//
arquivo

Archive for

Cae outro cruceiro, agora con feridos, e Aragunde culpa ao "vandalismo xuvenil"


Despois de que hai tres semanas e media un guindastre tirara o cruceiro de Fefiñáns e quedara esnaquizado, onte caeu un cruceiro no adro da igrexa parroquial a unha hora na que este se atopa cheo con motivo da catequese. Houbo dous feridos, un home que tentou protexer á súa filla e levou un golpe no lombo e unha muller á lle saltou un cacho de pedra logo de que rebotase no chan. Afortunadamente ambos feridos son de carácter leve.

Luis Aragunde realizaba aos medios unhas declaracións nas que, recoñecendo que non ten datos aínda sobre as causas do accidente, acusaba sen probas á mocidade de “sabotaxe” durante as noites de movida na fin de semana. Ao parecer hai dous anos o cruceiro xa caera -daquela ao parecer si que fora por vandalismo- e fora restaurado. Segundo o Concello, teñen intención de reparalo outra vez e por iso transladaron os restos da peza a un almacén municipal (como siga esta racha van ter que dedicalo exclusivamente a gardar cruceiros rotos).

Habería que comprobar se logo da restauración que se lle fixo hai seis anos ao cruceiro da igrexa se fixo algunha inspección ao mesmo durante este tempo para comprobar o seu estado, unha simple operación que podería ter evitado este susto (que foi susto pero podería ter sido un accidente máis grave) nun lugar onde en determinadas horas existe unha grande concentración de persoas. E non acusar a un colectivo sen ningún tipo de proba, iso non é nin responsábel nin serio para un alcalde.

Imaxe extraída do Diario de Arousa

Advertisements

O Entroido de 2011 en Cambados


O Concello anunciou un programa de entroido que incorpora a Confraría, Cultural e comerciantes. Pola súa banda a asociación Unha Grande Chea deixará este ano de organizar acto propio porque consideran cumprido o seu obxectivo de que “o Concello se puxera as pilas no Entroido” xa que a institución preparou actos para todos os días.

Aínda así, a mítica comparsa cambadesa si sairá as rúas (alguén o dubidaba?) e farao co motivo central da folga de controladores. Para iso están a construir un avión de case sete metros de longo que todo o mundo poderá ver o vindeiro sábado ás oito na Praza de Alfredo Brañas.

Pola banda oficial, o Concello comezará o venres cun baile na nave de Peña de temática hippy e na que actuarán os grupos La Comisaría, Esguince e Black Stones. O sábado os pequenos terán diferentes actividades no Pazo de Torrado e os maiores pola noite poderán asistir a un baile cos grupos Lembranza e Tsunami, no que se repartirán mil euros en premios.

O domingo haberá un desfile de carrozas que sairá ás 5 da tarde da escalinata de Santo Tomé e que pasará polas principais rúas do centro. O luns terá lugar o tradicional concurso de filloas e o martes unha festa para os máis pequenos organizada por Zona Centro. O mércores, o enterro da Sardiña.

Como nota crítica sinalar que a día de hoxe, a falta de menos de unha semana para que comecen os actos, a páxina oficial do Concello non informa de ningún deles.

Actualizado: Xa se pode consultar o programa oficial do Concello para o entroido seguindo este enlace.

O PP agacha a lista dos que comeron de balde no Albariño, o BNG irá ao Valedor do Pobo


Víctor Caamaño preguntou onte por enésima vez pola lista de convidados aos que o Concello de Cambados pagou a comida no Xantar do Albariño. O BNG pedía os nomes e tamén os motivos polos cales se cursou a invitación, xa que existen dúbidas moi fundadas acerca de persoas sen cargo institucional (pero con afiliación orgánica ou de facto ao Partido Popular) están a ser convidadas nos últimos anos. O PP de Luis Aragunde convertiu o Domingo do Albariño nun coto privado para os simpatizantes do seu partido, con actos que pagamos todos/as.

