Hoxe á tarde tivo lugar na sede do BNG a presentación dos seis primeiros postos da candidatura do Bloque Nacionalista Galego de Cambados para as eleccións de Maio de 2011.
Víctor Caamaño, portavoz da formación e anterior candidato, repetirá como alcaldábel e farao acompañado da tamén concelleira e responsábel local do BNG María Xosé Cacabelos. Como número tres aparece o presidente de Unha Grande Chea, Xaquín Charlín (Chon) e como 4 Ernesto Falcón. Os seguintes postos son para Teresa Prado Cores e Josefina Cores Oubiña (podes ler máis adiante un pequeno resumo biográfico dos candidatos).
Caamaño salientou que esta non é unha lista “para saír do paso, nin moito menos”, senón que é unha candidatura de ascenso electoral. Un equipo preparado para rematar cun goberno Popular con “aires antidemocráticos” e baseado na axuda aos seus e en principios electoralistas.
O candidato a alcalde polo Bloque destacou que o traballo deste partido foi regular durante os catro anos de lexislatura.
Un dos eixos de goberno que levará o BNG ás eleccións de Maio é a da aposta pola mocidade deste Concello, xunto coa de que o Goberno Local sexa un axente dinamizador da economía.
Caamaño admitiu que un Concello non pode condicionar en moita medida os indicadores economicos, pero si, dixo, sanear os bancos marisqueiros para beneficio dos traballadores do mar (en clara referencia á polémica do Saco de Fefiñáns destas semanas), ou apostar por un Polígono Industrial non especulativo, a diferenza das políticas dos conservadores. Tamén prometeu apoiar de verdade ao comercio local e non limitarse a “facer catro rifas no Nadal”, por exemplo amosándose en contra da área comercial de Vilanova que os comerciantes da comarca rexeitan de plano. Ou poñéndose do lado das traballadoras en casos como o de Alfageme.
En resumo, Víctor Caamaño amosouse ante a prensa ilusionado e convencido de que o BNG é a única alternativa en contraposición ao goberno do Partido Popular.
Tanto Caamaño como o responsábel comarcal (terceiro pola esquerda na foto) comunicáronlle á prensa que serán informados conforme vaian publicando os nomes que faltan por saber da candidatura (once postos máis e suplentes).
OS CANDIDATOS – CURRÍCULO
Víctor Caamaño Rivas. Veciño de Cambados, traballa no ensino secundario (IES Asorey, onde foi director e xefe de estudos). É concelleiro e voceiro do BNG nesta lexislatura. É a súa segunda vez como candidato.
Milita en grupos ecoloxistas, foi vicepresidente do Colectivo Ecoloxista do Salnés e é autor de diferentes publicacións no ámbito da educación e da divulgación da ecoloxía e da natureza.
María Xosé Cacabelos. Veciña de San Tomé. Tralla como mariscadora (vicepresidenta da Asociación de mariscadoras a pé) e é fundadora e presidenta da asociación Guimatur. É responsábel local do BNG e concelleira.
Xaquín Charlín González (Chon). Veciño de Fefiñáns. É funcionario xudicial e Delegado da CIG Xustiza. Voceiro da plataforma Queremos Galego no Salnés, directivo do CJ Cambados, membro do Consello Escolar do IES Cabanillas, colaborador da Escola Municipal de Teatro e presidente da asociación Unha Grande Chea. Foi membro da Compañía Caracol de teatro e directivo fundador do Xuven.
Ernesto Falcón Padín. Administrativo de profesión vencellado ao sector da construción. Foi vicepresidente da Sociedade Cultural e vinculado ao mundo do ciclismo. Foi vicepresidente da Federación Galega de Ciclismo e desde o ano 1992 directivo da Federación Española de Ciclismo.
Teresa Prado Cores. Veciña de Oubiña. Milita desde hai máis de vinte anos no Bloque Nacionalista Galego e actualmente é vicerresponsábel local. Colaboradora de diversas asociacións na parroquia, actualmente directiva na Asociación de Veciños de Oubiña.
Josefina Cores Oubiña. Veciña de Vilariño. Traballa como Directora Comercial dunha compañía de seguros. Colabora en diferentes labores asociativos, é secretaria da Asociación de Veciños de Santa María de Besomaño e da Asociación Músico-Cultural de Ribadumia.
Podes opinar sobre este e outros temas no libro de visitas de CTK
Conversa
Os comentarios están pechados.