O mitin do pasado venres do BNG serviu, creo eu, para algo de vital importancia: inxectar moral e ilusión a toda a base social nacionalista en Cambados. Non era o mitin central de campaña, anunciouse antes de que ningunha outra formación anuciase a realización de ningún acto (o PP publicou xusto despois que eles farían unha cea) e a pesar de todo foi un éxito de participación: cheo unha vez máis o Auditorio da Xuventude.
Mentres atendía ao mitin non puiden deixar de preguntarme como nunca antes se pensara na fórmula empregada para este acto: falaron sete persoas en unha hora. Os segundos cinco candidatos fixeron intervencións dunha media de cinco minutos cada un, moi claras e directas (cada un ocupouse dun tema) e a pesar de que algúns deles nunca fixeran nada parecido os seus discursos estiveron ben feitos e ben executados. Cumpríronse dous obxectivos: non facer do mitin algo pesado (sinto dicilo, pero ás veces é así…) e dar a coñecer efectivamente o primeiro tramo da candidatura, de ti a ti, algo fundamental nunhas municipais.
O BNG, a pesar de que non vai ter o tratamento que merece na prensa, si conseguiu arrancar de La Voz de Arousa un titular moi importante: “Caamaño contra Aragunde en Cambados” (12/2/2011). Un titular que reflicte perfectamente o que queremos transmitir nestas eleccións quen nos sentimos parte do equipo de Víctor: o BNG é a única alternativa fronte ao PP.
Eu creo que comeza a percibirse xa moi claramente, que fronte á outra opción posible, o BNG representou estes catro anos a oposición constante e insistente ao lado da xente, unha formación cun proxecto sólido para Cambados e que, como se deixou entrever xa este venres no mitin, ten tamén un equipo de persoas solvente e comprometidas e non simplemente unha figura arredor da cal xira o resto do mundo.
Nestes menos de catro meses restantes hai que inundar Cambados coa ilusión que transmitiron os candidatos no acto do venres. O BNG xa ocupou de facto a forza que eu creo que lle ten que corresponder tralo 22M, a de liderar un novo tempo para Cambados.
Seguirán sendo a 3ª forza en Cambados.
Moit@s estarían felices se iso ocorre, pero dame a min que o BNG vai recuperar a 2a posición nunca debeu perder.