Despois de sete meses desde a primeira petición de Víctor Caamaño, Aragunde limitouse a repostar: “Como cada ano foron invitados os representantes das diferentes administracións (estatal, autonómica, provincial e local), Consello Regulador, Capítulo Serenísimo, e entidades relacionadas co sector. O motivo de ditas invitacións é a labor realizada na defensa, apoio e promoción da festa, do viño, do municipio e do sector”.

Para o Bloque esta resposta  “é unha completa burla e desconsideración, non só ao noso grupo político, senón a tódolos veciños e veciñas de Cambados. O pobo de Cambados, a través dos seus representantes, ten dereito a saber a que persoas invita o concello a un acto público, como é o xantar do Albariño, pagado cos cartos de tódolos contribuíntes.”

Entenden que o Partido Popular está a demostrar o sectarismo co que gobernan este Concello e que Luis Aragunde estalle dicir á cidadanía de Cambados que a austeridade é para todos menos para o PP. E non só iso, os nacionalistas ven conculcados os seus dereitos como concelleiros a ter acceso á información municipal e por iso reclamarán ante o Valedor do Pobo.

Relacionado

Lembras o vídeo que CTK confeccionou no verán para denunciar a comellada do PP? Podes volver a velo agora:


[kml_flashembed movie="http://www.youtube.com/v/Bu2nZERsmP8" width="325" height="250" wmode="transparent" /]

Vaise temporalmente Maximino Cid


Informaron neste sentido os xornais comarcais nos últimos días. Maximino Cid Ferro, sarxento xefe da Policía Local de Cambados tras oito anos de xulgados reclamando o posto que o Partido Popular lle negaba, deixa o noso Concello para voltar a Ourense.

Aduce motivos persoais para pedir unha comisión de servizos que lle permita unha especie de intercambio de funcionarios e pasar así a traballar en Ourense (onde estaba a traballar con anterioridade á resolución do conflito xudicial) até aproximadamente o verán.

Maximino Cid no pouco tempo que leva como sarxento xa deixou pegada en Cambados, e iso púidose ver co suavizamento do tráfico en Fefiñáns, o emprego de bicicletas por parte dos axentes, a iniciativa da obra de teatro cos nenos de Esperanza…

É de esperar que sexa certo que se vai por motivos persoais (e non por ningún conflito máis co Concello) e que nese caso os motivos persoais que agora o levan a Ourense non o afasten permanentemente de Cambados: xente así canto máis preto mellor.

Carlos Blanco n'A Pera este venres


O humorista arousán Carlos Blanco estará este venres en Cambados na discoteca A Pera. A súa actuación comezará ás 23.30 da noite do venres 25 e a entrada custa 5€ anticipada e 6€ na propia taquilla. Se queres facerte coa entrada antes do venres podes acudir ao Café Copacabana ou ao Bar O Paseo.

Nova e imaxe extraídas da web de Unha Grande Chea

Os ecoloxistas do Salnés achegan aos partidos da comarca propostas para os programas electorais


O Colectivo Ecoloxista do Salnés publicou recentemente un documento que redactaron para achegarlle aos partidos políticos as súas propostas relativas á conservación do patrimonio natural e mellora da calidade de vida. O documento de 16 páxinas contén un apartado de propostas xerais, para todos os Concello, entre as que se atopan unha grande variedade de medidas (urbanísticas, de uso de enerxía, de augas, de residuos, etc).

Ademais, os ecoloxistas redactaron unha serie de propostas específicas para cada un dos concellos da comarca. No caso de Cambados fan fincapé na redacción do Plan Xeral de Ordenación Municipal, que coidan debe estabelecer unha cota máxima de solo urbanizable e protexer o complexo intermareal Umia-O Grove. Ademais suxiren redimensionar a depuradora de Tragove, mellorar a desembocadura do río Umia, eliminar o proxecto das comportas do Saco ou incluso a peonalización total da Praza de Fefiñáns e accesos.

