//
arquivo

Archive for

Que nos deparará o 2011?


Esta anotación ía titularse “Resumo do 2010 político” nun principio pero quen escribe isto considerou que desta volta o pasado pasado está. Non é que este ano que remata hoxe non fora interesante, porque a pesar de ser un raro ano non-electoral o certo é que deu de si como todos.  Pero á beira dun comezo de ano como o que se presenta semella algo inútil poñerse a repasar o que pasou ao estilo dos telexornais máis previsíbeis do ano (a falta de novas en vacacións é o que ten).

E 2011, porén, aínda é unha folla en branco. Aínda ninguén sabe que acontecerá durante os seus doce meses…cando alguén volva a esta entrada dentro de 365 días…que terá cambiado? Un ano é un mundo; no persoal, na actualidade,  e quen sabe…poderíamos até ter logrado un cambio político en Cambados!

Non, non é hora de poñerse a facer campaña ou precampaña. É hora de desexar a tod@s @s lector@s un moi feliz ano 2011 e para falar, para opinar, para facer campaña…para iso xa están os 364 días a partir de mañá 1 de Xaneiro de 2011. Bo ano… ano Asorey por certo!

Roque Durán escribe en Xornal de Galicia sobre o pasamento de Luís Mariñas


O xornalista cambadés Xosé Ramón Durán escribiu hoxe un artigo para Xornal de Galicia sobre a figura do seu compañeiro de profesión Luís Mariñas, recentemente falecido. No texto, Roque, fala de Mariñas como un innovador non só no xornalismo en si, senón tamén polo feito de que impulsou o idioma galego no audiovisual nuns tempos nos que non existían nin Parlamento nin Lei de Normalización Lingüística e deu cabida na televisión “aos pobres da terra”: mariñeiros e labregos.

Iso nuns anos bastante duros para aventuras deste tipo (1974-1977).Roque remata sinalando que a última vez que estivo con Mariñas foi precisamente na Festa do Albariño na nosa vila.

Podes ler o artigo completo premendo aquí.

Descoñecemos se a colaboración de Durán con Xornal de Galicia durará no tempo, oxalá que así sexa. Lembremos que en 2009 o cambadés publicaba neste medio unha análise moi interesante dos resultados das eleccións autonómicas.

Miguel Prego recurirrá ao Tribunal Supremo e pedirá compensación pola contaminación verquida


O propietario da lagoa da Seca, Miguel Prego, recurrirá no Tribunal Supremo a sentenza do TSXG pola cal se lle negaba unha indemnización de dous millóns de euros do Concello de Cambados por expropiación indebida dos terreos onde está o colexio e o campo da festa.

Miguel Prego xa vencera xudicialmente deste mesmo xeito (con recurso ao Supremo) polo caso contra Costas hai uns anos grazas ao cal esta administración tivo que compensar á súa familia ecnomicamente con máis de 400.000 euros polo uso do muíño da Seca.

Lembremos que hai uns días, antes de que o Concello publicara a sentenza do TSXG, Prego insistía en que as comportas que pretender instalar no Saco non poderán regular o nivel da auga sen que el dera consentimento, un dereito que lle outorgaría a propiedade da lagoa.

Agora, no Supremo, Prego tentará non só recibir a indemnización pertinente, senón que acusa tamén a Costas e ao Concello de ter contaminado a súa lagoa polos continuos verquidos de fecais ao río Ucha.

UGCH "desvela" o primeiro tramo da lista do PP


Na páxina web de Unha Grande Chea publican hoxe, 28 de Decembro, o primeiro tramo da candidatura municipal do Partido Popular de Cambados. Din desde a asociación que o partido do goberno celouse do anuncio que fixo esta semana o BNG e decidiu publicar os nomes destas seis inocentes fichaxes.

Ocuparía o primeiro posto, como cabía agardar, o alcalde Luís Aragunde, e o resto da lista serían sorpresas inesperadas. O segundo de abordo, e nunca mellor dito, sería o patrón maior Benito González, que como recordan en UGCH ten unha importante traxectoria desde concorrer polo Bloque hai anos até a situación actual. O número tres sería o membro da citada Asociación Domínguez, que se situaría nese posto para equilbrar a presenza do Presidente, Xaquín Charlín, na lista nacionalista. De seguido iría Pepe Daporta, que fora nas listas do PSOE, Olga Costa (non vaia ser que lle toque novamente a lotería e se lle ocorra desta vez donalos cartos a PP para sufragar os gastos da campaña) e de sexta a “desterrada” Anabel Carro, a única ademais de Aragunde en repetir nunha candidatura do PP.

