En febreiro do ano pasado, case cinco anos despois da posta en marcha de CTK, decidíase pechar o Libro de Visitas polo inestábel que se volvera en canto a comentarios insultantes, difamacións e demais. Desde esta banda sempre houbo reticencias ao feche, posto que o Libro de Visitas supuxo na web de Cambados o primeiro espazo de opinión libre, pero desgrazademente de nada serviron os avisos continuados e a decisión tivo que ser tomada.
Durante as semanas posteriores moitos amosaron a súa conformidade coa decisión e outros o seu total desacordo (a este respecto teño que engadir persoalmente que houbo xente que se acercou sen coñecerme para pedirme que volvera a abrir o Libro). Pero non houbo marcha atrás. Obviamente porque non tiña sentido reabrir algo que xa non tiña control, e repito, despois de tantos avisos e chamadas á orde como houbera.
A partir de aí implementouse outro modelo de participación, exitoso nalgúns casos (a través do grupo en Facebook recíbense bastantes comentarios á semana) e non tan exitosos noutros (o foro non arrancou e os comentarios no propio blog son aínda demasiado poucos).
A idea de Cambados(tk) é, ademais de lanzar opinión sobre o noso Concello, crear un espazo onde compartir opinións. Por iso, e tamén pola cercanía das Eleccións Municipais (período de especial interese para a actualidade que nos ocupa) hai uns días que están a buscarse novas formas de participación na páxina.
A idea é crear algo moi semellante ao libro de visitas en canto a funcionamento, isto é, moi sinxelo e rápido no uso, sen necesidade de crear perfís de usuario; pero coa posibilidade dunha doada moderación que do anterior Libro de Visitas carecía. Isto podería supoñer a necesidade de aprobación previa de comentarios, estilo filtro.
Xa hai algún avance neste sentido, polo que nos vindeiros días, trala proba e aceptación ou non por parte do equipo de Beta Testers de Cambados(tk), procederase á publicación de máis información. Entre tanto, seguimos conectad@s polos demais medios!