eficaz se coa cantidade de denuncias do verán non erradicou as trancas do monte Xiabre e doutros enclaves do país.

E mentres, os que sofren non son os donos senón os cabalos no monte e os excursionistas, quen de súpeto, impotentes, se atopan ante tal espectáculo cruel.

Máis información

El maltrato a los caballos, una cruel realidad. Faro de Vigo. Marzo 2010

Os cabalos do monte Xiabre seguen sendo maltratados con pexas e trancas. La Voz de Galicia. Xuño 2010

Arrecian las críticas por la presencia de caballos con cepos en el monte Xiabre. Faro de Vigo. Xullo 2010

Máis imaxes ao premer en Seguir Lendo.

Seguir lendo

O tempo da a razón a Cambados(tk) no caso de Esperanza Salnés e Deputación


A comezos de Xullo criticábase máis unha vez desde esta web a política da Deputación, neste caso en relación coa asociación Esperanza Salnés. Dicíase textualmente: “a asociación Esperanza Salnés, que cumpre cun importantísimo labor de atención a nenos discapacitados, necesita fondos para poder superar a crise económica permantente na que vive (…) cando non chegan salta a alarma e a carencia económica tradúcese en ameaza de peche. Vímolo xa unhas cantas veces, e sempre acaban saíndo tanto Louzán coma Tourís/Aragunde ás palestras públicas como rescatadores da asociación.

(…) o que precisa a asociación é un convenio económico estábel que lle permita vivir sen estar dependendo de se Louzán decide dar a subvención ou non. Pero xa se sabe que iso só xeraría unha nova cada moitos anos e ir poñendo en situación crítica e ao mesmo tempo saír ao rescate de Esperanza Salnés cada ano mantén na prensa a idea de que o Partido Popular é un firme defensor dos servizos sociais.”

Pois arriba temos a nova de hoxe do Diario de Arousa. A Deputación, por enésima vez, sae na axuda de Esperanza (algo moi louvábel se non tiverámos en conta os precedentes) e faino, iso si, só até fin de ano. A partires de aí Esperanza voltará a pedir axuda e Louzán volverá nuns meses a conceder outra pequena subvención. Así, a contagotas, que sae na prensa unha vez cada medio ano. E iso si que cunde.

Algúns datos da historia de Esperanza:

Xa en 2002 pedía axudas á Xunta de Fraga. O seu carácter privado dificuldaba a obtención das subvencións, segundo o goberno.

-En repetidas ocasións reclamou a diferentes institucións o seu apoio por estar ao borde da quebra, por exemplo en 2004 á Mancomunidade, en 2005 á Xunta bipartita ou en 2006 aos Concellos da comarca.

-Pero o que sempre reclamou a asociación foi un convenio estábel que garantise a súa viabilidade económica e rematara coas constantes ameazas de peche. Pediullo á Deputación algunha vez, sen éxito, e nunha entrevista en 2006 o xerente queixábase de que ningunha institución aceptaba ese convenio permanente. Está claro que iso non vende electoralmente.

-A Deputación, pese a negarse a rematar cos problemas de Esperanza de xeito eficaz, foi concedendo axudas de pouco en pouco. En 2003 até en tres ocasións (1,2,3), en 2004 unha vez máis, e en 2006 outra vez,  ao igual que en 2007. No ano pasado, 2009, foi  en novembro cando se asinou a última axuda. É dicir, cada ano aparece na prensa como salvadora.

-Durante o comezo da lexislatura do bipartito na Xunta, Esperanza e Deputación acusaron a Vicepresidencia de non colaborar. O departamento que dirixía Anxo Quintana argumentou que Esperanza non cumpría unha serie de requisitos legais e ofreceuse a axudala a regularizar a súa situación. O Partido Popular saiu en rescate da Asociación e Vicepresidencia declarou que a pesar da situación de Esperanza as axudas concedidas polo ente autonómico dobraban ás da era Fraga.

-O ex alcalde de Vilgarcía, Javier Gago, acusou a Louzán de utilizar a Esperanza politicamente. Ademais denunciou que o PP votara en contra de que a Mancomunidade destinara unha partida fixa nos orzamentos para fns sociais.

-En 2010 deste esta web se propoñía que non se convidara aos membros do PP ao Xantar do Albariño cos cartos de tod@s e empregar eses fondos a asinar un convenio estábel con Esperanza. Non houbo resposta e si houbo Xantar.

-Esperanza ten recibido fondos tamén de iniciativas solidarias, como a do calendario en 2007, actividades por parte de Zona Centro ou festivais e ceas (esta última tamén copada polo Partido Popular).

Subscríbete aos avisos ao email de Cambados(tk). Recibirás un correo os días que haxa algunha publicación. Só tes que introducir o teu enderezo neste enlace. O email non será nin sequera facilitado a Cambados(tk), é un servizo automático de Google.

