Chegou unha nota de Víctor Caamaño, na que explica que o BNG non está dacordo coa retirada do Noitebús, anunciada polo executivo de Núñez Feijoo recentemente en aras da suposta “austeridade”. E véñenme a cabeza cantidade de argumentos econcontrados que sobre este tema se puideron escoitar o pasado luns no programa da Televisión de Galicia Foro Aberto (ese que substituíu a Hai Debate para retirarlle algo de contido político).
Alí uns falaban de inxustiza sobre a retirada dun servizo que amosou a súa eficacia na diminución de accidentes de tráfico nas noites de movida. Outros apoiaban a súa supresión en base ao aforro que proclama Feijoo para algunhas cousas, argumentando que o custo do servizo non o debe sufragar a Xunta (en parte) senón os locais de copas como presuntos beneficiarios. Un deles, campión de mesturar ideas, dicía que o bipartito ao poñer en marcha o Noitebús estaba a financiar e pouco menos que promover o consumo de alcol entre menores!
Particularmente gustei do que dixo o catedrático Veiga Buxán. El razoaba o asunto deste xeito: se Feijoo tan só aludiu a razóns económicas para eliminar o servizo, é doado argumentar no terreo puramente económico: pódese comprobar como a siniestralidade nas estradas descendeu e polo tanto como se aforraron moitos cartos das arcas públicas en saúde. E logo, por suposto, habería que introducir tamén o feito de que se salvan vidas (e non só a dos condutores que beben, senón a dos pobres que estes atopan nas estradas) e que hai que entender o Noitebús como unha mellora no ocio da mocidade e das súas familias, que aforran tempo en desprazalos nuns casos e preoucupacións noutros. Pero a dimensión social, humana, pasárona por alto.
Dicir que se apoia o botellón con esta medida é simplemente unha estupidez, xa que para irse de botellón non fai falla coller ningún medio de transporte…pódese facer baixando ao parque máis próximo ou incluso en inmobles. Dicir que se fomenta o consumo de alcol é tomarnos xa por parvos; é estabelecer unha igualdade entre o feito de dispoñer dun transporte axeitado con promover a inxesta de bebidas e dáse por suposto que todo o mundo sae a emborracharse cada noite até perder o sentido.
Moita demagoxia se fai con este tema. Creo que todos concidimos en que a cultura do alcol non é sana, mais iso non quere dicir que a solución sexa prohibir o botellón (por esa regra de tres o que se debería facer antes entón sería prohibir o alcol). Pero por que nunca se vai ao fondo do asunto para preguntarnos cal é a causa real do botellón? Non será quizais polo prezos abusivos que a maioría de locais impoñen ás bebidas?
E todos sabemos que tamén na maioría deses locais non se sirve o que o cliente pide, aí está o fenómeno do garrafón, sobre o que ningún analista, articulista ou político se escandaliza e que consiste basicamente en que che dan o que non pediches e moitas veces con efectos nocivos para a saúde. Consíntese iso noutro sector da sociedade?
Sexamos razoábeis. O noitebús foi unha boa idea, unha das poucas iniciativas orixinais da parte socialista do bipartito. O que custa aos constribuintes o seu copago é irrisorio comparado co que a Xunta gasta en publicidade insitucional (véxase todo o proceso do decreto antigalego) ou simplemente desprezábel se se compara coa cantidade de cartos de todos que o Goberno inxectou aos bancos para paliar unha crise que eles contribuiron a crear (e non se vexa isto como demagoxia, senón como contestación ás opinións liberais que poñen o grito no ceo con calquera subvención pública pero se fan de Cobas cando os bancos reciben os nosos cartos).
E o botellón haberá que regulalo, afastalo das vivendas para que non moleste a quen quere durmir, e combatilo en tal caso desde a educación e sobre todo desde a súa orixe: ca fin das prácticas moitas veces até neglixentes de moitos locais de copas. E non perseguindo aos xóvenes.