//
arquivo

Archive for

Ana Miranda leva o tema do Saco de Fefiñáns ao Parlamento Europeo


A representante do BNG no Parlamento Europeo, Ana Miranda, vai levar o tema das comportas a esta institución por medio dunha pregunta escrita á Comisión Europea.

Na exposición de motivos, a iniciativa recalca o feito de que Portos de Galicia obvie o estudo de impacto ambiental que se prevé nestes casos na lexislación española e salienta que a obra se realizará nun entorno onde hai actividade marisqueira que pode ser afectada porque “non se realiza o saneamento de augas residuais e fecais correcto”.

Ademais Ana Miranda sinala que a obra pode afectar ao Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) Ons-O Grove porque as mareas, a falta da depuración correcta de augas residuais, realizan unha sorte de depuración natural das augas costeiras. En concreto, moitas aves protexidas do espazo da Zona de Especial Protección para as Aves do Complexo Intermareal Umia-O Grove, da Rede Natura 2000, aliméntanse na zona do Saco de Fefiñáns durante a marea baixa. Esta afectación indirecta ao LIC obrigaría a Portos a realizar o estudo de impacto ambiental.

Por todo iso, a representante nacionalista en Bruxelas plantexa as seguintes preguntas á Comisión:

Recibiu a Comisión Europea información deste proxecto que pode ter impacto sobre o LIC mencionado?

Ten a Comisión información do posíbel cofinanciamento comunitario de dita obra?

O PP presentará o candidato o día 18 de Febreiro


Así o anunciaron os conservadores na súa recentemente creada páxina de Facebook. Previsíbelmente será no Auditorio (aínda que non o anunciaron aínda) e o candidato será Luis Aragunde. Descoñécese tamén se aproveitarán para desvelar o resto da candidatura, ou cando menos un primeiro tramo.

Hoxe a xornalista Fátima Frieiro publica un artigo no Diario de Arousa sobre as candidaturas de Cambados. Respecto ao PP sinala que haberá un “peso pesado” de Castrelo para suplir a ausencia de Jose Antonio Domínguez (quen esta semana era acusado dun atropelo intencionado) e apuntaba aos rumores da incorporación do Patrón Maior, Benito González, á lista dos de Aragunde.

Aínda que non creo que os populares lle poñan as cousas tan fáciles á oposición, desde logo se é así a súa presenza na lista explicaría moitas cousas, especialmente todo o tema das comportas no Saco e o escurantismo practicado pola súa institución en sintonía co PP.

Ademais, a xornalista tamén falaba acertadamente da posíbel incorporación de moz@s á candidatura. Ela referíase ao presidente da recén formada Novas Xeracións (aínda que na realidade é un colectivo tan activo como Xuventudes Socialistas…é dicir: cero) e eu atreveríame a ir máis alá e apuntar ademais a algún membro dunha tamén recentemente creada asociación xuvenil con moito apoio do Concello de Cambados. Pero isto todo son especulacións.

"Non quedamos nada convencidas"


A reunión de onte que organizaron o Concello e a Confraría para explicar o proxecto das comportas ás mariscadoras non tivo o éxito que desde o Partido Popular agardaban. A reunión fraguouse logo de que 160 traballadoras se plantaran e pediran información sobre o asunto. Onte, Aragunde trouxo seis técnicos da Xunta para que lles contaran as supostas virtudes do proxecto, pero o público (máis de un cento de mulleres segundo a prensa) recibiunos máis ben mornamente.

Algunhas das declaracións das mariscadoras que recollen hoxe os medios son ilustrativas: “Tiñades que ternos xuntado a todas antes, antes de que se nos quentaran as cabezas”, “Queremos ver o proxecto plasmado en papel e temos dereito a presentar alegacións”, “En todo momento estivemos excluídas deste proxecto” ou “Cal é o problema de esperar a que a zona esté saneada para poñer as comportas?” son algunhas das preguntas que lle fixeron aos ponentes.

Aragunde prometeu por enésima vez sanear o Saco, pero as traballadoras non entenden precisamente porque non se sanea o lugar antes da instalación das comportas. O alcalde incluso apelou ás emocións para tentar convencer ao colectivo: “Eu sigo sendo persoal da Confraría -é traballador da lonxa en excedencia- así que xamais farei nada en contra das mariscadoras”. Tampouco así se gañou ao público. Onde si acertou o rexedor foi cando dixo “O Saco de Fefiñáns está no seu peor momento da historia”. E algo terán que ver niso os vinte anos de goberno do Partido Popular en Cambados.