Uns consellos bastante lóxicos e razonábeis que agora haberá que agardar para ver cales dos tres partidos se comprometen a cumprir. Hai un co que poden comezar durante a campaña, xa que o CES lémbralles a todos: “De cara a campaña electoral solicitamos moderación no uso do papel”.

Documento

Podes acceder ao documento completo do CES aquí

A prensa comarcal vólcase co Partido Popular


É un feito que non ten demasiada solución, deberá vir de dentro da prensa cando decidan ser realmente independentes e escapar das garras non xa políticas, senón económicas e laborais que o Partido Popular texeu durante vinte anos en Cambados e no Salnés.

O desta fin de semana é unha mostra clarísima do que sucede ca prensa: o venres e o sábado o Diario de Arousa ocupa unha grande porción das páxinas cos actos de presentación de Aragunde, o sábado é La Voz de Arousa quen fai o propio e onte e hoxe é o Faro de Vigo quen lle dá cancha ao partido de goberno. Non sei se se poñen dacordo pero parece que o fan de xeito escalonado para prolongar a presenza de Aragunde nos medios…

Por certo, que hoxe este xornal lle publica a Aragunde unha entrevista que non ten desperdicio: entre outras cousas o candidato do PP afirma que o seu partido vai peonalizar Fefiñáns “nuns seis ou sete anos” (habería que recordalle que as lexislaturas duran catro) porque hai que facelo en “épocas de bonanza” (quizais é que nos últimos vinta anos non as houbo).

Ademais Aragunde volveu a prometer unha praia para Cambados, basicamente desde a Calzada até Tragove, e fíxoo en resposta a unha pregunta do xornalista que dicía asi: “El mayor problema de Cambados es la falta de playas”, unha pregunta que denota unha sutil falta de coñecemento dos problemas reais do noso Concello. Porque desde logo a falta de praia non creo que nin que acade a categoría de “problema” cando temos tantas, naturais e boas,  nun radio tan pequeno.

Respecto á candidatura do PP, Aragunde afirma que será continuísta pero que “tenemos un as en la manga”. Haberá que agardar para coñecer ese as.

Imaxe extraída na mencionada entrevista do Faro de Vigo

Os principais incumprimentos electorais do PP


Analizáronse dúas pezas de propaganda electoral do Partido Popular, unha do ano 2003 (programa) e outra de 2007.  Nos programas e nas campañas do PP sempre hai unha ou dúas “obras faraónicas” proxectadas, grandes infraestruturas que nunca chegan a cumprir (nalgún caso como o dos portos deportivos, por fortuna, tamén hai que dicir).

Programa 2003

Obra estrela: Proxecto Porto Deportivo. Na última páxina do seu programa, sen ningún tipo de explicación, aparece unha foto de satélite do porto de Tragove ao cal se lle engadiu unha nova parte de espigón (de dimensións considerábeis) e unha gran praia artificial resgardada, mirando a Cambados. Podes premer na fotografía para ampliar.

Outras promesas esquecidas: Unha moi gorda, a da Sede para o Consello Regulador do Viño Albariño, que se supoñía que estaría no Pazo de Torrado e finalmente o PP levou para Pontevedra. Dúas relacionadas: “Solo para vivendas sociais” e “Máis vivendas sociais”, algo que non só non se levou adiante senón que o goberno local rexeitou un plan do bipartito para facer vivenda pública na zona da Grenla.

Unha tamén recurrente: “Aparcamentos soterrados en A Merced, A Xuventude e na Avda. de Galicia (fronte á Sociedade Cultural)”.

Eleccións de 2007

Obras estrela: O PP, na última páxina do boletín que repartiron no propio mes das eleccións, prometía  unha “Área Lúdico-Comercial con zonas verdes e peonís” que incluiría segundo eles “600 plazas de aparcamientos [sic] soterrados e de superficie nas inmediacións da Praza de Abastos” e un “porto deportivo en Sto. Tomé”. Podes ampliar a imaxe premendo nela.

Outra das obras estrela foi o centro de día que os conservadores prometeron construir no antigo matadoiro. A día de hoxe a Xunta non ten consignada unha partida para este fin a pesar de que na Festa do Albariño alcalde e conselleira prometeron outra vez construilo.

