//
estás a ler...
Artigos de opinión, Cambados, Galiza, global

Un Wikileaks en cada Concello


Nas últimas semanas unha páxina web foi noticia arredor do mundo. Wikileaks, que así se chama, encárgase de publicar documentos antes lonxe do coñecemento público, protexendo rigurosamente ás fontes de ditas filtracións.

Unhas filtracións que causaron estupor arredor do globo, non só polo número (a última partida foi de máis de 250.000 documentos), non só pola procedencia (entre eles, cables diplomáticos clasificados) senón especialmente polos contidos. Algúns desvelan o que moitos sospeitabamos acerca da total falta de vergoña e ética dos EEUU na súa relación co resto dos países.

E é certo que quizais moita da información debería estar reservada aos servizos diplomáticos e de intelixencia do nomeado país, pero como tamén o é que se Julian Assange e o seu equipo en Wikileaks poden acceder a estes papeis… como estar seguros de que  se pode evitar que caian documentos sensíbeis  nas mans equivocadas? E máis aínda… como pode alguen condenar publicamente a Wikileaks e non aos feitos, nalgúns casos delictivos, que revelan documentos sobre accións do Goberno dos Estados Unidos?

Wikileaks é importante porque, como ben dixo Lula da Silva (primeiro mandatario internacional en saír na súa defensa), desmontou á diplomacia americana, que parecía intocábel. Desmontouna até sonroxar, imaxino, as caras dos responsábeis de tal escándalo en Washington. E o mellor é que a actual persecución a Assange demostra que EEUU coñece perfectamente a posibilidade de máis filtracións e quere atallar como eles saben o escándalo: presionando e manexando os resortes democráticos de países alleos (en teoría, polo menos) para cazar a Assange aparentemente de xeito legal. Haberá que ver que fan se non o consiguen.

……………………………………….

Pero acaso o importante non é que Wikileaks senta precedente? Que nós, os cidadáns, por primeira vez sabemos de que falan os que de verdade mandan, que hai transparencia nalgún dos centros de decisión?

Que pasaría se o fenómeno Wikileaks se estendera polo mundo enteiro, se se tornara nunha nova “moda”, nunha democrática e contaxiable onda? Se chegara a cada Concello, a cada institución? Non nos brindaría en moitos temas a información que deberíamos ter dereito de coñecer? Non sería positivo?

Imaxinade por un momento que todos os documentos e información non plasmada neles (que será a máis) relativa ao Concello de Cambados durante os últimos vinte anos, vexa a luz un día. Non sería beneficioso, e non teríamos dereito a coñecela? Ou o mesmo co interior da Confraría, da que tanto se falou por presuntas irregularidades, por exemplo, nunha das súas convocatorias electorais. E que me dicides do recente caso do Saco de Fefiñáns? Acaso se coñecéramos os documentos de Costas nos que censura a obra das comportas non tería habido unha oposición frontal e quizais máis organizada ao proxecto? Cantos papeis deste tipo seguen nun caixón ou nunha planta de reciclaxe?

Máis transparencia, sen violar os límites da intimidade, é claramente positiva. De feito, debería ser obrigatoria. Se esa fora a realidade estou seguro de que outro galo cantaría e viviríamos nun lugar mellor.

Relacionados

Os cables filtrados por Wikileaks en El País (actualizado a diario)

A páxina web oficial de Wikileaks (inglés)

Advertisements

Conversa

Os comentarios están pechados.

Nas redes sociais

Decembro 2010
L M M X V S D
« Nov   Xan »
 12345
6789101112
13141516171819
20212223242526
2728293031  

Arquivo

wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.

%d bloggers like this: