//
arquivo

Archive for

Enquisa (pre)electoral da política municipal


Xa está á túa disposición a enquisa de Cambados(tk) sobre as eleccións de Maio de 2011 en Cambados. Son oito preguntas sinxelas que permitirán analizar que é o que pensan os lectores da páxina no momento político actual. Hai posibilidades reais de cambio en 2011? Queremos ese cambio? Cales son os problemas máis importantes que afrontamos os cambadeses?

Todo iso pode ser respondido na enquisa, á que podedes acceder durante os vindeiros días premendo neste botón, que poderás atopar tamén na marxe dereita da web. Moi pronto, aquí, os resultados.

Relacionados

Especial de Eleccións 2011 de Cambados(tk)

Están a tomarnos o pelo co Saco de Fefiñáns?


Os diarios publican hoxe titulares do tipo “La Xunta sostiene que la compuerta de O Saco se puede construir sin el informe ambiental” (Faro de Vigo). A Consellaría do Mar di que non é necesaria a avaliación ambiental porque así llo dixeron os seus compañeiros da Consellaría de Medio Ambiente. As razóns? “esta actuación (la compuerta de regulación hidráulica) no producirá efectos adversos tanto en la fase de construcción como en la de explotación“. E punto.

Aragunde, alcalde de Cambados e teórico valedor dos nosos intereses, defendeu a Portos e criticou a BNG e PSOE dicindo que “sempre están en contra de todo o que se fai en Cambados”.

Estannos a tomar o pelo desde a Xunta e desde o Concello de Cambados? Que vela polo interese xeral dos cidadáns e dos traballadores do mar?

Son cuestións que a calquera lle poden xurdir se atendemos á evolución dos feitos, de como se xestou a idea das comportas, de como o Saco pasou de ser zona de produción de marisco a zona C, de como Portos dixo que había informe ambiental a como dicía que non o había, de como confraría e mariscadoras aceptaban un proxecto á vez que se contaminaba o Saco:

2001. Xa daquela se denunciaban verteduras no Saco de Fefiñáns. As mariscadoras declaraban que morreran 2.500 quilos de berberechos. O BNG levaba ao pleno o asunto e o Concello descoñecía a orixe da contaminación.

2002. Medio ambiente anuncia xa naquela data, hai oito anos, plans de recuperación ambiental do Saco. Durante estes ano houbo más anuncios de plans.

2005: Por aquel entón o alcalde Xosé Manuel Cores Tourís reuniáse co conselleiro de Pesca para tratar o tema das comportas. O patrón maior estaba xa dacordo pero pedía que fosen eles quen as controlaran. Ese mesmo ano Portos reafírmas na vontade de facer realidade o proxecto.

2007. Un plan da Xunta de Galicia desvela que o Saco corre perigo de pasar de zona clasificada como B a zona C (impídese o marisqueo).

2009. Aragunde fai seu o proxecto das comportas e o BNG leva ao pleno as posíbeis consecuencias sobre o marisqueo da zona.

….Novembro: A prensa faise eco de verteduras de fecais no Saco.

….Decembro: As mariscadoras piden informes ambientais e Aragunde asegura que os haberá (mentía).

2010.

….Marzo. O presidente de Portos asegura que as comportas estarán feitas a finais deste ano (mentía).

….Abril. Portos di que se fixo avaliación ambiental e que o informe é positivo (mentía).

….O BNG comeza a pedir ese informe, a través de Aragunde primeiro e logo no Parlamento.

….Nova vertedura no Saco de Fefiñáns.

….O PSOE publica unha análise na que as coliformes fecais superan 50 veces o permitido para marisqueo.

….Benito González e Isabel Pérez respaldan o proxecto para o Saco.

….Xullo. O Saco de Fefiñáns pasa a ser clasificado como zona C, no que o marisqueo non é permitido.

….Novembro. Portos volve dicir que hai informe medioambiental pero que “non é unha zona protexida nin ten ….valores ambientais particulares que se poidan ver afectados polo cambio no réxime das mareas”.

….O Diario Oficial de Galicia publica a licitación das obras do Saco de Fefiñáns.

….Portos desdise e confirma que nunca existiu avaliación ambiental do proxecto porque “non é necesario”.