BNG: “AO PP A OPINIÓN DAS MARISCADORAS NON LLE IMPORTA O MÁIS MÍNIMO”

O voceiro e candidato do BNG á alcaldía, Víctor Caamaño, remitiu unha nota na que critican que a reunión non fora consultiva senón meramente informativa, forzada pola presión das mariscadoras.

O peche do banco do Saco de Fefiñáns é “unha morte anunciada” polo mal facer dun PP que xestionou fondos europeos para saneamento sen resultados. O das comportas “é un proxecto de imposición e que non atende aos mínimos principios de prudencia”.

Víctor Caamaño cre que o proxecto é un exemplo de como actúa o PP de Cambados desde hai moitos anos:

  • con prepotencia, mentira e aplicando a política de feitos consumados. O proxecto faise por riba de todos e de todas; o “PP non ten que darlle contas a ninguén”;
  • con  incompetencia e ineficacia pois o paso do banco marisqueiro de  Zona B a Zona C  produciuse por deixadez do PP;
  • con desprezo a un sector produtivo, o das  mariscadoras, poñendo en perigo o seu medio de vida (o PP defende outros intereses: os intereses do PP están en contra do presente e do futuro de Cambados (a que beneficia esta obra?);
  • con manipulación de organismos e asociacións: o PP utilizou o que representa a Confraría e a  Asociación das mariscadoras para conseguir a súa finalidade política ( o sector nunca estivo a favor das comportas porque simplemente desde a presidencia da Confraría  fíxose todo o posible para que non se falara do tema)

Pero sobre todo ven actuando, desde sempre, con irresponsabilidade porque está a por en perigo o medio de vida de moitas persoas.

Imaxe extraída de Diario de Arousa

Abren ou pechan comercios en Cambados?


Por parte do Concello de Cambados, o alcalde Luis Aragunde enviaba unha nota de prensa a semana pasada poñendo de relevo que 2010 fora un bo ano de actividade comercial para Cambados. Segundo eles, en 2010 o Concello concedeu 79 licenzas de apertura de negocios, trinta máis que dous anos antes. Segundo Aragunde as cifras reflicten “un repunte da actividade”.

Pero foi onte cando o voceiro do BNG, Víctor Caamaño, declaraba na Praza Asorey que o Concello esqueceu dar outro dato: a dos comercios que pecharon. A falta de datos oficiais do goberno local e desconfiando porque é sabedor do mal que o está a pasar o pequeno comercio, Caamaño realizou unha pequena investigación da que estimou que arredor de 65 locais pecharon as súas portas durante 2010, un 75% asociados a Zona Centro.

Víctor Caamaño asegurou que se ben é certo que o goberno local non ten plenas competencias no tema económico, si levan gobernando “durante máis de vinte anos” presumindo do seu bo facer e que dando estes datos pretenden esconder a súa pésima xestión. Porque, e conectando co que se dicía en Cambados(tk) hai un par de días, o Concello non defende aos comerciantes en temas clave como o do centro comercial de Vilanova, que acarreará se cabe peores cifras.

Debate sobre o galego nos clubs deportivos


Desde que na web de Unha Grande Chea publicaron un artigo sobre como o Club Xuventude Cambados de fútbol (oficialmente Club Juventud Cambados) emprega a diario o galego para todas as comunicacións, a polémica saltou á rede, chegando tamén ao libro de visitas de Cambados(tk).

Hainos que cren que o equipo de fútbol non é o mellor exemplo posto que aínda non galeguizou o seu nome e sinalan ao de baloncesto por si telo feito. Porén, un usuario lembra tamén que o club de baloncesto a pesar do nome galego”ten todos os seus contidos tanto de facebook, como da súa páxina web en castelán“. E o propio Club Xuventude de fútbol recalca no libro de visitas que “non galeguizamos o nome por problemas buracraticos con facenda e coa Federación” pero que “todo que facemos é en galego incluida a nosa propia páxina web“.

É unha pena que aínda existan atrancos para que unha entidade poida galeguizar o seu nome oficial. Pero como ben se dixo, o certo é que o Cambados cumple a día de hoxe coa nosa lingua empregándoa de xeito normal a todos os niveis. Ogallá os de baloncesto se sumen pronto tamén a esta boa práctica.

MANIFESTACIÓN VIRTUAL POLA LINGUA

Desde hai semanas circula nas redes sociais a convocatoria dunha mobilización en internet pola lingua galega. Consiste en colocar na foto de perfil do usuario a imaxe que se amosa arriba. Será o día 30 (domingo).

