Outro episodio de escurantismo por parte da Confraría de Cambados neste suma e sigue relacionado co tema das comportas do Saco de Fefiñáns. Hai un par de semanas cando as mariscadoras se plantaban pola falta de información, a Confraría e o alcalde anunciaron unha reunión onde técnicos da Xunta explicarían a obra a este colectivo de 180 traballadoras do mar.
Pois ben, as prioridades quedan agora claras: mentres que o Concello enviou unha nota de prensa que publicou o Faro o día 21, ás mariscadoras só se lles informou oficialmente hoxe sobre a reunión, que terá lugar pasado mañá.
Hoxe era o último día de traballo e a presidenta da Agrupación, Isabel Pérez (aliñada nesta polémica co PP e co Patrón Maior) acudiu ao punto de control arredor das dúas do mediodía cunha nota coa convocatoria da reunión, que será o venres ás 10:30 en 1ª convocatoria e as 11:00 en 2ª convocatoria.
A reunión ademais será tan só informativa, posto que o proxecto está aprobado e xa está en licitación. Non é unha reunión consultiva para ter en conta a opinión deste colectivo, ao que tanto lle vai no tema.
Hai uns días liamos nos xornais a nova de que en Castrelo houbera un atropelo que se saldara cunha vítima en estado grave. O suceso tivera lugar o domingo arredor das 16.00 horas cando o veciño J.A.D se saiu da pista pola que conducía.
J.A.D., coñecemos hoxe, é Jose Antonio Domínguez, moi coñecido ex concelleiro de Obras do Partido Popular pola polémica que xerou ao agredir en plena rúa a un Policía Local en 2001 por que non levaba posta a gorra.
Hoxe tamén sabemos que a vítima, Carlos Figueroa, acusa ao condutor de atropelalo intencionadamente porque di que acelerou ao velo. Sostén que cre que se debe a un xuizo sobre unha leira que se ten que celebrar hoxe e no que Figueroa vai declarar contra Jose Antonio.
De todas formas, este non é o primeiro accidente de coche do ex concelleiro. En 2007 sufriu tamén outro aparatoso accidente, tamén en Castrelo, que o tivo varios días nunha Unidade de Coidados Intensivos dun centro de Pontevedra.
Haberá que agardar até que se esclareza o sucedido esta semana, xa que a vítima do atropelo deu tamén á Garda Civil a súa testemuña dos feitos.
Imaxe e novas extraídas de La Voz de Arousa