Onte houbo pleno da corporación municipal. Entre os temas a tratar, o do Ano Asorey, que xa enfrontou na prensa a PP con PSOE e Bloque nas últimas semanas. Porén, desta volta houbo consenso canto a este tema, posto que os grupos decidiron apostar pola non utilización do Ano Asorey como arma política.
Isto reflectiuse no feito inusual de que o Partido Popular votara a favor dunha iniciativa do PSOE na cal se indica que o Concello institúe o 2011 como Ano Asorey, coa modificación introducida por Aragunde de chamarlle Ano do Escultor Cambadés Francisco Asorey. Ademais os tres partidos aprobaron unha comisión organizadora formada por 3 representantes do Concello, deputación, Xunta, familiares do escultor, Manolo Paz, Francisco Leiro e Maribel Iglesias.
Este bo ambiente para o arranque do Ano Asorey é sen dúbida positivo, pero a oposición avisou, por boca de Víctor Caamaño: “Que non nos enteremos dos actos pola prensa”, como de feito ocorría no Ano Cabanillas.
OUTROS TEMAS DO PLENO
O BNG votou en contra da subida do 1.8% na taxa de saneamento e o PSOE abstívose. Si que apoiaron os dous grupos da oposición o cambio na cuberta da piscina, pero tamén criticaron que non se estudaran as posíbeis devantaxes do actual sistema cando se mercou. Por outra banda os tres partidos apoiaron a cesión dos terreos do matadoiro á Xunta para crear un centro de día. Neste sentido PSOE e BNG indicaron que non existe partida orzamentaria nos Presupostos da Xunta para tal fin, pero Aragunde di fiarse da palabra dada pola Conselleira de Traballo.
Nada se reflicte na prensa sobre a pregunta que Víctor Caamaño (BNG) fixo por terceira vez sobre o Xantar do Albariño. Caamaño pediu ao alcalde unha lista cos convidados polo Concello e o motivo do convite. Haberá que agardar pola lista, que podería ser de grande utilidade para poñer de relevo o gasto inútil que se leva a cabo co Xantar oficial.
Información e imaxe tiradas de La Voz de Arousa e Diario de Arousa.
Onte, 29 de Outubro, Televisión Española emitiu varias veces imaxes de Cambados ao longo do día. Afortunadamente non foi por ningunha desgraza nin nada semellante; saían os nenos e nenas do colexio de San Tomé e os rapaces do Asorey nunha nova sobre o Samaín.
Algo tería que ver o reporteiro da TVE en Galiza Roque Durán, a quen podedes ver no primeiro dos vídeos explicando que é o Samaín e a súa relación co Halloween globalizado.
O segundo foi emitido nos Telediarios de toda España e nel se mesturan imaxes dos centros de Cambados cos de outras partes do Estado.
(os vídeos non poden verse desde Facebook, preme aquí para acceder á nova)
En febreiro do ano pasado, case cinco anos despois da posta en marcha de CTK, decidíase pechar o Libro de Visitas polo inestábel que se volvera en canto a comentarios insultantes, difamacións e demais. Desde esta banda sempre houbo reticencias ao feche, posto que o Libro de Visitas supuxo na web de Cambados o primeiro espazo de opinión libre, pero desgrazademente de nada serviron os avisos continuados e a decisión tivo que ser tomada.
Durante as semanas posteriores moitos amosaron a súa conformidade coa decisión e outros o seu total desacordo (a este respecto teño que engadir persoalmente que houbo xente que se acercou sen coñecerme para pedirme que volvera a abrir o Libro). Pero non houbo marcha atrás. Obviamente porque non tiña sentido reabrir algo que xa non tiña control, e repito, despois de tantos avisos e chamadas á orde como houbera.
A partir de aí implementouse outro modelo de participación, exitoso nalgúns casos (a través do grupo en Facebook recíbense bastantes comentarios á semana) e non tan exitosos noutros (o foro non arrancou e os comentarios no propio blog son aínda demasiado poucos).
A idea de Cambados(tk) é, ademais de lanzar opinión sobre o noso Concello, crear un espazo onde compartir opinións. Por iso, e tamén pola cercanía das Eleccións Municipais (período de especial interese para a actualidade que nos ocupa) hai uns días que están a buscarse novas formas de participación na páxina.
A idea é crear algo moi semellante ao libro de visitas en canto a funcionamento, isto é, moi sinxelo e rápido no uso, sen necesidade de crear perfís de usuario; pero coa posibilidade dunha doada moderación que do anterior Libro de Visitas carecía. Isto podería supoñer a necesidade de aprobación previa de comentarios, estilo filtro.
Xa hai algún avance neste sentido, polo que nos vindeiros días, trala proba e aceptación ou non por parte do equipo de Beta Testers de Cambados(tk), procederase á publicación de máis información. Entre tanto, seguimos conectad@s polos demais medios!
O alcalde de Cambados respondeu hoxe ás peticións dos delegados sindicais da Policía Local, que levan anos reclamando que o Concello os dote de armas regulamentarias. A día de hoxe, os axentes están a empregar pistolas da súa propiedade, correndo a cargo deles o transporte e o seu depósito. Isto, din, entraña varios riesgos que non están dispostos a seguir correndo.