Artigos relacionados

Onde está a avaliación de impacto ambiental para as obras do Saco de Fefiñáns? – Novembro 2010

Comportas no Saco de Fefiñáns. Análise – Abril de 2010

En marcha co BNG por Corvillón


O BNG organiza este domingo 28 de Novembro unha nova saída por Cambados no marco do seu programa “Rutas para coñecer o noso Concello”. Tralo éxito de participación dos roteiros de Oubiña e Castrelo, tócalle agora o turno a Corvillón.

O portavoz Víctor Caamaño e a responsábel local, María José Cacabelos, presentaron hoxe xunto co presidente da Asociación cultural, Alejandro Carro, a nova ruta por Cambados. Dará comezo ás 10.30 do domingo no Colexio e os asistentes (pode acudir calquera que así o desexe) camiñarán un total de 6 quilómetros cunha dificuldade media-baixa visitando os lugares máis importantes da parroquia.

Volverán ser veciños do propio lugar quen guíen aos participantes. Algunhas paradas previstas son a Casa da Santa, o muíño e o estanque da Seca, o cruceiro da Chileta, o camiño real, os mananaciais e depósitos da antiga traída, a mina de Santa Marta, As Laxes…

Ademais, desde o BNG aseguraron que tralo Nadal tentarase organizar rutas en Vilariño e polo centro da vila de Cambados.

POLÉMICA COA AVALIACIÓN DE IMPACTO AMBIENTAL DAS COMPORTAS DO SACO

Precisamente no día en que Víctor Caamaño presentaba esta ruta a carón do Saco de Fefiñáns, o voceiro do Bloque volvía a reclamar o informe medioambiental para as obras que Portos de Galicia prentende levar a cabo no Saco.  Do mesmo xeito, o BNG facilitou unha moción que o seu deputado no Parlamento, Bieito Lobeira, presentou o pasado martes na que tamén el volvía solicitar este documento. De momento, a Consellaría e o Concello gardan silenzo sobre o asunto. O portavoz do PSOE en Cambados sumouse hoxe á petición de dita información.

Imaxe extraída de La Voz de Arousa.

Relacionado

Folleto informativo sobre a ruta do BNG por Corvillón

Iniciativa parlamentaria de Bieito Lobeira sobre o Saco de Fefiñáns – 23 de Novembro

Sábado: cine no Auditorio e música no Rif-Rock


Este vindeiro sábado terá lugar a proxección do documental Un Mar de Pedra no Auditorio da Xuventude. Esta cinta, como xa se indicou a pasada fin de semana aquí, amosa ao público a vida e a técnica de Manolo Paz a través de conversas de amigos, familiares, críticos e artistas e tamén entrando de cheo no taller de Castrelo de Manolo. A entrada é gratuita até encher o aforo e a sesión arrancará ás 20.30.

Por outra banda, e tamén o sábado pero a partir da medianoite, no Rif-Rock (Infantas 13) vai haber música. Primeiro da man de Penereto Peronoretto, antigamente coñecido como Casiopeo (podes ver algúns vídeos del no Rif premendo aquí) facendo o seu espectáculo con teclado e pedaleira de efectos. E logo, como de costume, será o turno de Dj Choeu.

Onde está a avaliación de impacto ambiental para as obras do Saco de Fefiñáns?


Esa é a pregunta que cabe facerse tralos múltiples anuncios do Concello e da Xunta ao respecto. En Cambados(tk) publicabamos en Abril deste ano un artigo técnico pero sinxelo de entender no que se argumenta coa lei na man como o proxecto de instalar unhas comportas que controlen a marea no Saco precisa obrigatoriamente dunha avaliación de impacto medioambiental que o autorice.

Daquela atrevíamonos tamén a afirmar que dito informe non podía ser máis que negativo: á vista das altas concentracións de coliformes que chegan do río, calquera pode entender que pechar o Saco contribuiría ao seu aumento e ao peche definitivo do Saco ao marisqueo. Ademais tamén dábamos máis claves, como que unha obra dese tipo precisa un mantemento posterior que o Concello de Cambados ten demostrado ser incapaz de levar a cabo en calquera outro ámbito: Como fiarnos de que agora vai ser posíbel?

