A semana pasada tivo lugar unha votación no Congreso dos Deputados de especial relevancia para Galicia. Tratábase de que o Parlamento Español tomara en consideración (é dicir, tramitara) unha proposta do Parlamento Galego na que se reclama a transferencia das competencias en materia de tráfico, circulación e seguridade viaria. Para explicalo máis claramente, o transpaso suporía a creación e dotación dunha Policía Galega que substituíra na comunidade á Garda Civil, como así ocorre en Catalunya, Euskadi e Nafarroa.
A proposta partía do noso Parlamento co voto a favor de TODOS os grupos e foi enviado ao Congreso un representante de cada un para defender a proposta (destacou a presenza na delegación de Anxo Quintana, que amosou a súa valía política, agora desgrazadamente en segunda fila, nunha cordial pero firme defensa do interese galego).
As razóns para pedir esta competencia son sabidas: a singularidade do territorio galego, que acumula a metade dos núcleos poboacionais de toda España nunha complicada orografía plagada de estradas secundarias. Estes son, sintentizando, os motivos obxectivos que se aducen. Que o centro de decisión da autoridade en materia de circulación estea no país, por medio desa Garda Galega, melloraría os malos datos (accidentes e mortalidade) que posúe Galicia en comparación co resto do Estado. E logo están tamén os máis subxectivos pero non menos importates: desenvolver as competencias autonómicas do Estatuto aínda vixente e non quedar por baixo do nivel de autogoberno das outras dúas nacións do Estado, Euskadi e Catalunya.
Motivos todos eles suficientes para que tres partidos que non adoitan poñerse dacordo no Parlamento o fixeran por unha vez: PP, PSdeG e BNG votaran xuntos a favor de transladar isto ao Congreso nun pleno de 2008.
E que pasou en Madrid? O Partido Popular amosouse “receptivo”, “con simpatía hacia la causa”, segundo o seu portavoz. Pero os seus deputados abstivéronse. O Partido Socialista por medio do seu voceiro declarou que non era oportuno, conveniente nin necesario. E votaron todos en contra.
Máis unha vez negábaselle ao noso país un avance que si se lle permitira antes tanto a cataláns como a bascos. O deputado no Congreso do BNG (quen si votaron a favor) lamentaba que os partidos centralistas só accedan a dar os seus votos na cuestión competencial cando necesitan os dos nacionalistas para superar obstáculos na cámara. E é totalmente certo.
E en toda esta cuestión un pregúntase: para que serven os votos dos cidadáns galegos que apoiaron a PP ou PSOE nas Xerais, se os deputados tan só saben facer o que se lles dita en Madrid? De que nos serven eses deputados que din ser galegos e votan en contra dunha proposta unánime do Parlamento de Galicia?
E é que nesta política de mediocridade danse estampas moi curiosas. Ademais de Quintana, Leiceaga, deputado galego do PSdeG que defendeu a proposta no Congreso, pediu o voto a favor aos deputados no Congreso. Pedro Puy, representante polo PPdeG, fixo o propio. E que votaron os seus compañeiros de partido? Uns en contra do que lle pediran e outros abstivéronse. Sobran comentarios.
O PP no noso Concello adoita acusar ao deputado Domingo Tabuyo de non facer nada en Madrid por Cambados. Sempre creo que o que fan é, sen grande motivo, tentar desgastar a un dos candidatos alternativos a Aragunde na carreira municipal a través da súa tarefa no Congreso. Porque o que é certo é que non se lle pode acusar de vago: Tabuyo presentou no que vai de lexislatura 350 iniciativas (case todas relativas a Galicia e a esta provincia, pola que foi elixido) e en cambio durante o último ano de Tourís como senador tan só fora quen de levar á camara alta 21 propostas.
Pero volvendo ao tema do tráfico: non sei se o señor Domingo Tabuyo se atopaba nesa sesión da semana pasada, pero se estaba alí traizoou como os demais deputados galegos de PP e PSOE os intereses deste país.
Desde logo que debería darlles vergoña voltar a pedirnos o voto, se é que lles queda algunha despois desa sesión.
Máis información:
Vídeo do debate da proposta do Parlamento Galego no Congreso
Subscríbete aos avisos ao email de Cambados(tk). Recibirás un correo os días que haxa algunha publicación. Só tes que introducir o teu enderezo neste enlace. O email non será nin sequera facilitado a Cambados(tk), é un servizo automático de Google.
Conversa
Os comentarios están pechados.