Luís Aragunde respóndelles hoxe que está de acordo cas peticións, pero que non hai cartos. Segundo a súa versión, farían falla 20.000 euros para dotar a todo o corpo da PL con armas, e di que neste exercicio o Concello non dispón de tal cantidade. Habería que volver a vista atrás ao Albariño e lembrar as palabras de Aragunde na radio dicindo que o gasto nas invitacións no Xantar era normal porque o Concello podía facer frente a todos os gastos. (por certo, que o BNG solicitaralle pasado mañá en pleno, por terceira vez, a lista de convidados e o motivo do convite).
A realidade , nos guste ou non, é que o persoal da Policía Local debe levar unha arma no exercicio das súas funcións na rúa, e xa hai un precedente no Concello de Meaño dunha denuncia por parte de tres policías que rematou cunha sentenza a favor deles. E é que desde 2007 o artigo 11 da Lei de Coordinación da Policía Local di : “O alcalde poderá decidir, de xeito motivado, os servizos que se presten sen armas, sempre que non conleven riesgo racionalmente grave para a vida ou a integridade física do funcionariado ou de terceiras persoas. Non obstante, os servizos na vía pública e os de custodia se prestarán sempre con armas.”
Señor Aragunde, se o Concello non dispón de 20.000 euros para algo que é obrigatorio por lei, e polo tanto prioritario, é porque vostede e o seu goberno son pésimos xestores (e teñen a cara moi dura para inda por riba ir convidando aos seus compañeiros de partido a comer á conta de todos).
Mañá Mércores 27 de Outubro terá lugar no Centro Comarcal Exposalnés a presentación deste libro de Emilio X. Ínsua, que analiza a conveniencia do topónimo desta localidade costeira cervense.
Será a partires das oito e media da tarde e colaboran as librarías Contos e Cabanillas. Na presentación deste libro falarán o propio autor e o cambadés académico da lingua Francisco Fernández Rei.
// <![CDATA[
// <![CDATA[
// <![CDATA[
// <![CDATA[
// <![CDATA[
// <![CDATA[
// <![CDATA[
// <![CDATA[
<!–
<!
<!
<!
<!
<!
var jsval = '
‘;
writethis(jsval);
// >
// >
// >
// >
// >
// –>
// ]]>
// ]]>
// ]]>
// ]]>
// ]]>
// ]]>
// ]]>
// ]]>Falábase aquí na publicación anterior de como os medios teñen uns ou outros intereses. Pero na discusión sobre a importancia dos medios tamén cabe falar de como os estes inflúen nos políticos, moi especialmente nas distancias curtas: no eido municipal a influencia é patente.
Valla como exemplo o tema do Refuxio de Animais que vén aparecendo na prensa comarcal repetidamente nos últimos días. Até agora de nada valía as chamadas de axuda da responsábel do Refuxio, Olga Costa, para mellorar as condicións das instalacións das que dispoñen. Dá igual que nos últimos meses tanto en Facebook como na propia prensa se puxera o grito no ceo pola falta de cartos para actividades do día a día do centro.
Porque non foi até que uns socios enviaron unha carta aos medios acusando directa e claramente ao Goberno Local de non responder como debería. A prensa publicouno e en 24 horas o Concello pasou da total inoperatividade que o caracteriza a enviar persoal que agora se atopa no Refuxio “até que estean rematadas todas estas obras que nos demandan”, en palabras do propio Aragunde (que non deixou pasar a ocasión para ir de visita oficial).
Porque como lin por aí, quizais o Concello non lle daba importancia ao tema “porque os cans non votan”. Os cans non, pero os socios do Refuxio si, e os lectores da prensa tamén. Por iso os medios de comunicación xogan tan importante papel nese sentido. Porque fan chegar ao cidadán as súas mensaxes. E por iso os políticos lle gardan tanto respecto.
Vídeo extraído de CanalRíasBaixas.com
Que a prensa xoga hoxe en día un papel non só informativo cae de caixón. Cada cabeceira ten detrás uns intereses, que polo xeral parten do ámbito puramente económico e se transforman nas novas en sesgo ideolóxico.
Isto é doado de comprobar. Basta con ler unha nova en El País ou en Público e logo buscar a mesma información en El Mundo ou La Gaceta (por levalo ao extremo). En maior ou menor medida todos deixan o seu pouso de opinión no acto de informar. É así, e recoñezo que en doses light tamén lle dá algo de graza ao feito de ler un ou outro.
E isto non só acontece con xornais, televisións, webs, radios…de ámbito estatal. Acontece tamén aquí en Galiza e, aínda que en menor medida, acontece tamén na nosa comarca.
Recentemente víamolo neste blog a través do pequeno informe da presenza dos partidos políticos en dous medio como Diario de Arousa e La Voz de Galicia-Arousa. Facendo a lectura puramente cuantitativa despréndese un trato de favor no primeiro medio á dereita (tamén se podería xustificar do xeito oposto; sinalando a LVG como amigo da esquerda, pero as porcentaxes das novas non o respaldarían). Pero o debate non pode quedarse nos números.
