Estes días coñecemos varias novas interesantes sobre cultura e Cambados.
Por un lado, o que se sinalaba onte aquí: que parece que arranca xa o Ano Asorey, falta pasar aos feitos agora. Interesante hoxe a entrevista con Maribel Iglesias, experta no artista e que traballa nun libro sobre a súa obra e figura. Nela afirma ter xa catalogado máis de 100 obras do escultor e aínda que lamenta que moitas estean desaparecidas si sinala que as máis importantes están dispoñibles.
Tamén esta semana, no referido á música, saía a nova en Cambadosweb do novo LP de 504 (a formación con compoñente cambadesa, coa anterior Bronquitis Crónica). O seu novo traballo chámase “Fondo y forma” e pode descargarse directamente e de balde na súa páxina web. Como nota ao pé dicir tamén que Peich deixou esta formación, descoñécese se abandona totalmente o mundo do rap.
E hoxe os xornais fálannos da iniciativa de Manolo Paz para crear un museo de arte contemporánea no seu taller en Castrelo. O artista precisa uns 600.000 euros para facer realidade o proxecto, que quere que estea rematado en Setembro, e xa conta cunha parte aportada por Grupo de Desenvolvemento Rural. Agora busca financiación tanto no Concello ou na Xunta como a través de fondos privados. Moi boa nova, que pode axudar tamén a mellorar a oferta de Cambados de cara ao visitante e atraer a un público moito máis especializado.