Estaríamos agora á espera de que fontes do partido conservador ratifiquen a lista. Máis información en Unha Grande Chea.

Luis Aragunde felicítanos outra vez o ano


E francamente, a min paréceme un xesto moi educado. Iso si, por min, tal e como xa se dixo o ano pasado, a cousa podía quedar nunha simple felicitación electrónica ou nunha nota de prensa. Estas dúas opcións, a diferenza da que o Concello volveu a elixir este ano, teríanos saído a tod@s de balde. E un gasto como este, e máis agora, é totalmente inútil e unicamente pode ser valorado como propagandístico.

Alégrome, por outra banda, de que escolleran ao escultor Asorey para lembrarnos que o ano que vén celebraremos o seu ano (sobre todo é esperanzador saber que eles aínda se acordan) pero insisto en que os cidadáns de Cambados non temos por que pagar campañas preelectorais de ninguén. É curioso o feito de que hai meses e meses que levamos sen ver a revista A Calzada na rúa… atreveríame a dicir que moi pronto a teremos nos nosos buzóns, a toda cor e rebosante de fotografías do novo alcalde e tamén alcaldable. Tempo ao tempo.

O Concello fai públicas dúas sentenzas do TXSG en contra da familia Prego tralas súas dúbidas sobre as comportas. Casualidade?


Os tres xornais comarcais (Diario, Voz e Faro) publican hoxe unha ampla nova redactada a partires dunha nota de prensa do Concello na que esta insitución congratúlase da súa vitoria no Tribunal Superiror de Xustiza de Galicia (TSXG) contra a familia Prego por unha expropiación de terreos que o TSXG considera que non foi ilegal, como reclamaba esta familia.

Miguel Prego comezou hai anos unha batalla legal contra Costas del Estado, xa que entendía que tanto o muíño como o estanque da Seca pertencían á súa familia e que esta institución ocupara os seus terreos indebidamente. O Tribunal Supremo rematou por ratificar unha sentenza favorábel e Costas tivo que pagar máis de 400.000 euros aos Prego para legalizar a situación de ditas parcelas.

Máis tarde, en 2007, Prego reclamou ante o Concello de Cambados porque consideraba que tanto o campo da festa como o colexio público estaban asentados en terreos tamén pertencentes á familia. Non houbo acordo e o asunto voltou aos xulgados. Neste caso, e segundo o Concello, o TSXG deu a razón a Cambados porque “as parcelas en cuestión constaban no Inventario de Bens Municipales desde facía 33 años”.

Como esta información provén do Concello de Cambados, descoñécese aínda se esta sentenza é en firme ou cabe algún tipo de recurso. Resulta curioso ademais que o Concello filtrara esta resolución tan só dous días despois de que Miguel Prego afirmara na prensa que para que as comportas que Concello e Xunta queren situar no Saco de Fefiñáns poidan modificar o nivel da auga, teñen que contar coa súa autorización.

Imaxe extraída do Faro de Vigo.

As mariscadoras entregan 140 sinaturas para forzar unha asemblea da Confraría sobre as comportas no Saco de Fefiñáns


Un grupo moi significativo de mariscadoras de Cambados, liderado por María Xosé Cacabelos (vicepresidenta da Agrupación de mariscadoras a pé) entregou unhas 140 sinaturas na Confraría para reclamar que se convoque unha asemblea onde se lles informe de todos os detalles relativos ao proxecto da instalación das comportas no Saco de Fefiñáns e onde poidan expresar a súa opinión. A cifra é significativa posto que o censo das mariscadoras ascende a 181 persoas, é dicir, que contan co 77% do apoio deste grupo.

Segundo elas, a Xunta de Galicia comprometérase en Xullo en facilitarlles información ao respecto antes de que a obra saíra a concurso, pero a realidade é que esta foi xa licitada no pasado mes, a pesares dos informes negativos que son públicos e que foron publicados nesta mesma web, así como a ausencia do estudo de avaliciación ambiental.