A reunión sobre as comportas na Confraría notifícase só con dous días de antelación


Outro episodio de escurantismo por parte da Confraría de Cambados neste suma e sigue relacionado co tema das comportas do Saco de Fefiñáns. Hai un par de semanas cando as mariscadoras se plantaban pola falta de información, a Confraría e o alcalde anunciaron unha reunión onde técnicos da Xunta explicarían a obra a este colectivo de 180 traballadoras do mar.

Pois ben, as prioridades quedan agora claras: mentres que o Concello enviou unha nota de prensa que publicou o Faro o día 21, ás mariscadoras só se lles informou oficialmente hoxe sobre a reunión, que terá lugar pasado mañá.

Hoxe era o último día de traballo e a presidenta da Agrupación, Isabel Pérez (aliñada nesta polémica co PP e co Patrón Maior) acudiu ao punto de control arredor das dúas do mediodía cunha nota coa convocatoria da reunión, que será o venres ás 10:30 en 1ª convocatoria e as 11:00 en 2ª convocatoria.

A reunión ademais será tan só informativa, posto que o proxecto está aprobado e xa está en licitación. Non é unha reunión consultiva para ter en conta a opinión deste colectivo, ao que tanto lle vai no tema.

Jose Antonio Domínguez (PP) acusado dun atropelo


Hai uns días liamos nos xornais a nova de que en Castrelo houbera un atropelo que se saldara cunha vítima en estado grave. O suceso tivera lugar o domingo arredor das 16.00 horas cando o veciño J.A.D se saiu da pista pola que conducía.

J.A.D., coñecemos hoxe, é Jose Antonio Domínguez, moi coñecido ex concelleiro de Obras do Partido Popular pola polémica que xerou ao agredir en plena rúa a un Policía Local en 2001 por que non levaba posta a gorra.

Hoxe tamén sabemos que a vítima, Carlos Figueroa, acusa ao condutor de atropelalo intencionadamente porque di que acelerou ao velo. Sostén que cre que se debe a un xuizo sobre unha leira que se ten que celebrar hoxe e no que Figueroa vai declarar contra Jose Antonio.

De todas formas, este non é o primeiro accidente de coche do ex concelleiro. En 2007 sufriu tamén outro aparatoso accidente, tamén en Castrelo, que o tivo varios días nunha Unidade de Coidados Intensivos dun centro de Pontevedra.

Haberá que agardar até que se esclareza o sucedido esta semana, xa que a vítima do atropelo deu tamén á Garda Civil a súa testemuña dos feitos.

Imaxe e novas extraídas de La Voz de Arousa

O centro comercial de Vilanova


// <![CDATA[
// <![CDATA[
// <![CDATA[
// <![CDATA[
// <![CDATA[
// <![CDATA[
// <![CDATA[
// <![CDATA[
// <![CDATA[
// <![CDATA[
var jsval = '




‘;
writethis(jsval);
// ]]>
// ]]>
// ]]>
// ]]>
// ]]>
// ]]>
// ]]>
// ]]>
// ]]>
// ]]>

Dende hai xa uns anos a prensa comarcal vén reflectindo un tema que compete directamente ao Concello veciño de Vilanova de Arousa pero que colateralmente toca aos demais municipios da comarca do Salnés.

O centro comercial en Deiro xa ocupaba páxinas en 2004, cando o aínda alcalde desa localidade, Gonzalo Durán, explicaba que as instalacións comerciais proxectadas estaban dirixidas a unha poboación de 148.000 persoas.

O goberno do PP de Vilanova presentábao como un grande proxecto que segundo eles vai xerar uns 500 empregos directos e outros tantos indirectos.

Pero tamén desde o comezo escoitouse a voz, moi crítica, do pequeno comercio de toda a bisbarra. O Consorcio de comercio agrupa a todas as asociacións do comercio urbano locais do Salnés, entre as que se atopa Cambados Zona Centro. O presidente de ambas é do noso Concello, Marcos González.

Eles están preocupados pola construción deste complexo, xa que consideran que moitos postos de traballo do pequeno comercio perigarán se isto se fai realidade. Tamén sosteñen que este tipo de actuacións, de grandes superficies alonxadas dos cascos urbanos están moi desaconselladas pola Unión Europea dada desertización que crean nas vilas cercanas.

Un plus na desconfianza que xera o proxecto é o feito de que o Concello de Vilanova recalificara estritamente as parcelas necesarias para o centro comercial de terreo rústico e edificable para que a empresa que quere capitanear o proxecto poida levantalo. A oposición denunciou escuros intereses do goberno local e tildouno de “especulación”.

