Aínda que non teña que ver dun xeito directo con Cambados, coido que o tema universitario é de grande interese para tod@s. Na Voz da semana pasada facíanse eco dos rankings universitarios mundiais e incidían na baixa presenza das universidades europeas, e particularmente as galegas, nos seus mellores postos.
Coidei que a gabanza que se facía nas páxinas de La Voz ao modelo americano eran, cando menos, esaxeradas (podes lelas premendo aquí) e así o tentei reflectir nunha carta ao director:
Leo na Voz do 10 de Setembro unha reportaxe sobre rankings de universidades a nivel mundial. Destacan sempre, como se di no artigo, as do sistema americano.
Logo o autor da nova dános as claves do éxito das universidades estadounidenses e louva abertamente o modelo neoliberal das mesmas. Para hai un dato polo que pasa moi de puntiñas e é moi importante. Poderíase engadir un punto máis a esas claves: altísimos prezos de matrícula.
Un estudante de Harvard, por poñer un dos exemplos que se dan na reportaxe, paga ao ano uns 26.000 euros de matrícula. Para os estudantes da USC esa matrícula ronda os mil euros (normalmente non chega a eles). Esa diferenza, dun factor de 26, é a diferenza entre o privado e o público. O que permite que aquí todo o mundo poida decidir continuar os seus estudos e alí non sexa deste xeito e incluso quen decide ir á universidade adquira débedas incluso antes de comezar a vida laboral.
Por non entrar en que o feito de que as universidades deste tipo sexan realmente empresa privadas (como si se di no artigo) e polo tanto teñan intereses propios, invirtan fondos en bolsa e no mercado inmobiliario e en resumo, sexan un negocio máis que un instrumento ao servizo do Estado, e polo tanto da sociedade, como si acontece en Europa.
Dito isto, e aínda que por suposto que creo que queda moito moito por mellorar, creo que as universidade europeas (e incluso as galegas!) poden estar orgullosas de ocupar os postos que ocupan. Son, de momento, universidades para todos/as.
Subscríbete aos avisos ao email de Cambados(tk). Recibirás un correo os días que haxa algunha publicación. Só tes que introducir o teu enderezo neste enlace. O email non será nin sequera facilitado a Cambados(tk), é un servizo automático de Google.
Conversa
Os comentarios están pechados.