A falta do programa completo do PP de 2007 deixamos para outro artigo a análise pormenorizada das propostas incumpridas destes catro anos. Se ti tes o programa podes poñerte en contacto con Cambados(tk) no email cambadostk@gmail.com para facilitárnolo.

Rematar esta publicación cunha frase que José Manuel Cores Tourís escribía na carta electoral aos veciños hai catro anos: “Síntome satisfeito  de poder asegurar que, a diferencia doutros, o Partido Popular sempre cumpre cos seus compromisos”.

Quen foi convidado ao Xantar e por que? Tras 6 meses desde o Albariño aínda non o sabemos


O voceiro do BNG, Víctor Caamaño, remite unha pregunta que rexistrou hoxe para a súa resposta polo alcalde.

Nela, Caamaño sinala que xa preguntou por este tema en plenos de Agosto, Outubro e Decembro, e a resposta do alcalde foi sempre a mesma: “Se lle facilitará xunto co resto da información solicitada relativa á Festa”. Seis meses despois do Xantar, o BNG cre que o Partido Popular ten algo que ocultar, o que explicaría súa tardanza. Por iso, o rexedor verase obrigado, máis unha vez a contestar a seguinte pregunta:

Que persoas foron invitadas ao xantar da Festa do Albariño do pasado ano e cal foi o motivo da invitación de cada unha delas?

Relacionado

Xantar Oficial: quen son e por que comen gratis? – Xullo de 2010

Que facer cos cartos que se aforren do Xantar? Xullo de 2010

Carta dun lector sobre a biblioteca municipal


Polo seu interese, malia ser anónima, reprodúcese unha carta sobre a biblioteca nova. En Xaneiro publicábase a análise de CTK sobre a mesma, á que tamén podes acceder máis abaixo.

<<A Biblioteca Municipal de Cambados é unha das obras máis publicitadas e das que máis orgullosos se sinten os mandatarios da Corporación Municipal; tanto que o propio Alcalde Luis Aragunde se deixou fotografar antonte para os Medios. Pois ben, coma usuario dese servizo preceptivo ó abeiro da Lei 7/85 de 2 de Abril, de Bases de Réxime Local quero mostrar a miña incredulidade polo que ven sucedendo de xeito repetido nestes días: os operarios ou persoal de mantemento  adicanse a facer ruídos en horas de estudo, pasando a segadora, a mangueira e falando a voces.

Amosando o meu descontento me diríxome á persoa de Recepción e a súa resposta é: “os obreiros só traballan pola mañá”. ¿E non haberá xeitos de solucionalo? A partires das 14:00 horas está pechada ata as 16:00 horas … tamén dicir que na Sala de Estudo o aire frío e a auga  filtranse por baixo das fiestras, o lavabo ten un olor nauseabundo desde a mañá ata a noite, por mor de que a Empresa Construtora deixou, presuntamente, as cousas mal feitas.

Teño a sensación que a clase Política inaugura,  saca as súas fotos e  déixanos “tirados” sen preocuparse en absoluto polo mantemento das instalacións e a súa normal actividade. Que saiban que temos voz (e voto) e non temos porque aturar isto, cando estamos facendo uso / servizo dunha instalación que mantemos cos nosos cartos.>>

Lembra que ti tamén podes poñerte en contacto con CTK a través do correo electrónico, ou dos perfís de Facebook e Twitter.

Relacionado

A nova bilblioteca, o bo e o malo. Análise das instalacións novas. Xaneiro 2011

Nas redes sociais

Febreiro 2011
L M M X V S D
« Xan   Mar »
 123456
78910111213
14151617181920
21222324252627
28  

Arquivo

RSS Praza Pública – Novas

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.

RSS Praza Pública – Opinión

  • An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.
wordpress counter

Escribe o teu enderezo de correo electrónico para seguir este blogue e recibir notificación dos novos artigos.

Advertisements