O Bloque Nacionalista Galego de Cambados celebrou onte o seu mitin de presentación do primeiro tramo de candidatura cunha posta en escena pouco habitual. Tanto o candidato á alcaldía, Víctor Caamaño, como os primeiros cinco integrantes da lista e o portavoz nacional do Bloque, Guillerme Vázquez, atendían ao orador sentados no mesmo escenario, e cada un deles participou nas intervencións.
As dos candidatos (a excepción, obviamente, de Víctor) foron intervencións curtas e directas. A número 6, Josefina Cores, declarou que fronte a situación actual das cousas pódese “ou resignarse ou facer algo”, e por iso se comprometeu co BNG. Ela di que non está disposta a deixarlle aos seus fillos un futuro peor que o que recibiu dos seus pais.
Teresa Prado Cores destacou a necesidade de traballar polas parroquias, xa que a día de hoxe aínda hai lugares sen servizos básicos, algo inaceptable. Ernesto Falcón, número 4, centrouse no urbanisco e declarou que o Bloque non está a favor de destrozar a costa, que quere que Cambados conte cun Plan Xeral de Ordenación Municipal e medre cara o interior. Ademais, sobre as comportas do Saco, asegurou que “non se poden poñer comportas ás cloacas” e que “Cambados non pode ser coñecido polos seus cheiros”.
O número 3, Xaquín Charlín (Chon), comezou asegurando que é do Bloque “e non teño nin rabo nin cornos”, e declarou que o BNG apostará pola cultura e o deporte sen discriminar nunca a ninguén pola súa ideoloxía e rematará co partidismo na Festa do Albariño. A número 2, María Xosé Cacabelos, centrouse nos sectores produtivos, para denunciar que as políticas do PP son apoiar o centro comercial de San Miguel e un polígono deserto, e que o BNG estará ao lado dos traballadores.
Por último, Víctor Caamaño, dixo que en Cambados non houbera un cambio real de alcalde, posto que o alcalde “agora ten cargo de delegado territorial” (por Tourís), e que nos últimos 24 anos co PP en Cambados o Concello non avanzou. Houbo, segundo Caamaño, obras faraónicas e grandes promesas que ao final non se cumpren, por iso é hora dun cambio e o BNG é o único garante de que se cumpra fronte ás políticas de dereitas de PSOE e PP.
O portavoz nacional do BNG arroupou aos candidatos tamén na súa intervención, máis centrada na actualidade política galega e mesmo estatal.
Imaxe de Adela Leiro
Conversa
Os comentarios están pechados.