Por outra banda, tanto a presidenta da Agrupación (Isabel Pérez) como o Patrón Maior (Benito González) están do lado da Xunta e apoiaron públicamente o proxecto incluso sabendo que este non ía contar co estudo ambiental prometido polo ente autonómico e polo Concello. Segundo fontes consultadas, a produción marisqueira do Saco de Fefiñáns supuxo arredor dun 10% dos ingresos totais recibidos polas mariscadoras. Este ano prohibiuse alí a extracción polos altos niveis de contaminación, niveis que poderían aumentar no caso de que finalmente se instalen as comportas sen sanear previamente a zona.

UN GRUPO DE MARISCADORAS EN CALLEJEROS DE CUATRO

Por outro lado, na noiteboa o canal Cuatro emitiu un programa especial de Callejeros no que se repasaban diferentes xeitos de celebrar este día. Un deles era o dun grupo de mariscadoras de Cambados (entre as cales se pode contar á antes citada presidenta da Agrupación, Isabel Pérez). Podes ver o programa completo premendo neste enlace ou na imaxe e o tramo no que aparece Cambados empeza no minuto 13.00 dese vídeo.

Víctor Caamaño presenta a "verdadeira alternativa ao goberno do Partido Popular"


Hoxe á tarde tivo lugar na sede do BNG a presentación dos seis primeiros postos da candidatura do Bloque Nacionalista Galego de Cambados para as eleccións de Maio de 2011.

Víctor Caamaño, portavoz da formación e anterior candidato, repetirá como alcaldábel e farao acompañado da tamén concelleira e responsábel local do BNG María Xosé Cacabelos. Como número tres aparece o presidente de Unha Grande Chea, Xaquín Charlín (Chon) e como 4 Ernesto Falcón. Os seguintes postos son para Teresa Prado Cores e Josefina Cores Oubiña (podes ler máis adiante un pequeno resumo biográfico dos candidatos).

Caamaño salientou que esta non é unha lista “para saír do paso, nin moito menos”, senón que é unha candidatura de ascenso electoral. Un equipo preparado para rematar cun goberno Popular con “aires antidemocráticos” e baseado na axuda aos seus e en principios electoralistas.

O candidato a alcalde polo Bloque destacou que o traballo deste partido foi regular durante os catro anos de lexislatura.

Un dos eixos de goberno que levará o BNG ás eleccións de Maio é a da aposta pola mocidade deste Concello, xunto coa de que o Goberno Local sexa un axente dinamizador da economía.

Caamaño admitiu que un Concello non pode condicionar en moita medida os indicadores economicos, pero si, dixo, sanear os bancos marisqueiros para beneficio dos traballadores do mar (en clara referencia á polémica do Saco de Fefiñáns destas semanas), ou apostar por un Polígono Industrial non especulativo, a diferenza das políticas dos conservadores. Tamén prometeu apoiar de verdade ao comercio local e non limitarse a “facer catro rifas no Nadal”, por exemplo amosándose en contra da área comercial de Vilanova que os comerciantes da comarca rexeitan de plano. Ou poñéndose do lado das traballadoras en casos como o de Alfageme.

En resumo, Víctor Caamaño amosouse ante a prensa ilusionado e convencido de que o BNG é a única alternativa en contraposición ao goberno do Partido Popular.

Tanto Caamaño como o responsábel comarcal (terceiro pola esquerda na foto) comunicáronlle á prensa que serán informados conforme vaian publicando os nomes que faltan por saber da candidatura (once postos máis e suplentes).

OS CANDIDATOS – CURRÍCULO

Víctor Caamaño Rivas. Veciño de Cambados, traballa no ensino secundario (IES Asorey, onde foi director e xefe de estudos). É concelleiro e voceiro do BNG nesta lexislatura. É a súa segunda vez como candidato.
Milita en grupos ecoloxistas, foi vicepresidente do Colectivo Ecoloxista do Salnés e é autor de diferentes publicacións no ámbito da educación e da divulgación da ecoloxía e da natureza.

María Xosé Cacabelos. Veciña de San Tomé. Tralla como mariscadora (vicepresidenta da Asociación de mariscadoras a pé) e é fundadora e presidenta da asociación Guimatur. É responsábel local do BNG e concelleira.

Xaquín Charlín González (Chon). Veciño de Fefiñáns. É funcionario xudicial e Delegado da CIG Xustiza. Voceiro da plataforma Queremos Galego no Salnés, directivo do CJ Cambados, membro do Consello Escolar do IES Cabanillas, colaborador da Escola Municipal de Teatro e presidente da asociación Unha Grande Chea. Foi membro da Compañía Caracol de teatro e directivo fundador do Xuven.

