Hai algo que parece irrefutable e que non pode ser negado nin na máis pesimista das análises sobre esta nova bibliteca. A apariencia é moi boa. Pero, obviamente é necesario ir máis alá das apariencias para avaliar de verdade o asunto.
En resumo do que se poderá ler ao longo do artigo, o goberno local foi intelixente con esta obra…inaugura a menos de un ano das municipais un edificio que gusta a quen o ve, unha casa con maiúsculas reconvertida en institución cultural, cun xardín moi acolledor e unhas instalacións polo de agora correctas. Os maiores “peros”, o feito de que sexa a terceira sede en dez anos, o tamaño (non hai unha mellora significativa) e as condicións da sala de lectura para quen queira estudar.
Comecemos co bo. Como xa se dixo, basta con pasarse por alí e comprobar como a primeira vista a biblioteca ten boa pinta. Destacaría a zona infantil, unha especie de estancia adosada conectada interiormente co resto e cunha parede de vidro mirando ao xardín. Este espazo, o exterior, é tamén un punto forte, de momento está coidado e dispón de tres mesas de pedra para disfrute de quen acuda.
O interior da casa é acolledor, a restauración é vistosa e combínase a antigüidade da Casa dos Fraga co mobiliario de deseño moderno (bastantes adquisicións do xigante sueco Ikea). A accesibilidade debería estar garantida a pesar dos dous niveis en que se dispoñen as estancias grazas a un ascensor.
En principio a biblioteca ofrece servizos semellantes, por non dicir idénticos, dos que ofrecía na súa antiga ubicación da Mercede.
Como puntos febles, o primeiro e máis grande. Por que? Por que unha nova biblioteca se en 2003 se inauguraba a nova sede da Mercede construída específicamente para ese fin? Por que en 10 anos a biblioteca municipal dun Concello como Cambados cambia tres veces de localización? A falta de planificación que demostra o goberno local é de magnitudes desproporcionadas e brila intensamente neste asunto.
Aínda que en xeral a temperatura no inverno na Casa do Fraga mantense dentro de límites normais, empregando para iso aparellos de acondicionamento de aire, o certo é que unha estancia onde tan importante son as condicións ambientais para os usuarios como a sala de lectura non goza destas condicións en moitos momentos e é a habitación máis fría da casa.
A pesar de que o sistema de calefacción adoita subir a temperatura aos 20ºC, a verdade é que isto non se cumpre nos días despois de festivo, cando a biblioteca estivo pechada. Quen estudara alí un luns ou similar sabe que durante esas mañás non se reúnen os requistos exibles para un lugar con esta finalidade. As temperaturas sobre as 10 da mañá (hora de apertura) sitúanse arredor dos quince graos, e a calefacción non é capaz máis que de ir subindo aproximadamente un grao por hora.
E isto é así porque a Casa non dispón, por exemplo de dobre fiestra. Ademais, a sala de lectura situouse na fachada dianteira, co cal a falta de aillamento tamén se extende ao acústico (como anécdota sinalar que un dos días de Nadal os estudantes puideron escoitar durante uns instantes a voz de Don José comezar unha misa). Os traballos de mantemento do xardín realízanse en horas lectivas, co conseguinte perxuízo por ruídos para os usuarios.
O espazo é outro punto a criticar. Na sala de estudo só hai catro mesas con capacidade para 6 persoas cada unha. Existe outra sala pero ás veces está reservada para actividades. Polo tanto non hai mellora nese sentido, perdeuse unha oportunidade para dimensionar correctamente as instalacións, que en exames se enchen de estudantes.
Algo inexplicable tendo en conta a experiencia do Concello en montar bibliotecas…
Relacionados
A(s) biblioteca(s) publica(s) de Cambados: Suspenso. Artigo de Agosto de 2008 no que se analizaba o constante cambio de sede da biblioteca municipal
A Casa dos Fraga abrirá pronto como biblioteca tras catro anos de anuncios. Nova en CTK de hai un ano sobre a “inminente” apertura.