Soubemos hai unhas semanas que as municipais de Maio pasarán á Historia como as primeiras nas que non se admiten os votos dos chamados “residentes ausentes”, o tradicional voto emigrante. En 2007 rexistráranse 202 papeletas baixo esta modalidade, das cales 147 levaban impresas a candidatura do Partido Popular (72%).
Pero o cambio na norma si permite votar nas municipais aos estranxeiros residentes no Concello, sempre que o país da súa nacionalidade teña convenio co Estado. Un deses países é Perú, e Cambados conta cunha importante colonia de traballadores peruanos que chegaron hai anos para traballar no mar, ademais de residentes doutras nacionalidades, como os cidadáns europeos por exemplo. Segundo o Faro, en Cambados están rexistrados (e polo tanto poderán votar) 52 persoas.
Parece bastante máis lóxico que quen vote nas municipais sexan quen residan nos Concellos e polo tanto quen coñecen a realidade do que acontece; agora ben, que isto non sirva para que, agora que os que están no poder non poden empregar electoralmente aos emigrantes, tenten facelo cos inmigrantes en Cambados.