Agora que os partidos comezan a mover ficha de cara ás municipais de Maio de 2011, comezan tamén as charlas e conversas informais sobre este tema. Nesta sección do especial Eleccións 2011 intentarase desmitificar algúns dos tópicos electorais máis dañinos. O primeiro:
O Partido Popular gaña por goleada
Eu cheguei a escoitar nalgunha conversa que o PP de Cambados goberna “con máis do 60% dos votos”. O certo é que parece ser que moitos cambadeses viven coa idea de que os conservadores machacan electoralmente aos adversarios políticos. Axudan a estender o mito as expresións da prensa tan recorrentes como “Cambados, bastión do Partido Popular” e outras do estilo.
O que non se pode negar é que o PP gobernou as últimas dúas décadas, e iso é algo que xerou crenzas que hoxe por hoxe non se sosteñen. Vexamos, cando un partido gaña por maioría absoluta (a única posibilidade do PP para gobernar aquí) pódeo facer por maioría absoluta a secas, por maioría absoluta xustiña ou por maioría absoluta aplastante.
En Cambados, nas últimas dúas convocatorias electorais, o PP obtivo 9 concelleiros sobre 17 que ten a corporación municipal. Isto é, a maioría máis un. Ten maioría absoluta, si, pero xustiña. E esa diferenza fíxose mínima en 2007 cando, e atención!, o PP obtivo o 47.71% dos votos. É dicir, a maioría non foi absoluta en votos pero si en concelleiros. (podes ver aquí un gráfico da evolución electoral en Cambados)
Ese “máis do 60% dos votos” é algo que é desde hai anos, afotunadamente, irreal. A mellor mesa do PP en 2007 foi a de Oubiña cun 60%, seguido dunha mesa de Castrelo (Couto) onde a porcentaxe foi do 57. Pola contra, a suma de votos de BNG e PSOE nas mesas do centro superou case en todos os casos o 50%, situándose no 57 no caso da mesa da Casa de Cultura.
En principio, acabouse o voto emigrante
De cara ao futuro podemos dicir que o Partido Popular non vai contar cunha bolsa de votos moi apetecíbel, a dos residentes ausentes, que dacordo co que se decidiu este ano no Congreso non poderían votar nos comicios locais. E que influencia ten isto? O PP obtivo 147 votos, PSOE 34 e BNG 7 (que sospeitoso non?) grazas a esta modalidade que agora non terá cabida nas locais.
Dada a fráxil maioría que en 2007 colleitaron os de Tourís e Aragunde, aínda que a exclusión dos votos emigrantes non lles impediría gobernar, si situarían ao BNG a tan só 70 votos exactos de arrebatarlles o último concelleiro e polo tanto forzar un cambio de goberno en Cambados.
Conversa
Os comentarios están pechados.