A asociación de ensinantes do Salnés, CANDEA, vén de presentar ao público as súas Xornadas Pedagóxicas (que van xa pola súa edición número 14) e que estarán centradas na biodiversidade da comarca.
Como de costume, as actividades englobadas nestas Xornadas están dirixidas ao profesorado e servirán para presentar novos materiais e fomentar o intercambio entre profesionais do ensino; ademais de poñer en valor os recursos que ofrece O Salnés a nivel etnográfico, cultural, natural, literario…
As Xornadas terán como sede o instituto Francisco Asorey, desde o día 13 ao 17 deste mes en horario de tarde, cubrindo un total de 20 horas presenciais. A inscrición é de 30 euros ou de 20 para membros de CANDEA e parad@s. Calquera que así o desexe pode apuntarse nos teléfonos 986530407 ou 986520161.
Ademais de conferencias e presentacións que terán lugar durante o primeiro día das Xornadas destacan as diferentes saídas temáticas para coñecer de cerca o que O Salnés nos ofrece; haberá unha dedicada a árbores, outra a dunhas, praias e areais, outra á costa rochosa e unha última centrada nos recursos para o estudo da natureza. Os ponentes durante as Xornadas serán Víctor Caamaño, Mon Daporta, Manuel Domínguez, Ramón Caride e Adela Leiro.
Conversa
Os comentarios están pechados.