O que chama máis a atención é que, despois de que a oposición pedira as garantías ambientais pertinentes, o pasado Abril a Xunta declarara aos medios “elaborouse o informe medioambiental sobre as comportas do Saco de Fefiñáns e conclúe que é viable”. Días máis tarde tanto patrón maior como a presidenta das mariscadoras defenderon ao goberno a amosáronse a favor da actuación.

Víctor Caamaño (BNG) preguntou en repetidas ocasións desde entón pola avaliación de impacto ambiental, tanto á Xunta (por medio dos deputados nacionalistas no Parlamento) como a través do alcalde. Nin uns nin outros se amosaron moi receptivos e o informe segue sen ser público despois de sete meses de teórica existencia.

A semana pasada Portos de Galicia anunciou que as obras do Saco será licitadas neste mes. A pregunta é: existe entón esa avaliación ambiental? Se existe…por que nunca se fixo pública?
E se non existe? Obviamente Portos non pode comezar a licitación das comportas.

As conclusións son as mesmas que no artigo que se publicou aquí en Abril: o Concello debe velar porque antes de que comece calquera obra de peche do Saco de Fefiñáns se leve a cabo o saneamento do mesmo e especialmente do río Ucha, contaminante da masa de auga.

Se isto non se realiza entón quen apoia o proxecto nestas condicións, chámese Luis Aragunde, chámese Portos ou chámense Confraría ou Agrupación de Mariscadoras, están a velar por intereses diferentes do sector que defenden.

Uns (Concello e Portos) traizoarán a defensa da calidade ambiental dunha parcela importante de Cambados (e que non podería ser utilizada nin para deportes náuticos nin para outras actividades atendendo aos niveis de contaminantes), e outros (patrón maior e presidenta das mariscadoras) estarán favorecendo o futuro peche á sembra de marisco no Saco.

É unha cuestión de lóxica: primeiro sanear e logo, se procede, as comportas.

Relacionado

Comportas no Saco de Fefiñáns. Análise – Publicado en CTK en Abril de 2010

Benito González entra no Consello de Administración do Porto de Vilagarcía da man da Xunta

Tres vitorias nesta xornada para o XAV Cambados


LIGA GALEGA INFANTIL     Manuela Rial 1 –  3 XAV Cambados A

As infantís disputaron un deses partidos que non se poden perder pero que son tan difíciles de gañar. O resultado fala por sí mesmo do extraordinario esforzo que tiñeron que facer en Dumbría o sábado pola mañá para sacar adiante o encontro. As da Costa da Morte non se rendiron ata o cuarto set. Deste xeito, despois de catro partidos, ocupamos a parte central da tabla.

LIGA GALEGA CADETES     Manuela Rial 1 – 3 XAV Cambados A

As cadetes tamén gañaron pero o partido tivo os seus altos e baixos. Sete saques seguidos dunha das nosas rivais complicoulle moito o partido ás cadetes. Chegaron a remontar ata 21-17 pero o set xa estaba acabado. Os dous seguintes tiveron pouco que comentar porque a superioridade foi manifesta pero voltou a emoción nun cuarto set onde con cinco puntos de ventaxa non se soubo rematar o set e houbo que xogar ata alcanzar o 27-29 final. Tres partidos xogados e dúas victorias, non está mal para empezar. Agora ven a Cambados o líder provisional dunha competida Liga Galega Cadete, o Ribeira Sacra, aínda que o único equipo imbatido son as lucenses do EMEVÉ.

LIGA ZONAL CADETES     XAV Cambados B 3 – 0 CV Dorrón

Debutaron as cadetes de Liga Zonal cunha ampla victoria sobre o equipo de Dorrón. Xogaron María Rodríguez, Mariña Charlín, Noelia Corbacho, Zoe Cacabelos, Lucía Oubiña, Mariña Padín, Aida Vidal, Marta Charlín, Sara Baña, Cristina Prego e María Pomares. A superioridade foi evidente dende o primeiro momento baseada nunha boa serie de saques que lle fixo moi complicada a recepción ás rapazas de Dorrón.

