//
estás a ler...
Artigos de opinión, Cambados

Creemos un modelo de turismo propio


Asistimos desde hai anos a unha ameaza verbal constante de creación dunha praia artificial nalgún lugar do centro da nosa vila.

Non é cousa exclusiva, nin moito menos, do novo alcalde Luis Aragunde (ao que tamén lle gustou este clásico do PP cambadés e aposta polo Saco de Fefiñáns como emprazamento) ,  senón que tamén o seu precedesor Cores Tourís en 2003 presentábase coa promesa (felizmente incumprida) de construir unha praia, daquela en Tragobe .

E moito antes, arredor de 1995, o goberno local de Santiago Tirado xa tiña en mente botar area nalgún punto da fachada marítima para potenciar o turismo. Ao final, trala pouca expectación creada e a alarma das mariscadoras, a cousa quedou en pouco (a praia de San Tomé, empregada para varar os barcos e a da Estación de Autobuses que se para algo serviu foi para cubrir a cantidade de basura que se xuntaba nese punto).

É un asunto que vai e volve, e volve a voltar. Pero é máis sinxelo do que parece: en Cambados non hai praia. Non a hai.

Cambados ten un montón de atractivos para o turista, ten monumentos tan singulares como a Torre de San Sadurniño, a Praza de Fefiñáns, as Ruínas de Santa Mariña…está emprazado nun entorno natural único, no corazón da Ría de Arousa, no cal se conxuga esta natureza co traballo de homes e mulleres tanto no mar como en terra (véxase a cultura vitivinícola relacionada co Albariño). Iso interesa, e moito, aos turistas. E non só as praias. Que por certo, quen queira ten á súa disposición praias de primeira (naturais, obviamente) nun radio de quince minutos, por exemplo tanto na Illa de Arousa como na Lanzada sen ir máis lonxe.

O que se fai necesario é explotar o que nós xa temos, que é moito. Poñerlle ao turista os medios para disfrutar de Cambados, do Salnés. Cousas tan básicas como liberar a zona de Fefiñáns de coches, e ao mesmo tempo asegurarlle aos autocares un aparcadoiro próximo e que sinalice axeitadamente a situación dos monumentos. Ou algo tan básico como locais que dinamicen culturalmente a vila durante todo o ano, con concertos, exposicións e congresos (a ver cando comeza a funcionar de verdade a antiga fábrica de Peña). E non falo dunha rede de museos cuxo principal logro foi a creación de postos de traballo para a órbita popular.

Tan básico como poñer en marcha iniciativas relacionadas co turismo verde, como por exemplo rutas de sendeirismo (que gocen de mantemento máis alá do primeiro ano trala inauguración), rutas para descubrir Cambados en bici, para visitar a Ría desde o mar. Porque creo que o Parque Nacional das Illas Atlánticas é un moi bo reclamo.

Neste sentido temos xa exemplos positivos, como o o de Guimatur, un grupo de mulleres (mariscadoras e redeiras) que organizan visitas guiadas para quen queira coñecer de preto o seu traballo. Ou recentemente o Concello puxo en marcha grazas á Unión Europea unha ruta en kayak para descubrir Cambados desde o mar, nunha actividade deportiva con monitor e guía, por un moi módico prezo de 3 euros.

Ou vemos carteis pola rúa de empresas que se ofrecen a levarche a visitar a ría e ás praias en barco. Pequenas accións que, na miña opinión, van polo camiño axeitado.

Hoxe pasei por diante da escultura feita a semellanza do poeta Ramón Cabanillas na Praza do Concello, e estaba rodeada por uns dez turistas que se preguntaban quen foi a persoa que tiña o privilexio de estar alí sentada. Creo que vale a pena explicarlles que estamos orgullosos de que o poeta posíbelmente  máis importante da literatura galega é de Cambados, e por que non incluso difundir aos visitantes algún texto del coa súa tradución? Ter unha lingua, unha literatura propias, é un feito diferenciador que enriquece aínda máis un lugar. E iso tamén interesa ao turista.

Porque… que queremos? Queremos seguir a senda marcada por tantos destinos de sol e praia que destruiron a súa costa? que remataron con toda a orixinalidade que posuían?

Que Cambados non teña praia, penso moitas veces, é até unha bendición. Conservamos unhas esencias, e un urbanismo, que outros xa destrozaron e temos o potencial de atraer a un turismo non estacional e de calidade. Facémolo? Ou seguimos chorando por unha praia?

Subscríbete aos avisos ao email de Cambados(tk). Recibirás un correo os días que haxa algunha publicación. Só tes que introducir o teu enderezo neste enlace. O email non será nin sequera facilitado a Cambados(tk), é un servizo automático de Google.

Advertisements

Conversa

Os comentarios están pechados.

Nas redes sociais

Setembro 2010
L M M X V S D
« Ago   Out »
 12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
27282930  

Arquivo

wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.

%d bloggers like this: