Que a prensa xoga hoxe en día un papel non só informativo cae de caixón. Cada cabeceira ten detrás uns intereses, que polo xeral parten do ámbito puramente económico e se transforman nas novas en sesgo ideolóxico.
Isto é doado de comprobar. Basta con ler unha nova en El País ou en Público e logo buscar a mesma información en El Mundo ou La Gaceta (por levalo ao extremo). En maior ou menor medida todos deixan o seu pouso de opinión no acto de informar. É así, e recoñezo que en doses light tamén lle dá algo de graza ao feito de ler un ou outro.
E isto non só acontece con xornais, televisións, webs, radios…de ámbito estatal. Acontece tamén aquí en Galiza e, aínda que en menor medida, acontece tamén na nosa comarca.
Recentemente víamolo neste blog a través do pequeno informe da presenza dos partidos políticos en dous medio como Diario de Arousa e La Voz de Galicia-Arousa. Facendo a lectura puramente cuantitativa despréndese un trato de favor no primeiro medio á dereita (tamén se podería xustificar do xeito oposto; sinalando a LVG como amigo da esquerda, pero as porcentaxes das novas non o respaldarían). Pero o debate non pode quedarse nos números.
Porque aínda máis importante é o que as noticias conteñen, a mensaxe que os medios lle transmiten aos lectores. E vou poñer algún outro exemplo ilustrativo: nestes días os cargos do Partido Popular afánanse en presumir das novas instalacións da biblioteca municipal (e conste que desde aquí ofrecerase a pertinente análise cando se visite) e os medios non paran de lanzar louvanzas sobre elas. Pero ningún tivo a ocorrencia de voltar a vista atrás e descubrir como nos últimos 12 anos a biblioteca tivo tres sedes diferentes! Quen pon o dedo no despilfarro de cartos públicos?
Os medios son moi amigos de criticar o botellón, e en festas universitarias os únicos datos que coñecemos pola prensa son os das ambulancias que circularon e dos comas etílicos. Alguén sabe cantos casos por inxesta de alcohol se rexistraron no centro de saúde durante o propio Albariño?
Sen ir máis lonxe no programa (xenial) de La Opinión da mal chamada Radio “Arosa” hai un convidado de honra que xa ten sección fixa periodicamente. O seu nome? Rafael Louzán. O mesmo Rafael Louzán que vén a Cambados, visita unha asociación tan pouco dinámica como a Cultural (por moi histórica que sexa) e lles larga 700.000 euros de todos para arraxar o seu edificio. Indagaron os xornais acerca das (poucas) actividades que realiza a Sociedade Cultural algunha vez?
Hai intereses e hai cadeas que estes intereses fixan. E que non se pense que isto é unha crítica aos xornalistas, supoño (e quero pensar) que bastante tiran eles desas cadeas. Creo que o lector, coa súa elección, tamén debe exercer a presión que nos corresponde. E de todos os xeitos o mellor é coñecer os intereses de cada quen á hora de ler unha noticia. Sabémolo ben desde as eleccións de 2009. E que llo digan a La Voz de Galicia.