Porque aínda máis importante é o que as noticias conteñen, a mensaxe que os medios lle transmiten aos lectores. E vou poñer algún outro exemplo ilustrativo: nestes días os cargos do Partido Popular afánanse en presumir das novas instalacións da biblioteca municipal (e conste que desde aquí ofrecerase a pertinente análise cando se visite) e os medios non paran de lanzar louvanzas sobre elas. Pero ningún tivo a ocorrencia de voltar a vista atrás e descubrir como nos últimos 12 anos a biblioteca tivo tres sedes diferentes! Quen pon o dedo no despilfarro de cartos públicos?
Os medios son moi amigos de criticar o botellón, e en festas universitarias os únicos datos que coñecemos pola prensa son os das ambulancias que circularon e dos comas etílicos. Alguén sabe cantos casos por inxesta de alcohol se rexistraron no centro de saúde durante o propio Albariño?
Sen ir máis lonxe no programa (xenial) de La Opinión da mal chamada Radio “Arosa” hai un convidado de honra que xa ten sección fixa periodicamente. O seu nome? Rafael Louzán. O mesmo Rafael Louzán que vén a Cambados, visita unha asociación tan pouco dinámica como a Cultural (por moi histórica que sexa) e lles larga 700.000 euros de todos para arraxar o seu edificio. Indagaron os xornais acerca das (poucas) actividades que realiza a Sociedade Cultural algunha vez?
Hai intereses e hai cadeas que estes intereses fixan. E que non se pense que isto é unha crítica aos xornalistas, supoño (e quero pensar) que bastante tiran eles desas cadeas. Creo que o lector, coa súa elección, tamén debe exercer a presión que nos corresponde. E de todos os xeitos o mellor é coñecer os intereses de cada quen á hora de ler unha noticia. Sabémolo ben desde as eleccións de 2009. E que llo digan a La Voz de Galicia.
O xoves 21 de outubro ten lugar no IES Francisco Asorey a representación da obra que xurdiu froito da colaboración entre Caracol e Esperanza Salnés. Esta peza fora creada para grabar un vídeo e participar nun concurso da Dirección General de Tráfico o pasado Maio e resultou finalista.
A representación terá lugar a partires das 17.30 horas no Salón de Actos do centro de ensino. Que mellor forma de apoiar á xente que tomou parte nesta boa idea que pasarse a ver unha pequena mostra de que “O noso pobo é fermoso”, título moi certo mentres quede xente como eles.
A imaxe foi tirada do blog de Unha Grande Chea.
O Bloque Nacionalista Galego en Cambados remite á bandexa da entrada o seguinte escrito:
O Partido Popular está a preparar una brutal, desproporcionada e inxusta subida de impostos coa modificación da Lei de Augas, pois o novo canon gravará por igual o consumo ou utilización da auga procedente de captacións propias (traídas veciñais ou pozos) e a procedente do abastecemento municipal. Polo tanto, con esta nova normativa, todos os usuarios de auga van a ter que pagar estes novos impostos.
Este proxecto de Lei ten como único obxectivo aumentar a capacidade recadatoria da Xunta de Galiza. A nova Lei propón substituir o actual canon de saneamento (en vigor desde o ano 1993) por dous novos impostos indirectos: o canon da auga e o coeficiente de vertido. Ademais non se trata dun imposto progresivo que incentibe o consumo responsable, senón que todos os usuarios domésticos, cun consumo dentro da media de Galicia, van estar dentro dos tramos de pago máis altos do novo imposto.
Para que a todos os veciños e veciñas de Cambados poidan informarse sobre a nova normativa, durante a próxima semana o grupo municipal do BNG dará unha charlas informativas en diferentes lugares do concello que se indican a continuación:
A partir de agora o seguimento que se fai desde Cambados(tk) da presenza dos tres partidos de Cambados na prensa comarcal farase deste xeito, como evolución por meses. Cada certo tempo publicarase a nova gráfica, que poderá ser accesíbel desde a barra lateral dereita, no apartado Eleccións 2011.
Esta primeira figura amosa a evolución das tres formación nos dous xornais analizados (Diario de Arousa e La Voz de Arousa). Vese que o PP é o que acumula maior publicacións nos diarios, en parte normal pola súa condición de partido de goberno tanto en Cambados como na Xunta. Apréciase tamén moi ben como nos meses do verán o Concello intensificou a maquinaria mediática (as festas do verán sempre foron aproveitadas como catapulta de notas prensa e visitas institucionais polos populares) e os partidos da oposición diminuíron o paso.
Nas tres gráficas seguintes trátase cada partido por separado e nelas pódese comprobar a diferenza que existe entre un medio e outro:
(preme para ampliar)
Vese claramente como o Diario de Arousa é quen máis cancha lle dá ao Partido Popular, tanto no Concello, como na Xunta como na Deputación. E para aos partidos da oposición ocórrelles o contrario: o Diario publica nas súas páxinas menos novas que os inclúan que La Voz de Arousa, que parece ser un pouco máis plural.
Veremos que vai acontencendo conforme se vaian acercando as eleccións municipais do ano que vén.