Un Mar de Pedra proxectarase o Sábado


http://vimeo.com/moogaloop.swf?clip_id=9729273&server=vimeo.com&show_title=1&show_byline=1&show_portrait=0&color=&fullscreen=1

O alcalde de Cambados presentou hoxe na Casa do Concello o documental sobre Manolo Paz, acompañado dos directores, Manu Paz e Xacobo Sanmartín, e do propio escultor. Será proxectado o proximo sábado 27 de Novembro no Auditorio da Xuventude. Aragunde anunciou, ademais, que o Concello colaborará co documental mercando 1.000 copias do mesmo. Ademais, o alcalde amosouse interesado en realizar unha exposición de pezas de Manolo Paz no Pazo de Torrado e no seu xardín (por cuestión de tamaño da súa obra).

Pola súa parte, os directores do filme amosáronse moi agradecidos co noso Concello. Manuel Paz explicou que o documental naceu como continuación dun traballo empezado xunto con David Hernández para a Galería Trama de Madrid. Querían a mosar ao público como se fai escultura e como se fai o escultor; coa traxectoria desde que vai a canteira, vai dándolle vida á pedra, até que expón a peza finalizada. Por outro lado, diferentes persoas (amigos de Manolo, artistas, críticos, galeristas…) van falando da súa vida e das súas creacións.

Xacobo Sanmartín, pola súa parte, explicou que o documental foi presentado no Play Doc de Tui en Marzo, e xa foi exhibido no Festival Internacional de Cinema de Ourense e agora será proxectado en Santiago no marco do festival Cineuropa. Os dous directores quixeron agradecer tamén a asociacións cambadesas que botaron unha man, como Chourizo Films ou ao fanzine Despregable e lembraron que no documental aparecen moitas escenas no centro de Cambados (rúas de San Tomé, praza de Alfredo Brañas, Fefiñáns…).

Noraboa a eles polo traballo e ao Concello por apoialos. O próximo sabado, polo tanto, toca cine con transfondo cambadés no auditorio. Non o perdades!

Esperanza Salnés gaña o premio da DGT con "O noso pobo é fermoso"


A asociación comarcal radicada en Cambados tivo onte unha nova moi boa: foron escollidos gañadores polo xurado da Dirección General de Tráfico (DGT) polo seu traballo titulado O noso pobo é fermoso. Tratábase dunha obra de teatro, dirixida por Olga González (Caracol) e que contaba tamén coa implicación da Policía Local e do seu sarxento, Maximino Cid. Foi presentada ao público o pasado mes de Outubro, para que o xurado puidera tamén disfrutar dela e xulgala.

O premio do galardón son 8.000 euros que irán as arcas da entidade, sempre en apuros económicos pola ausencia de convenios estábeis coas institucións.

Noraboa, pois, a toda a xente de Esperanza e a quen participou nesta bonita iniciativa!

Benito González entra no Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vilagarcía da man da Xunta de Galicia


A Consellaría do Mar decretou onte os ceses e os nomeamentos para o Consello de Administración da Autoridade Portuaria de Vilagarcía de Arousa. Este cambio derívase da nova Lei de Portos, que obriga a rebaixar a composición do Consello de 25 a 15 representantes. Benito González, patrón maior de Cambados e presidente da Federación Galega de Confrarías, pasa a formar parte como representante do sector pesqueiro da zona.

Tamén o ex alcalde e agora delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, será a partires de hoxe conselleiro do Porto, así como o vicepresidente da Deputación e outros cargos autonómicos.

ATÉ 300 EUROS POR REUNIÓN

O Porto de Vilagarcía, segundo o diario El Progreso de Lugo, forma parte dun entramado de administracións paralelas que permite á Xunta dotar a altos cargos (no caso de Tourís) de dietas por asistir a reunións destas entidades. Atópanse nesta lista 30 entes autonómicos pero tamén 8 estatais, entre as que figuran segundo El Progreso as cinco autoridades portuarias.

De ser certa esta información, Benito González podería beneficiarse tamén desta vantaxe económica ao ser designado pola propia Xunta de Galicia, e Cores Tourís formaría parte dos beneficiados por ser alto cargo. Segundo el Progreso, a asignación para cada reunión podería chegar aos 300 euros brutos cunha media de reunións de cinco ao ano.

