O Partido Popular elixiu (oh sorpresa!) a Luis Aragunde como candidato á alcaldía. Aragunde é na actualidade o rexedor de Cambados trala renuncia a metade do alcalde electo, José Manuel Cores Tourís, a pesar de que este dixera en campaña que remataría a lexislatura. Os populares farán a presentación de Aragunde nun acto privado na adega Martín Códax o próximo día 18, en forma de cea con simpatizantes e militantes.
O Bloque Nacionalista Galego, pola súa banda, organizou un acto público para este vindeiro venres ás 20.30 no Auditorio da Xuventude. No mitin falarán todos os candidatos do primeiro tramo e pecharán o voceiro nacional do Bloque, Guillerme Vázquez e o candidato á alcaldía por esta formación, Víctor Caamaño Rivas.
CAMBADOS(TK) ESCRIBIRÁ AOS TRES CANDIDATOS
Desde esta web remitirase nos próximos días un email a cada un dos candidatos (os xa mencionados e Domingo Tabuyo polo PSOE) para solicitarlles a súa participación nunha entrevista que se publicará nos días da campaña neste medio. Tratarase de preguntas iguais para os tres candidatos, para que haxa total equidade e transparencia, e pregaranse respostas curtas para facilitar a lectura; irase publicando cada día unha das preguntas e as tres repostas alternativas.
Neste email informaráselles da iniciativa e pregaráselles confirmación. Só se levará a cabo se 2 dos 3 candidatos deciden participar (en 2007 Cambados.tk non otivera resposta de Tourís pero si dos tres restantes candidatos).