Perigan os comercios da comarca con este centro comercial? Periga o comercio cambadés? Eu penso que, se é certa información que se deu uns parágrafos máis arriba sobre o mercado que este centro quere acaparar, entón si pode haber unha clara repercusión sobre os comerciantes dos centros das vilas. Porque está claro que dirixirse a 148.000 persoas é algo que desborda por completo a Vilanova, son palabras maiores.

Tamén creo que calquera alcalde dos Concellos veciños debería plantarlle cara ao de Vilanova e saír en defensa dos postos de traballo dos comerciantes, a pesar de que compartan partido político. Lamentabelmente en Cambados, Luis Aragunde, nin o fixo nin parece que o vaia facer. Tampouco o fai o ex alcalde Tourís que agora ten competencia sobre o tema ao ser delegado da Xunta.

E non só é un asunto de comerciantes, é que sen comercio o certo é que os centros das vilas morren. E non creo que queiramos un Cambados baleiro para o futuro.

http://www.canalriasbaixas.com/mambots/content/plugin_jw_allvideos/jw_allvideos_player.swf?file=http://www.canalriasbaixas.com/images/stories/videos/salnes/CONSORCIO_EXPLICACION_CONTENCIOSO.flv&image=http://www.canalriasbaixas.com/images/stories/videos/salnes/CONSORCIO_EXPLICACION_CONTENCIOSO.jpg&showdigits=true&autostart=false

Vídeo extraído de CanalRíasBaixas.com e imaxe sacada da web oficial de Vilanova

O poder da xente


A semana pasada publicábase aquí mesmo un vídeo titulado O Saco de Fefiñáns en 3 minutos, que, como o seu nome indica, tenta sintetizar a polémica da instalación de comportas para regular a marea nesa zona de Cambados. É verdadeiramente gratificante comprobar como en tan só unha semana houbo máis de 430 visionados do mesmo.

Se cada deses visionados fose unha persoa diferente e fose de Cambados, significaría que un de cada trinta cambadeses viron directamente o vídeo. As cifras non o son todo, pero despois desta semana na que moitas persoas, voluntariamente, compartiron este arquivo en Facebook, email ou por simple boca a boca, valen para certificar o poder que temos para cambiar as cousas. É esperanzador.

Tamén a prensa local se moveu bastante neste tema, aínda así a eles anímoos a moverse menos na inmediatez e máis na investigación que si realizan a nivel estatal e galego (neste tema houbo desde o principio puntos moi escuros, empezando porque non se realice ningún estudo de impacto ambiental). Porque desmoraliza bastante ver como un dos diarios máis importantes da comarca lle adica ríos de tinta -e incluso portadas!- a uns bancos que romperon en Vilagarcía cando aquí está en xogo o medio ambiente, o turismo e sobre todo o traballo dun colectivo.

O que se pode sacar en claro é que incluso sen organización, espontáneamente, temos capacidade para moito. Até onde podemos chegar?

O escaso mantemento do común: contedores soterrados


A petición dun lector Cambados(tk) publica fotografías dos contedores soterrados do Pombal. Este tipo de contedores de basura foron instalados xa hai moitos anos (se un non lembra mal, son do goberno da Xunta de Fraga) e nunca tiveron o mantemento mínimo que calquera instalación pública merece.

Os contedores perderon os letreiros que sinalizan o tipo de residuo que recollen (agora pódese ler “Orgánico” ou “Envases” grazas a que alguén o escribiu con bolígrafo permanente…e xa está empezando a borrarse), perderon tamén algunhas das asas e están completamente sucios.

O lector quéixase porque desde hai xa anos o Concello ten coñecemento dos feitos e non fixo nada ao respecto (cando só sería necesario pasar unha hidrolavadora cada certo tempo), e tamén apunta ao incivismo dalgún veciño, que non se molesta nin en meter a basura no seu lugar e ao final os desperdicios rematan por estar ciscados na rúa.

Realmente esta é unha boa mostra do proceder en Cambados: faise unha grande obra  e logo esquécese e non se mantén oportunamente. Ao final a misión que tiña este tipo de contedor de lixo, unha mellora visual, non se consigue e tiráronse os cartos á basura (nunca mellor dito).

As fotografías foron tomadas a pasada semana:

A caixa de correo de Cambados(tk) está aberta a este tipo de denuncias e a calquera comentario/suxerencia. A dirección é cambadostk arroba gmail.com

Nas redes sociais

Xaneiro 2011
L M M X V S D
 12
3456789
10111213141516
17181920212223
24252627282930
31  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.