Relacionado

“Casi 30 entes de la Xunta pagan dietas a altos cargos por asistir a sus consejos” do Progreso de Lugo do 21 de Xuño de 2010

Os cheiros volven á area política


Nestes días o Concello anunciou a mellora da Avenida de Galicia, na que incluirá a revisión do saneamento nese tramo. O Concello vincula agora directamente o estado da rede de saneamento cos malos cheiros que os cambadeses sufrimos desde hai anos, cando antes se limitaba a culpar a empresas que supostamente verquían impunemente. Este cambio de rumbo levantou as críticas da oposición, que consideran que se a solución é esa a revisión do saneamento debería facerse extensiva a toda a vila. O voceiro do Bloque, Víctor Caamaño, publicou ademais un artigo sobre o tema que fixo chegar á bandexa de entrada deste blog (lembrar aos demais partidos que poden enviar calquera información a cambadostk arroba gmail.com).

Máis cheiros, artigo de Víctor Caamaño

O BNG leva, desde que comezaron os cheiros en Cambados, esixíndolle ao concello que lle dea solución, pois ademais de problema de saúde pública tamén o é económico como se comprobou co paso a zona C do Saco de Fefiñáns. Pero en todos estes anos o PP preferíu ollar para outro lado e sinalar  as empresas como culpables do problema para agochar a súa responsabilidade no asunto.

De feito a miña primeira petición como concelleiro do BNG, hai case catro anos, era que o concello encargara un estudio  da rede de saneamento para, unha vez coñecido o problema tratar de darlle solución. O PP  leva moitos anos enganando a veciños e veciñas e dando escusas de que os problemas de cheiros eran debidos, exclusivamente á contaminación provocada por determinadas empresas. Semella que algo se avanzou, pero moi pouco,  desde que Luís Aragunde recoñece que hai moitos puntos conflitivos na rede de sumidoiros que provocan contaminación e cheiros.

Resulta curioso que de súpeto o PP se esqueza de que a contaminación fora producida polas empresas, pois ese foi o único argumento que defendeu Tourís para xustificar os cheiros en Cambados. Non debe esquecerse que foi el como presidente da Mancomunidade do Salnés o responsable da utilización dos fondos europeos destinados á construción do saneamento coa teórica separación de augas pluviais e fecais; polo  tanto el é o maior responsable dos malos cheiros en Cambados.  Nas eleccións municipais do 2007 o PP fixo a promesa electoral do arranxo da Avenida de Galicia e hoxe, catro anos despois, o novo candidato  está a realizar a mesma oferta pero cun engadido: a solución dos cheiros na Rúa de Os Olmos. A segunda parte resulta pouco crible aínda que hai que recoñecerlle ao PP a facilidade para vender a mesma promesa en múltiples ocasións. A novidade agora é que con esta obra agardan solucionar os cheiros na Rúa Os Olmos.

Non sabemos se, agora, o PP está a afirmar que se os cheiros nos Olmos poden ser eliminados arranxando os sumidoiros, quere dicir que o problema non eran as empresas senón a mala construción da rede de saneamento da cal eles son responsables. Quere dicir que ou mentían antes ou o fan agora ou en ambas  as dúas ocasións.

O PP propón arranxar o problema dos cheiros nos Olmos coma un parche dentro doutra obra. Esta non é forma de arranxar os verdadeiros problemas que ten Cambados; de rebote. É imperdoable que os veciños e veciñas desta zona teñan que agardar 10 anos a que  por casualidade unha obra nunha rúa próxima sexa utilizada para resolverlles o problema. Por que os veciños e veciñas dos Olmos non foron escoitados polo alcalde cando se queixaron por este problema e agora  promételles unha solución. E se esta non chega,  a que terán que agardar?, a que se faga outra obra próxima a esta rúa? E o resto de veciños e veciñas de Cambados ata cando deberán agardar para que lles solucionen este problema? E as mariscadoras ata cando deben agardar para que os sumidoiros que chegan ao litoral de Cambados deixen de contaminalo?

Os parches nunca foron boas solucións. O problema do mal funcionamento da  rede de saneamento do noso concello merece ser tomada en serio e buscarlle canto antes unha solución e non se pode seguir agardando  a que diferentes promesas electorais poidan servir para que de xeito secundario se solucione un problema que foi creado pola mala xestión do PP en Cambados.

Nas redes sociais

Novembro 2010
L M M X V S D
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.