Bieito Lobeira e Ana Pontón presentaron onte no Parlamento Galego unha iniciativa na que se fai referencia ao acontecido o domingo no concerto “Libre sen alcol” na praza de Fefiñáns en Cambados. Lembremos que un grupo de mozos e mozas de Galiza Nova se acercaron para pedir sinaturas en contra da retirada do servizo de Noitebús por parte da Xunta de Galicia. A Policía Local indicoulles, segundo a organización da mocidade, que estaban nunha “zona de seguridade” e que debían ir a outro lugar a pedir apoios.
Isto contradí a versión dos feitos que deu hoxe o alcalde de Cambados, xa que el mantén que se pediu a retirada das pancartas (non fala da recollida de sinaturas) por carecer de permiso e porque deslucía a orquestra. Preguntado polo gasto de cartos que supuxo o evento tralo recorte do Noitebús por ese mesmo motivo, Aragunde respostou : “O que goberna é quen decide onde gastar”.
Preguntas parecidas lle formulan os deputados do BNG no Parlamento á Xunta, por exemplo canto custou traer ás tres orquestras o domingo e todos os gastos derivados, e se cre desde o punto de vista da seguraza vial que o concerto é máis útil que o servizo de Noitebús. Haberá que agardar pola resposta do Goberno da Xunta, que podería aclarar tamén se a dirección xeral tivo algo que ver coa acción da Policía para retirar a GN de Fefiñáns.