Onte houbo pleno da corporación municipal. Entre os temas a tratar, o do Ano Asorey, que xa enfrontou na prensa a PP con PSOE e Bloque nas últimas semanas. Porén, desta volta houbo consenso canto a este tema, posto que os grupos decidiron apostar pola non utilización do Ano Asorey como arma política.
Isto reflectiuse no feito inusual de que o Partido Popular votara a favor dunha iniciativa do PSOE na cal se indica que o Concello institúe o 2011 como Ano Asorey, coa modificación introducida por Aragunde de chamarlle Ano do Escultor Cambadés Francisco Asorey. Ademais os tres partidos aprobaron unha comisión organizadora formada por 3 representantes do Concello, deputación, Xunta, familiares do escultor, Manolo Paz, Francisco Leiro e Maribel Iglesias.
Este bo ambiente para o arranque do Ano Asorey é sen dúbida positivo, pero a oposición avisou, por boca de Víctor Caamaño: “Que non nos enteremos dos actos pola prensa”, como de feito ocorría no Ano Cabanillas.
OUTROS TEMAS DO PLENO
O BNG votou en contra da subida do 1.8% na taxa de saneamento e o PSOE abstívose. Si que apoiaron os dous grupos da oposición o cambio na cuberta da piscina, pero tamén criticaron que non se estudaran as posíbeis devantaxes do actual sistema cando se mercou. Por outra banda os tres partidos apoiaron a cesión dos terreos do matadoiro á Xunta para crear un centro de día. Neste sentido PSOE e BNG indicaron que non existe partida orzamentaria nos Presupostos da Xunta para tal fin, pero Aragunde di fiarse da palabra dada pola Conselleira de Traballo.
Nada se reflicte na prensa sobre a pregunta que Víctor Caamaño (BNG) fixo por terceira vez sobre o Xantar do Albariño. Caamaño pediu ao alcalde unha lista cos convidados polo Concello e o motivo do convite. Haberá que agardar pola lista, que podería ser de grande utilidade para poñer de relevo o gasto inútil que se leva a cabo co Xantar oficial.
Información e imaxe tiradas de La Voz de Arousa e Diario de Arousa.