O Patrón Maior de Cambados acudiu onte a unha rolda de prensa acompañado do alcalde de Cambados, Luis Aragunde e do delegado da Xunta e ex alcalde, Cores Tourís. A comparecencia era en teoría para asinar un convenio Xunta-Pósito polo cal se sufragan gastos de vixiancia e biólogo á Confraría.
Até aí normal (sacando a presenza de Aragunde). O Patrón Maior, porén, aproveitou para descalificar a unha das 160 mariscadoras que se plantaron a semana pasada pola falta de información sobre as comportas do Saco. Ameazou a María Xosé Cacabelos de que “tomarei as responsabilidades oportunas” porque segundo el desautorizou á directiva e mentiu. Basicamente porque é do BNG, enténdase.
Benito González criticou abertamente tamén aos dous partidos da oposición en Cambados, PSOE e BNG. Coas declaracións de onte o que queda claro é que o Patrón Maior quitou definitivamente a careta e pode ser considerado un máis entre os cargos do Partido Popular. Unha pena que a política entrara deste xeito na Confraría.
O VÍDEO DE CAMBADOS(TK) SOBRE O SACO, UN ÉXITO
O vídeo “O Saco de Fefiñáns en 3 minutos” é xa un éxito de audiencia. En tan só 2 días foron máis de 250 persoas as que visionaron o seu contido. A súa difusión contou co apoio de persoas a nivel particular que están colgando o arquivo nos seus perfis en Facebook e outras redes, así como de blogs e páxinas que tamén se fixeron eco (en particular CambadosWeb, Unha Grande Chea, Galiza Nova, Blog de Víctor Caamaño , Rif-Rock ou Galicia Confidencial).
Demostramos así que co apoio da xente podemos difundir verdades como a do proxecto do Saco, mal que lles pese aos que están acostumados a controlar os medios tradicionais. Desde CTK pedimos a cada un dos nosos lectores que continúen colgando o vídeo en calquera lugar (Facebook, Twitter, Tuenti), enviándoo por correo, engadíndoo nos seus blogs… para que as mentiras e o ocultismo do PP non queden impunes.
Así o informaban a semana pasada desde o perfil en Facebook do documental sobre Manolo Paz. O punto de venda no noso Concello é o Bar Silva. Proximamente, anunciaron tamén, daranse a coñecer outros puntos de venda para Santiago ou Vigo.
Un Mar de Pedra estreouse a finais do ano pasado en Cambados cunha grande acollida por parte do público. Na cinta repásase a vida do escultor en paralelo co propio proceso escultórico, desde a canteira até a sala de exposicións. Cambados é un protagonista máis do documental, con múltiples aparicións na pantalla.