Creemos un modelo de turismo propio


Asistimos desde hai anos a unha ameaza verbal constante de creación dunha praia artificial nalgún lugar do centro da nosa vila.

Non é cousa exclusiva, nin moito menos, do novo alcalde Luis Aragunde (ao que tamén lle gustou este clásico do PP cambadés e aposta polo Saco de Fefiñáns como emprazamento) ,  senón que tamén o seu precedesor Cores Tourís en 2003 presentábase coa promesa (felizmente incumprida) de construir unha praia, daquela en Tragobe .

E moito antes, arredor de 1995, o goberno local de Santiago Tirado xa tiña en mente botar area nalgún punto da fachada marítima para potenciar o turismo. Ao final, trala pouca expectación creada e a alarma das mariscadoras, a cousa quedou en pouco (a praia de San Tomé, empregada para varar os barcos e a da Estación de Autobuses que se para algo serviu foi para cubrir a cantidade de basura que se xuntaba nese punto).

É un asunto que vai e volve, e volve a voltar. Pero é máis sinxelo do que parece: en Cambados non hai praia. Non a hai.

Cambados ten un montón de atractivos para o turista, ten monumentos tan singulares como a Torre de San Sadurniño, a Praza de Fefiñáns, as Ruínas de Santa Mariña…está emprazado nun entorno natural único, no corazón da Ría de Arousa, no cal se conxuga esta natureza co traballo de homes e mulleres tanto no mar como en terra (véxase a cultura vitivinícola relacionada co Albariño). Iso interesa, e moito, aos turistas. E non só as praias. Que por certo, quen queira ten á súa disposición praias de primeira (naturais, obviamente) nun radio de quince minutos, por exemplo tanto na Illa de Arousa como na Lanzada sen ir máis lonxe.

O que se fai necesario é explotar o que nós xa temos, que é moito. Poñerlle ao turista os medios para disfrutar de Cambados, do Salnés. Cousas tan básicas como liberar a zona de Fefiñáns de coches, e ao mesmo tempo asegurarlle aos autocares un aparcadoiro próximo e que sinalice axeitadamente a situación dos monumentos. Ou algo tan básico como locais que dinamicen culturalmente a vila durante todo o ano, con concertos, exposicións e congresos (a ver cando comeza a funcionar de verdade a antiga fábrica de Peña). E non falo dunha rede de museos cuxo principal logro foi a creación de postos de traballo para a órbita popular.

Tan básico como poñer en marcha iniciativas relacionadas co turismo verde, como por exemplo rutas de sendeirismo (que gocen de mantemento máis alá do primeiro ano trala inauguración), rutas para descubrir Cambados en bici, para visitar a Ría desde o mar. Porque creo que o Parque Nacional das Illas Atlánticas é un moi bo reclamo.

Neste sentido temos xa exemplos positivos, como o o de Guimatur, un grupo de mulleres (mariscadoras e redeiras) que organizan visitas guiadas para quen queira coñecer de preto o seu traballo. Ou recentemente o Concello puxo en marcha grazas á Unión Europea unha ruta en kayak para descubrir Cambados desde o mar, nunha actividade deportiva con monitor e guía, por un moi módico prezo de 3 euros.

Ou vemos carteis pola rúa de empresas que se ofrecen a levarche a visitar a ría e ás praias en barco. Pequenas accións que, na miña opinión, van polo camiño axeitado.

Hoxe pasei por diante da escultura feita a semellanza do poeta Ramón Cabanillas na Praza do Concello, e estaba rodeada por uns dez turistas que se preguntaban quen foi a persoa que tiña o privilexio de estar alí sentada. Creo que vale a pena explicarlles que estamos orgullosos de que o poeta posíbelmente  máis importante da literatura galega é de Cambados, e por que non incluso difundir aos visitantes algún texto del coa súa tradución? Ter unha lingua, unha literatura propias, é un feito diferenciador que enriquece aínda máis un lugar. E iso tamén interesa ao turista.

Porque… que queremos? Queremos seguir a senda marcada por tantos destinos de sol e praia que destruiron a súa costa? que remataron con toda a orixinalidade que posuían?

Que Cambados non teña praia, penso moitas veces, é até unha bendición. Conservamos unhas esencias, e un urbanismo, que outros xa destrozaron e temos o potencial de atraer a un turismo non estacional e de calidade. Facémolo? Ou seguimos chorando por unha praia?

Subscríbete aos avisos ao email de Cambados(tk). Recibirás un correo os días que haxa algunha publicación. Só tes que introducir o teu enderezo neste enlace. O email non será nin sequera facilitado a Cambados(tk), é un servizo automático de Google.

Nas redes sociais

Setembro 2010
L M M X V S D
 12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
27282930  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.