Ernesto Falcón Padín. Administrativo de profesión vencellado ao sector da construción. Foi vicepresidente da Sociedade Cultural e vinculado ao mundo do ciclismo. Foi vicepresidente da Federación Galega de Ciclismo e desde o ano 1992 directivo da Federación Española de Ciclismo.

Teresa Prado Cores. Veciña de Oubiña. Milita desde hai máis de vinte anos no Bloque Nacionalista Galego e actualmente é vicerresponsábel local. Colaboradora de diversas asociacións na parroquia, actualmente directiva na Asociación de Veciños de Oubiña.

Josefina Cores Oubiña. Veciña de Vilariño. Traballa como Directora Comercial dunha compañía de seguros. Colabora en diferentes labores asociativos, é secretaria da Asociación de Veciños de Santa María de Besomaño e da Asociación Músico-Cultural de Ribadumia.

Podes opinar sobre este e outros temas no libro de visitas de CTK

Novo xiro no caso das comportas: Miguel Prego critica que non se lle teña en conta


O caso das comportas no Saco de Fefiñáns dá un novo xiro. Agora é Miguel Prego, lexítimo dono da lagoa do Muíño da Seca (lembremos que venceu nos xulgados ao Ministerio e aínda que xa non é propietario do Muíño, agora convertido en museo, si que lle corresponden as augas interiores) quen critica o proxecto das comportas no Saco de Fefiñáns.

Critícao e critica a todos, tanto ao Partido Popular, como ao Concello, a Portos e á oposición, xa que segundo el todos opinaron sobre o proxecto sen ter en conta a súa postura. El lembra que a titularidade da lagoa confírelle o permiso para decidir sobre o nivel de auga na mesma. Polo tanto recalca que as comportas non poderán facer que o seu estanque se innunde se el non dá autorización, algo completamente imposíbel dado que as dúas masas de auga están comunicadas directamente.

Isto, tralas serias dúbidas entorno á non realización do estudo de avaliación ambiental, fan que a importante inversión nesta obra (sobre medio millón de euros) estea en entredito.

¿Quen asegura que unha vez construida vai poder ser empregada de forma segura, sen estudos que o demostren? ¿e quen asegura que Miguel Prego non vai loitar xudicialmente contra a súa utilización? Tiveron Portos e Concello de Cambados en conta esta importante variábel na decisión?

E hai que recordar que Prego ten bastante experiencia en gañar pleitos e defender o que legalmente lle pertence.

Imaxe extraída de La Voz de Arousa

Crise no PSdeG por un asunto relacionado coa candidatura de Tabuyo en Cambados


O PSdeG está vivindo un dos momentos máis delicados desde que Touriño deixou a secretaria xeral tralas eleccións de 2009. O novo líder dos socialistas, Manuel (Pachi) Vázquez, decidiu de cara ás eleccións municipais que no seu partido “hai xente suficiente” e só se permitirá un cargo por persoa, isto quere dicir que os deputados non poderían ser candidatos nas Municipais sen antes renunciar ao seu escano.

Esta proposta, porén, ten unha grande excepción: os deputados no Congreso e os senadores. É o caso tanto de Domingo Tabuyo en Cambados como do alcade de A Coruña, Javier Losada (Senado). Eles, para Vázquez, si que poderían ocupar dous postos a diferenza dos seus compañeiros os deputados no Parlamento de Galicia.

A pasada fin de semana houbo executiva nacional do PSdeG e o seu líder tentou aprobar a resolución que plasmaría a súa idea. Malia o seu ímpetu por conseguilo, foron até 15 persoas presentes as que amosaron a súa disconformidade pola asimetría da medida; eles defenderon que a norma se aplicara a todos (parlamentarios en Galiza e en Madrid) e non só a uns poucos.

Unha desas persoas era Xaquín Fernández Leiceaga, portavoz do PSdeG no Parlamento Galego e unha das (poucas?) caras do galeguismo real no PSOE (e que xa amosara a súa intención de integrar a candidatura municipal de Santiago). Hoxe anuncia a prensa que Pachi Vázquez está a piques de destituilo do seu cargo no Parlamento, casualidade?

De momento Domingo Tabuyo pode estar tranquilo, pois ou se dá unha rebelión nas filas socialistas (algo que parece moi improbábel, aínda que a situación mereceríao) ou poderá ser candidato sen deixar o seu escano no Congreso.

Nas redes sociais

Decembro 2010
L M M X V S D
 12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.