//
arquivo

Archive for

Os cheiros volven á area política


Nestes días o Concello anunciou a mellora da Avenida de Galicia, na que incluirá a revisión do saneamento nese tramo. O Concello vincula agora directamente o estado da rede de saneamento cos malos cheiros que os cambadeses sufrimos desde hai anos, cando antes se limitaba a culpar a empresas que supostamente verquían impunemente. Este cambio de rumbo levantou as críticas da oposición, que consideran que se a solución é esa a revisión do saneamento debería facerse extensiva a toda a vila. O voceiro do Bloque, Víctor Caamaño, publicou ademais un artigo sobre o tema que fixo chegar á bandexa de entrada deste blog (lembrar aos demais partidos que poden enviar calquera información a cambadostk arroba gmail.com).

Máis cheiros, artigo de Víctor Caamaño

O BNG leva, desde que comezaron os cheiros en Cambados, esixíndolle ao concello que lle dea solución, pois ademais de problema de saúde pública tamén o é económico como se comprobou co paso a zona C do Saco de Fefiñáns. Pero en todos estes anos o PP preferíu ollar para outro lado e sinalar  as empresas como culpables do problema para agochar a súa responsabilidade no asunto.

De feito a miña primeira petición como concelleiro do BNG, hai case catro anos, era que o concello encargara un estudio  da rede de saneamento para, unha vez coñecido o problema tratar de darlle solución. O PP  leva moitos anos enganando a veciños e veciñas e dando escusas de que os problemas de cheiros eran debidos, exclusivamente á contaminación provocada por determinadas empresas. Semella que algo se avanzou, pero moi pouco,  desde que Luís Aragunde recoñece que hai moitos puntos conflitivos na rede de sumidoiros que provocan contaminación e cheiros.

Resulta curioso que de súpeto o PP se esqueza de que a contaminación fora producida polas empresas, pois ese foi o único argumento que defendeu Tourís para xustificar os cheiros en Cambados. Non debe esquecerse que foi el como presidente da Mancomunidade do Salnés o responsable da utilización dos fondos europeos destinados á construción do saneamento coa teórica separación de augas pluviais e fecais; polo  tanto el é o maior responsable dos malos cheiros en Cambados.  Nas eleccións municipais do 2007 o PP fixo a promesa electoral do arranxo da Avenida de Galicia e hoxe, catro anos despois, o novo candidato  está a realizar a mesma oferta pero cun engadido: a solución dos cheiros na Rúa de Os Olmos. A segunda parte resulta pouco crible aínda que hai que recoñecerlle ao PP a facilidade para vender a mesma promesa en múltiples ocasións. A novidade agora é que con esta obra agardan solucionar os cheiros na Rúa Os Olmos.

Non sabemos se, agora, o PP está a afirmar que se os cheiros nos Olmos poden ser eliminados arranxando os sumidoiros, quere dicir que o problema non eran as empresas senón a mala construción da rede de saneamento da cal eles son responsables. Quere dicir que ou mentían antes ou o fan agora ou en ambas  as dúas ocasións.

O PP propón arranxar o problema dos cheiros nos Olmos coma un parche dentro doutra obra. Esta non é forma de arranxar os verdadeiros problemas que ten Cambados; de rebote. É imperdoable que os veciños e veciñas desta zona teñan que agardar 10 anos a que  por casualidade unha obra nunha rúa próxima sexa utilizada para resolverlles o problema. Por que os veciños e veciñas dos Olmos non foron escoitados polo alcalde cando se queixaron por este problema e agora  promételles unha solución. E se esta non chega,  a que terán que agardar?, a que se faga outra obra próxima a esta rúa? E o resto de veciños e veciñas de Cambados ata cando deberán agardar para que lles solucionen este problema? E as mariscadoras ata cando deben agardar para que os sumidoiros que chegan ao litoral de Cambados deixen de contaminalo?

Os parches nunca foron boas solucións. O problema do mal funcionamento da  rede de saneamento do noso concello merece ser tomada en serio e buscarlle canto antes unha solución e non se pode seguir agardando  a que diferentes promesas electorais poidan servir para que de xeito secundario se solucione un problema que foi creado pola mala xestión do PP en Cambados.

Nas redes sociais

Novembro 2010
L M M X V S D
1234567
891011121314
15161718192021
22232425262728
2930  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.