O deputado nacionalista Bieito Lobeira estivo hoxe en Cambados comparecendo nunha rolda de prensa xunto co voceiro e candidato Víctor Caamaño. El explicou á prensa todas as xestións que estivo facendo estes anos para frenar o proxecto das comportas. Salientou que en 2003 nunha comisión do Parlamento sobre este tema, a Consellaría afirmou que nunca se levaría adiante unha obra sen contar co visto e prace das mariscadoras, e por suposto agora sabemos que mentiron.
Lobeira denunciou, como Caamaño, ocultismo da documentación. Como deputado galego en teoría pode acceder en menos de 30 días a calquera documento oficial, e neste tema a Xunta ocultoulle durante meses o famoso documento das oito follas nas que se demostra que o alcalde de Cambados non respondeu sobre a necesidade de facer ou non estudo de impacto ambiental e o Patrón Maior dixo que a obra sería moi positiva para o marisco.
Víctor Caamaño apuntou ás dúbidas que suscita o proxecto sobre a súa finalidade. O voceiro do BNG dixo que “en Cambados hai moito mar” , que o piragüismo pode (e xa se fai) practicarse noutros puntos, e que hai intereses ocultos sobre a finalidade daobra: o Concello apoia aos seus amigos en lugar de ás mariscadoras.
Levamos xa un mes de Ano Asorey 2011 e aínda non escoitáramos nin unha vez nestes trinta días falar del. Hoxe, felizmente, o escultor inunda as páxinas da prensa comarcal, xa que onte se debatía no Parlamento unha moción dos socialistas que pedía á Xunta apoio a Cambados para a celebración dos actos relacionados co artista, e que contou co respaldo de todas as forzas políticas.
Por outra banda, o Faro de Vigo sinala que a xa anteriormente anunciada exposición na Cidade da Cultura será unha realidade, logo de que o Conselleiro correspondente así o confirmara. E máis interesante, se cabe, sería a organización dunha mostra complementaria no Pazo de Torrado, de xeito que se amosen no Monte Gaiás pezas que por tamaño non poden ser expostas no noso Concello.
En internet é moi recomendábel a visita ao blog de Maribel Iglesias sobre Francisco Asorey (de onde se extraeu a imaxe). Alí podes atopar roteiros sobre o artista con cantidade de testemuñas gráficas, repasos máis detallados sobre algunhas pezas, comentarios sobre a súa vida… en definitiva un espazo que non debes perder, e menos neste ano!